Arquivos da etiqueta: Edicións Xerais
Carlos Callón: “A represión contra o galego vai moito máis aló do franquismo, ten unhas raíces moi profundas”
Entrevista de Miguel Pardo a Carlos Callón en Praza:
“O historiador e filólogo Carlos Callón presenta estes días O libro negro da lingua galega, editado por Xerais, obra onde a través de 700 páxinas amosa e debulla multitude de documentos -moitos descoñecidos- que evidencian a represión contra a lingua galega ao longo de máis de 500 anos. Desde a época dos Reis Católicos ata a actualidade.
– Praza (P): Dixo na presentación do libro que coñecer o pasado é o único xeito de mudar o futuro e de afrontar a situación de perigo no que se atopa a lingua galega. Por que é tan importante coñecer a represión que sufriu o galego no pasado e durante tantos anos?
– Carlos Callón (CC): Ocorre que ás veces, nesta altura, cando se fala de que o galego e o castelán están en situación de igualdade, a verdade é que esa suposta igualdade xurídica e de posibilidades nin existe nin é practicable. E é bo saber que isto que acontece agora ten unhas raíces moi profundas e que van moito máis aló que do propio franquismo, que adoita utilizarse como tópico. Coñecendo estas raíces vemos que o Estado español ten unha débeda histórica co galego.
– P: Cando e como lle deu por analizar en profundidade esa represión sobre o galego?
– CC: Cando eu era presidente da Mesa pola Normalización Lingüística vía a bibliografía que sobre o tema se manexaba noutros territorios e observei que no caso galego non existía unha ferramenta dese estilo. Decidín facer algo, aínda que non dispuña de moito tempo e fun moi pouco a pouco… No comezo a miña idea era reunir o que estaba disperso en diferentes investigacións, pero fun atopando máis ámbitos onde traballar. No libro presento algunha novidade, pero nalgúns casos eu chego ata onde chego e serían precisos máis equipos de investigación para afondar. Por exemplo, no que atinxe ás multas durante o franquismo, fixen un traballo de investigación que durou meses e que na obra tradúcese nunhas poucas páxinas. Atopei dificultades porque serían necesarios máis ollos, máis mans e máis axudas públicas para continuar.
– P: O libro amosa multitude de documentos que evidencian a represión contra a lingua galega durante máis de 500 anos. Onde empeza ese percorrido?
– CC: O primeiro documento co que o inicio é do 28 de maio de 1480, na época da conquista do Reino de Galicia por parte dos Reis Católicos, que establecen que para poder ser escribán non se podería usar o galego. Os reis non dispuñan de capacidade para introducir escribáns en castelán de forma masiva e o que fan é o que se fai en moitos procesos de substitución lingüística: levalo a cabo de forma paulatina. Calquera escribán, a partir de aí, tiña que ir a Valladolid e examinarse alí e a partir desa altura, os que seguen vindo a Galicia xa non van utilizar o galego. Esta é unha disposición con alcance lingüístico, pero non podemos esquecer toda a dimensión política e a substitución de clases dirixentes galegas. Se matas a nobreza galega ou a envías ao exilio, iso tamén ten repercusións lingüísticas, obviamente. E non foi un proceso pacífico, como se demostrou no caso dos arcebispos, que ían alternando entre os que usan os castelán e os que recuperan o galego, creando un conflito significativo.
– P: Cales foron os documentos que máis o sorprenderon?
– CC: Neste traballo que durou oito anos, principalmente de fins de semana, vacacións e do tempo que me deixaba a miña vida profesional e persoal, o combustible para continuar era precisamente ese: ir atopando algo que me sorprendese. Un que me chamou a atención foi o regulamento escolar de finais do século XVIII en Pontevedra e a cantidade de documentos que hai -e que aínda pode haber por atopar- sobre como perseguir os nenos que falen galego. Advertíase de que os rapaces tiñan que perseguirse uns aos outros mesmo fóra do recinto escolar e que aqueles que fosen “incorregibles, se deshecharían“. Expulsábanos da escola! (…)”
A Coruña: actividades do 4 de agosto na Feira do Libro 2022
A Coruña: actividades do 3 de agosto na Feira do Libro 2022
María Solar: “Escribir é unha necesidade vital, sempre fun moi fantasiosa”
Entrevista de Ana Baena a María Solar en Atlántico Diario:
“(…) – Atlántico Diario (AD): O libro sairá en novembro, pero xa deu a coñecer que aborda unha relación entre dúas mulleres.
– María Solar (MS): Son dúas tramas temporais, a central sobre unha amizada mantida no tempo entre dúas mulleres, que comeza cando son rapazas. Unha faille un favor moi grande á outra que lle queda en débeda toda a vida. Establécese unha relación de dominación, case enfermiza, entre elas. A segunda trama é a actual, protagonizada por una moza quen investiga estes feitos.
– AD: Está inspirada en feitos reais ou é todo ficción?
– MS: Non se basea en nada real. Fíxome nesas relacións centradas no control e na manipulación. A novela fala das culpas por ausencia ou por presencia. Nalgúns casos os que se sinten culpables son responsables, pero noutros cárgase co que pensa ou valora a contorna. As mulleres sabemos moi ben o que é cargar con culpas que impón a sociedade como ir con minisaia ou non facer o que se espera dunha boa nai. (…)
– AD: Do seu perfil persoal, chama a atención a súa formación tan diversa. Custoulle atopar a vocación?
– MS: Din moitas voltas ata chegar ao xornalismo. Comecei maxisterio, mentres facía de actriz de dobraxe. Na escola tiven un profesor marabilloso de Bioloxía e pola súa culpa decidín estudar a carreira. Nestas chamáronme para facer unha proba na radio e aí descubrín un mundo que me encantou. Cando me licenciei, colléronme e estiven con contratos temporais. Fixen xornalismo porque realmente tiña o currículo máis raro do mundo, pero voltaría a o facer. Ser de ciencias e letras é marabilloso. É un erro que os rapaces teñan que escoller tan cedo.
– AD: Mentres non sae A culpa, ten algún proxecto en vistas?
– MS: Estou inmersa na escrita dunha novela xuvenil e xa teño pensado unha infantil. Cando veño dunha historia tan forte, con tanto ritmo, preciso un tempo para meterme na seguinte e que non se pareza a anterior, a literatura xuvenil axúdame.
– AD: Escribir é unha adicción?
– MS: É unha necesidade vital crear mundos. Sempre fun moi fantasiosa.”