Tabela dos libros. Decembro de 2019

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Jorge Emilio Bóveda somérxenos nun western galego en Deserto García

Entrevista a Jorge Emilio Bóveda no Zig-zag da Televisión de Galicia:
Deserto García é a nova novela do escritor Jorge Emilio Bóveda. É un western galego cheo de violencia dunha sociedade embrutecida. O protagonista, un garda civil retirado, foxe do seu pasado mudándose a unha aldea. A entrevista pode verse aquí.”

I Xornada de Tradución Literaria Alemán-Galego

Desde Bitraga:
“A AGX, en colaboración coa AGPTI, a Universidade de Vigo e a Universidade de Santiago, organiza a I Xornada de Tradución Literaria Alemán-Galego, que terá lugar o 25 de xaneiro de 2020 na Biblioteca Concepción Arenal (Campus Vida), en Santiago de Compostela.
Podes consultar aquí o programa.
O programa de actividades inclúe un obradoiro práctico de tradución (25 participantes). Se desexas participar, é preciso que o indiques na inscrición. Nese caso, recibirías os textos cos que se traballará con varias semanas de antelación para a súa posta en común o día de celebración da xornada.
Cota de inscrición: A inscrición para socias e socios da AGX e da AGPTI é gratuíta, para o resto de público a cota é de 10 euros, que se aboará o mesmo día da xornada.
Prazo de inscrición: até o 18 de decembro de 2019 ou até completar aforo (30 participantes).
Para anotarte, envía simplemente un correo electrónico a infoagx@gmail.com cos teus datos, indicando se desexas participar ademais no obradoiro ou non.”

Teo: presentación de Galicia, o país das marabillas, de Claudia Castro

O 5 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría A Vagoneta Educativa (Travesía de Cacheiras, 19), en Teo, preséntase Galicia, o país das marabillas, de Claudia Castro, publicada por Galaxia. Acompañando á autora, estará o escritor Xosé Antonio Perozo.

Lugo: presentación de O home que mercou un libro, de Paco Martín

O 5 de decembro, ás 19:30 horas, na Libraría Trama de Lugo (Avenida da Coruña, 21), preséntase O home que mercou un libro, de Paco Martín, publicado por Galaxia. Acompañan ao autor Antonio Reigosa e Xulián Parga.

Berta Dávila: “Gustaríame ter un alter ego para poder falar de Carrusel

Entrevista a Berta Dávila no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Berta Dávila gañou o XXXI Premio Manuel García Barros con Carrusel, unha novela de autoficción sobre unha escritora que atravesa unha crise narrativa.
A matemática, a lóxica, a música, a obsesión e a enfermidade mental son temas que afronta Carrusel. A entrevista pode verse aquí.”

Arantza Portabales: “Quixen facer unha homenaxe explícita a esas novelas de Agatha Christie que tanto me fascinaron cando era nena”

Entrevista de Montse Dopico a Arantza Portabales en Praza:
“(…) – Praza (P): O título, Beleza Vermella, refírese a unha obsesión transmitida, nunha familia, de xeración en xeración, dunhas mulleres a outras. Relacionada co conflito entre a vida e a arte, co medo a non ter abondo talento… Como xorde a idea desa familia e que quixeches retratar a través dela?
– Arantza Portabales (AP): A idea nace da imaxe da nena asasinada nunha poza de sangue que inmediatamente asociei á obra da escultura marinense Celeste Garrido. Nese intre souben que o arte estaría vencellado a esta historia. Esa era a idea inicial, pero o certo é que todo ese mundo subterráneo que latexa no fondo da novela, e que tan ben describes, non foi buscado. Si que quería poñer o mundo da arte como o escenario que envolvese a historia. E ao final todo xurdiu de xeito natural.
O conflito entre a vida e arte obsesióname, na medida en que eu tamén o vivo na miña vida diaria. Por outra banda, supoño que a novela axudoume a amosar ese síndrome do farsante que todos en máis ou menos medida agochamos. Eu son unha persoa tremendamente perfeccionista en todas as facetas da miña vida, o que me fai vivir coa tensión de non estar sempre á altura das expectativas. Supoño que trasladei iso aos meus personaxes. Pero xa che digo que non foi buscado.
– P: O núcleo da historia, en realidade, son dúas irmás xemelgas. A súa relación de “amorodio”, como din elas mesmas. O máximo amor e a máxima conexión (e dependencia), mais tamén o medo a ser peor ca outra. Ao ler, pensaba que podía ter un fondo de historia de competitividade entre mulleres, ese tópico patriarcal. Que quixeches apuntar a través delas?
– AP: Realmente parecíame moi atractivo que dúas persoas moi idénticas por fóra fosen completamente distintas por dentro, nas súas aptitudes e nas súas actitudes. Non o formulei coma unha rivalidade. De feito, para unha das dúas a relación é de admiración e dependencia. Ao final unha representa o mundo pragmático, real e cotiá que nos asolaga. A outra representa o mundo dos soños, da utopía, da creación artística sen baixar e poñer os pés no chan. Son o yin e o yang. Dúas pezas que encaixan perfectamente para compoñer un todo. Un Sancho e un Quixote. Un mundo real e un mundo ideal.
Lía fai xirar todo o seu conflito sobre esa decisión. Constantemente volve a ese aeroporto onde tomou unha decisión que non só cambiou a súa vida senón a dos demais membros da súa familia. E séntese responsable. Tamén é certo que non se arrepinte. A súa arte demándalle egoísmo, e coido que fai un exercicio de honestidade brutal. Non é unha muller de medias tintas. Toma unha decisión e non se arrepinte. E é certo que estas actitudes non se entenden na sociedade. No momento en que alguén se aparta das normas establecidas chega o xuízo social. Lía está por riba diso e revélase.
– P: Mais é unha historia chea de conexións entre os personaxes. E unha desas conexións é a perda dun fillo/a. Varias veces sae a idea de que para iso non hai nin nome. Que ten este libro de reflexión sobre iso?
– AP: Sempre digo que a maternidade aprendeume o significado real da palabra medo. Se tiña que amosar un crime e a dor dos que o rodean, o peor escenario posible parecíame o dunha filla morta. O asasinato é un acto antinatural. A morte dun fillo tamén. As dúas cousas xunguidas parecíame que sublimaban o horror. (…)”