María do Cebreiro gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2021

Desde Galaxia:
“A obra Maternidades virtuosas, de María do Cebreiro Rábade Villar, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2021, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia co patrocinio de Caixa Rural Galega. A xuntanza do xurado realizouse o día 21 de decembro de 2021, ás 11 horas, no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, en Santiago de Compostela.
O ensaio premiado nesta edición do Premio Ramón Piñeiro, está dotado con 3.000 euros e ha ser publicado por Editorial Galaxia durante o próximo ano.
O xurado valorou especialmente o traballo por facer unha achega accesible a todos os públicos sen perder o rigor intelectual sobre como os cambios sociais, o capitalismo, o contexto tecnolóxico e os cambios no coñecemento están intervindo a experiencia da maternidade. A autora conecta a quen le coas últimas tendencias en pensamento feminista e coa actualidade, deixando que alcance as súas propias conclusións sobre o tema
O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado por Dona María Alonso Alonso, Don Javier Barcia González, Dona Raquel C. Pico, Don Lois Oreiro e Don Carlos Lema, como secretario con voz e voto, salientou a calidade dos orixinais presentados, así como a variedade de temas tratados neles.”

Tabela dos libros. Decembro de 2021

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

“A novela dos últimos días de Manuel Antonio”

Entrevista a Xosé Ricardo Losada no Diario Cultural da Radio Galega:
“Xosé Ricardo Losada novela en O rosario e a buguina as últimas semanas de vida de Manuel Antonio contrapoñendo a voz do poeta rianxeiro coa de súa nai, dona Pura, unha mestra conservadora e profundamente relixiosa. Losada xa abordara a vida de Manuel Antonio nunha biografía e con esta obra de ficción conseguiu o premio Torrente Ballester 2020. A entrevista pode escoitarse aquí.”