Santiago: Coloquio con Rosa Aneiros sobre o seu libro Sol de inverno

O mércores 4 de maio, ás 19:00 h., no Centro Sociocultural das Fontiñas (Rúa Berlín, nº 13), en Santiago de Compostela, terá lugar un encontro con Rosa Aneiros, no que os Clubs de lectura de Fontiñas, Ensanche, Vite, Conxo e o do IES Antonio Fraguas conversarán con ela sobre o seu libro Sol de inverno.

Lugo: presentación de Aníbal Otero, de Xesús Alonso Montero

O mércores 4 de maio, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, preséntase o libro Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo, de Xesús Alonso Montero, publicado en Xerais. No acto participan, co autor, Alexandre Veiga Rodríguez e Manuel Bragado.

Xulia Alonso e Francisco Calo Lourido galardoados na XXVI edición dos Premios Antón Losada Diéguez

“O xurado da XXVI edición dos premios Antón Losada Diéguez otorgou o premio de creación literaria a Xulia Alonso, pola súa obra Futuro imperfecto e o de investigación e ensaio a Francisco Calo Lourido, polo seu traballo Os Celtas: Unha (re)visión dende Galicia. O xurado valorou en Futuro Imperfecto a enorme intensidade emotiva que introduce a vida dentro da literatura. Narra unha experiencia vivida que representa tamén a historia dunha xeración que sucumbiu ao engano da droga como negocio manexado por xente sen escrúpulos. A obra está editada pola Editorial Galaxia. Da obra Os Celtas. Unha revisión dende Galicia, editada por Xerais, os integrantes do xurado destacaron o rigor documental, as diferentes fontes de aproximación ao problema histórico dos celtas e do celtismo, así como o seu reflexo en Galicia, nun debate aberto que tivo a súa importancia na configuración da identidade mítica dos galegos.” Vía Asociación Galega de Editores. O xurado estivo composto por Francisco Fernández Rei, Henrique Monteagudo, Francisco Fariña, José Luís Valladares, Anxo Tarrío, Xosé Henrique Costas e Xosé Ramón Freixeiro, actuando como presidente Cipriano Caamaño e vicepresidenta María Josefa Pérez.

Santiago: presentación de Aníbal Otero, de Xesús Alonso Montero

O luns 2 de maio, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes, 6), preséntase o libro Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo, de Xesús Alonso Montero, publicado en Xerais. No acto participan, co autor, Antón Santamarina e Manuel Bragado.

Boiro: presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón

O venres 29 de abril, ás 20:30 h., no Centro Social de Boiro, preséntase o libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola editorial, o Concello de Boiro e a Asociación Cultural Barbantia, estarán presentes, ademais do autor, Antón Riveiro Coello, Xesús Laíño, Gerardo Piñeiro e Xosé Deira.

As Pontes: presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón

O xoves 28 de abril, ás 20:30 h., na Biblioteca Municipal das Pontes, preséntase o libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, publicado en Xerais. O acto está coorganizado pola editorial e a Mesa pola Normalización Lingüística.

Marín: encontro con Fina Casalderrey

O xoves 28 de abril, ás 19:00 h., na Librería Bule Bule (Avenida Jaime Janer, 25) de Marín, e con motivo da Semana do Libro, terá lugar un encontro coa escritora Fina Casalderrey, que contará contos para os máis pequenos e asinará exemplares dos seus libros. O acto está convocado pola Librería, o Concello de Marín e Edicións Xerais.