Entrevista a Eva Mejuto, autora de 22 segundos

Desde o Club de lectura LGTB Queeruña:
“(…) – Club de lectura LGTB Queeruña (Q): Como está sendo a acollida de 22 segundos? Recibiches comentarios por parte do colectivo trans galego?
– Eva Mejuto (EM): A acollida está a ser moi boa. Pasou xusto un ano desde a súa publicación e van tres edicións, isto é pouco habitual na nosa literatura. E non só polo número de exemplares vendidos, foi finalista da Gala do Libro Galego como mellor obra xuvenil do 2017 e tivo tamén una ampla repercusión mediática. Mais sen dúbida o mellor é o espazo que ocupa nos centros de ensino galego; téñenme chamado de Santiago, Vigo, Pontevedra, Sanxenxo, Viana do Bolo, Pontedeume, Cee, Camariñas, Ribadeo, Xinzo de Limia, Gondomar… Que un libro que fale de transexualidade e teña presenza activa no eido escolar, e máis do ámbito rural, é sintomático de que algo está a cambiar, que había -hai- un espazo por encher.
Por parte dos colectivos tiven boas críticas, especialmente de Arelas. Tamén é certo que eu tiven durante todo o proceso de escrita o seu asesoramento e foron varios os mozos trans que o leron antes de publicalo. Para min era e é moi importante representar o colectivo (obviamente esta é una historia individual) con dignidade, con cariño, con respecto, e iso só é posible despois dun traballo de documentación, de falar con moitos mozos trans, de captar os seus sentires, as súas circunstancias, reivindicacións… O traballo de visibilización que están a facer é admirable e moi xeneroso. (…)
– Q: Pensas que debe existir máis literatura sobre diversidade sexual en galego?
– EM: Por suposto! Moita máis! Como comentei, están a saír obras mais cómpre termos un corpus que visibilice, que lle poña nome ás cousas, que axude a ter referentes para a cidadanía, especialmente para a infancia e a mocidade. A literatura, especialmente nas primeiras idades, axuda a construír a propia identidade, a coñecer o mundo, a entendelo e, ademais, a ter conciencia crítica para TRANSformalo.”

Manuel Gago: “Defendo a literatura que podes levar á praia, á cama ou ao váter”

Entrevista de Daniel Salgado a Manuel Gago en Sermos Galiza:
“Entrevistamos o xornalista e profesor da USC Manuel Gago cando vén de publicar O exército de fume (Xerais), un exercicio de literatura popular baseada na identidade do país. “Defendo a literatura popular para entender cousas sobre nós mesmos”, afirma na entrevista.
– Sermos Galiza (SG): Por que sitúa a novela durante a Segunda Guerra Mundial?
– Manuel Gago (MG): É unha época presente nos recordos da miña familia. Eu son do Barbanza e había moita relación coas armadas alemás que chegaron despois da Gran Guerra. A miña familia viviu episodios vinculados aos submarinos alemáns, tiveron que levarlles aprovisionamentos.
– SG: Relátao nunha escena de O exército de fume.
– MG: Si. O San Roque é o barco do meu avó, quen non podía servir porque era republicano. Estaba a nome do irmán. En Ribeira había unha dotación militar alemá e algúns soldados quedaron alí. Os alemáns empezaban a deixar de ser feitos e convertíanse en lendas. Castros que fixeron os alemáns. Unha pedra famosa de cuarzo que levaron os alemáns do Barbanza, unha historia de mouros de toda a vida. Interésanme as historias que fan pensar arredor da nosa identidade. Decateime de que os alemáns eran os novos mouros. En parte ten a ver con algo que obsesionaba a nosa cultura tradicional, o outro. O alemán é un mouro. Ten grandes riquezas, está interesado no subsolo, é perigoso, non se sabe moi ben de onde vén. É a versión moderna dese antigo mito. A novela fermentou a partir de aí e dunha historia que me pasou sendo comisario da exposición Galicia 100 do Consello da Cultura.
– SG: Que foi?
– MG: Aquela mostra contaba a historia da cultura de Galiza a través de cen obxectos. Unha das pezas era o mosquetón de Foucellas.
– SG: Que no libro se chama Ramallo.
– MG: Efectivamente. Ao ter que limitarme a cen pezas buscaba obxectos polisémicos. O mosquetón dun guerrilleiro era fantástico para falar sobre cando empeza e remata unha guerra, sobre cando empeza e remata un período, preguntas así. Na exposición puxémolo ao carón das cadeas de Pardo de Cela, por ver como o poder e a represión xeran mitos de maneira indirecta. Eu facía as visitas guiadas. A partir da segunda, comezou a vir xente que atendía e, cando chegabamos ao mosquetón, quedaba alí. Ás veces choraban. Outra vez un señor contoume que o seu avó agochara a Foucellas e que este ía pola mañá correr espido entre o millo. Era xente da zona de Ordes que viña ver o condenado mosquetón. Pregunteilles por que. A parquedade e a admiración coa que falaban de Foucellas eran case equivalentes. Admirábano tanto como falaban pouco. Todo se resumía en “eran boa xente, axudaban a xente”. Non había un discurso elaborado. Abraioume entender que, para eles, eran heroes pero non sabían as palabras dos heroes.”

Ramón Nicolás recrea a memoria de Galicia e Arxentina e a represión das ditaduras en Lapis na noite

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“”Quixen establecer certo paralelismo, unha reflexión sobre acontecementos que estamos a vivir no noso tempo”. Ramón Nicolás recrea a memoria de Galicia e Arxentina e a represión das ditaduras na súa novela Lapis na noite. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 6 de xullo

A sexta feira 6 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

18:00 h. Ledicia Costas, Víctor Rivas e Andrés Meixide asinan na caseta de Secretaría.
19:00 h. Charla-coloquio sobre o libro O valor das palabras. A enfermidade como unha oportunidade, por ASEM Galicia.
19:45 h. Conversa de Pedro Feijoo con Manuel Bragado: “D’Os fillos do mar a Sen piedade pasando por Camiñar o Vigo vello”. Ao remate asinará exemplares da súa obra.
20:00 h. Henrique Dacosta asina Á deriva, publicado por Belagua, na caseta da Libraría Cartabón.
20:30 h. Presentación de Poesía reunida. Volume I (1991-1995), de Chus Pato, publicada por Ultramarinos Editora. Participan Unai Velasco, Oriana Méndez e Patricia Sánchez.

Carballo: actividades destacadas do 6 de xullo na Praza dos Libros 2018

Continúa esta nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que terá lugar no Xardín Municipal do 5 ao 8 de xullo, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h. Dentro dos actos previstos para a sexta feira 6 de xullo, destacamos os seguintes:

12:00 h. Concerto infantil de presentación do libro-disco Eu cociño. Ti cociñas?, de Mamá Cabra, publicado por Galaxia.
18:30 h. Concerto infantil de presentación do libro-disco Pakolas (Galaxia).
20:00 h. Presentación do álbum ilustrado Pioneiras. Galegas que abriron camiño, de Anaír Rodríguez, con ilustracións de Nuria Díaz, publicado por Xerais. Presenta: Melina Regueira.
21:00 h. Presentación de Contra todo isto. Un manifesto rebelde, de Manuel Rivas, publicado en Xerais. Presenta: Verónica Couto.

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 5 de xullo

A quinta feira 5 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

18:00 h. Anxo Fariña asina exemplares de Os Megatoxos e a batalla de Rande, entre outros libros, na caseta da Libraría Cartabón.
19:00 h. Fran Alonso asina Street Poems e outros libros na caseta de Secretaría.
19:00 h. Tokio asina Gol na caseta da Libraría Cartabón.
19:45 h. Presentación de Lapis na noite, de Ramón Nicolás, publicado por Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Fran Alonso e María Xosé Porteiro.
20:00 h. Marta Dacosta asina exemplares de Labirinto ou memoria, publicado por Caldeirón, na caseta da Libraría Cartabón.
20:30 h. Presentación de Alma e o mar, de Francisco X. Fernández Naval, publicada por Galaxia. Acompañarán ao autor Antonio García Teijeiro e Ismael Ramos.

Carballo: actividades destacadas do 5 de xullo na Praza dos Libros 2018

Chega unha nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que terá lugar no Xardín Municipal do 5 ao 8 de xullo, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h. Dentro dos actos previstos para o xoves 5, destacamos os seguintes:

18:30 h. Concerto infantil de presentación do novo libro-disco Coas miñas mans, de Pablo Díaz, publicado en Galaxia.
20:00 h. Presentación do proxecto de recuperación da memoria colectiva Carballo na memoria, de Xan Fraga Rodríguez, publicado por Phottic-Galaxia. O autor estará acompañado por Evencio Ferrero, Xosé Soutullo e Manuel Pan.
21:00 h. Presentación de Sen piedade, de Pedro Feijoo, publicado en Xerais.

Compostela: presentación de O exército de fume, de Manuel Gago

O xoves, quinta feira, 5 de xullo, na Librería Cronopios de Compostela (Rúa Alfredo Brañas, 24), preséntase a novela O exército de fume, de Manuel Gago, publicada por Edicións Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Lourenzo Fernández Prieto e Manuel Bragado. A presentación tamén inclúe unha sesión de narración oral que se mergulla nas historias da guerra civil e da resistencia antifranquista, con María da Pontragha, Soledad Felloza e Celso Fernández Sanmartín.

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 4 de xullo

A cuarta feira 4 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

– 18:00 h. Arantza Portabales asina na caseta de Casa del Libro.
18:30 h. Roteiro con Pedro Feijoo polos lugares recollidos no seu libro Camiñar o Vigo vello, publicado por Xerais. Nesta actividade poderán participar un máximo de 25 persoas por día previa inscrición na Caseta de Secretaría da Feira. Poden participara todas as persoas que presenten un comprobante de compra na feira. A inscrición será por rigorosa orde de chegada.
18:30 h. Presentación do novo libro+cd de Pablo Díaz, Coas miñas mans, publicado por Galaxia.
19:00 h. Anaír Rodríguez asina Pioneiras. Galegas que abriron camiño, publicado por Xerais, na caseta de Secretaría.
19:45 h. Conversa entre Ledicia Costas e Fran Alonso: Mulleres revolucionarias na obra de Ledicia Costas.
20:00 h. Iolanda Zúñiga asina exemplares de Noites de Safari, publicado por Xerais, na caseta da Libraría Cartabón.
20:30 h. Presentación de O xardineiro dos ingleses, de Marcos Calveiro, publicado por Galaxia. No acto participa, xunto ao autor, Carlos Lema.