Feira do Libro de Santiago: actividades destacadas do martes 2 e mércores 3

O martes 2 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para o martes 2 e mércores 3 de maio:

Martes 2
19:30 h. Presentación de Once portas, de Héctor Cajaraville, publicado por Xerais.
20:30 h. Presentación de Galegocalantes e galegofalantes, de Carlos Callón, publicado por Xerais.

Mércores 3
19:30 h. Presentación de O Códice esmeralda de Alberte Blanco, publicado por Xerais.
19:30 h. Presentación de O misterio de Portomarín, de Antía Yáñez, publicado por Galaxia. No acto participan, xunto á autora, Francisco Castro e David Vázquez, director do documental Asolagados.

Feira do Libro de Santiago: actividades destacadas do sábado 29 e domingo 30 de abril e luns 1 de maio

O sábado 29 de abril comeza a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para o sábado 29 e domingo 30 de abril, e luns 1 de maio:

Sábado 29
19:00 h. Concerto-presentación de Volta, revolta e reviravolta, de As Maimiñas, publicado por Galaxia.

Domingo 30
19:00 h. Espectáculo musical O mundo de Carliños, de Luís Vallecillo, baseado na figura de Carlos Casares.

Luns 1
18:00 h. Obradoiro de escrita, por Fernando M. Cimadevila: “Claves para a escrita e a publicación dunha novela”.
19:00 h. Presentación e recital sobre Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda, libro coordinado por Miro Villar e Xosé M. Lobato, e publicado por Alvarellos.
20:00 h. Presentación de Eugenia Osterberger: A compositora galega da Belle Époque (1852-1932), de Beatriz López-Suevos, Susana de Lorenzo e Rosario Martínez Martínez, publicado por Ouvirmos.

Marta Dacosta: “Vivimos nunha sociedade enferma”

Entrevista a Marta Dacosta en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): Fío é unha verba constante no poemario [Na casa da avoa], como se repite na historia das mulleres a loita contra o destino.
– Marta Dacosta (MD): O que pretende o libro é construír unha nova idea de muller. A pesar do paso do tempo, nós necesitamos falar da nosa realidade. Recentemente, pasou pola televisión unha serie na que aparecía un personaxe histórico galego, a raíña dona Urraca. Mostrábana como unha persoa manipuladora, mala. Ese é o prezo que paga a memoria desa raíña. Na Idade Media, era unha muller antinatural porque en lugar de deixarse someter, reclamou para exercer o seu dereito como herdeira lexítima. A sociedade quixo impoñerlle o ideal de muller como obxecto. Iso recólloo no último poemario do libro. Aparece como oculta na néboa, fáltannos datos sobre ela.Este é un exemplo de como hoxe prevalecen os prexuízos.
– FdV: Un estudo entre alumnos da ESO en Santiago recolle a dominación machista nas redes sociais con adolescentes.
– MD: Os alumnos son reflexo da sociedade e repiten o que ven. Todas e todos vivimos nunha sociedade determinada, que está enferma de machismo, de patriarcado. Cada un de nós está enfermo. Algúns somos conscientes desa situación. Tivemos que librar as nosas propias batallas para chegar a ese punto. É certo que avanzamos pero tamén é verdade que, ás veces, os medios que temos para transformar a sociedade non actúan para iso. Unha polémica reiterada é como se recollen os feminicidios nos medios. Non se fala claramente de violencia ou asasinato machista. No seu lugar, aparecen eufemismos para ocultar a realidade. Os adolescentes viven nesta sociedade, consumen publicidade? e vemos que a eses ámbitos se traslada o machismo. Non podemos ser etiquetadas de maneira desprezativa.
– FdV: En Na casa da avoa abunda a mitoloxía, como ve a perda no currículo da Filosofía, Grego ou Latín.
– MD: Estannos empobrecendo. Se podemos expresarnos con corrección e ter bagaxe cultural ampla, vai en beneficio noso. A cultura constrúenos como persoas, dános capacidade crítica. Se se nos priva delas somos máis pobres e menos capaces de analizar. Ímonos facendo analfabetos para comprender o mundo.”

Ana Cabaleiro: “A voz da muller non sempre tivo unha consideración igualitaria no mundo da literatura”

Entrevista de R. Castro a Ana Cabaleiro en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Vés de publicar a túa primeira obra, entras nas listaxes dos máis vendidos e, ademais, bendecida pola crítica. Como foi este parto de Sapos e Sereas, que ademais é o teu primeiro?
– Ana Cabaleiro (AC): Ben, realmente a min píllame un pouco desprevida todo isto porque toda a miña ambición era escribir os relatos, xuntalos nun libro e conseguir publicalos. Entón unha vez que o vexo, parecía que esa parte do soño estaba cumprida e aí está a miña función como escritora, que é algo no que longamente levo traballando e a parte toda de como é recibida polo público e pola crítica é algo que de momento non me atrevo a valorar, aínda que obviamente estou contenta e satisfeita.
– SG: Empezas a publicar agora, pero desde cando escribes? Cando comezaches a escribir?
– AC: Realmente é un pouco difícil, empecei a escribir como case todo o mundo, supoño, na adolescencia, e despois sempre hai unha viraxe entre que escribes nos ocos libres, cando queres desafogar ou cando che parece que estás algo inspirada, a cando empezas realmente a plantexalo como unha tarefa e como unha responsabilidade. Cando queres contar xa cousas conscientemente, cando queres darlle unha voz ou un determinado punto de vista ás historias ou cando empezas a reflexionar sobre cuestións estéticas, sobre cuestións de narrativa, sobre como contan as cousas ou como che gustaría que se contasen. Entón entras nesa segunda parte, cando lle queres dedicar unha parte importante do teu tempo a ese traballo, porque é un traballo, desde o meu punto de vista. No meu caso, como non tiña -digamos- un plan concreto, fun achegándome a diversos obradoiros de escrita, que hai moita xente que renega deles, pero eu confeso e digo abertamente que foi o que me cambiou totalmente a perspectiva. A chegada doutras persoas que escriben, persoas que tiven de mestres, que son escritoras e escritores recoñecidos e moi xenerosos e que nos abriron a súa maneira de pensar e de plantexar a escrita, axudoume moito a pensar en serio como quería afrontar a miña responsabilidade como escritora. Aí eu creo que llo teño que agradecer sobre todo a Francisco Castro, unha persoa que sempre me axudou e apostou por min e que ademais me axudou moitísimo a atopar a miña propia voz, porque é algo que inconscientemente temos, pero ás veces non somos quen de velo abertamente e de poder explotalo dun xeito consciente. Entón aí foi onde se produciu toda a viraxe e onde por fin podes chegar a ver ese produto, porque aínda que é un produto, porque ten un prezo e se vende, para min realmente publicar é como un soño que despois de moitos anos se converte en realidade. (…)”

Emma Pedreira: “A estética pola estética non me interesa”

Entrevista de M. Obelleiro a Emma Pedreira en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Son eses os fobólogos, termo acuñado por ti, dos que falas no teu último libro Bibliópatas e fobólogos?
– Emma Pedreira (EP): A etimoloxía existe, o fobos como un rexeitamento a algo e logo para a palabra. Sería o antónimo ao filólogo, que é quen ten amor polas palabras. Estámolo vendo e vivindo constantemente, existen os fobólogos e as fobólogas, esa xente que che di “no me hables en gallego que no te entiendo”, “yo lo entiendo pero no lo hablo”… Iso é foboloxía, un odio por esa lingua, por esas palabras e unha impermeabilidade total a que ese idioma entre ti. E proliferan, cada día máis.
– SG: O feminismo está presente en toda a túa obra, por que?
– EP: Si, podes ver máis poemas feministas, de corte máis social, que eróticos. A muller sempre está, as devanceiras, a loita no agro… ou os distintos tipos de violencia contra as mulleres. Hai un libro enteiro dedicado ao maltrato que se dá nunha parella e nunca se tivo en conta esa característica. Falamos de críticos que teñen que poñer en valor as características e temas dese libro e deciden que como se di “teta” nun verso é un poemario erótico pero non están vendo que é unha teta dunha muller que está morta porque a súa parella acaba de matala. É unha cousa que me molesta bastante. Aí póñome snob. Eu penso que se a poesía non ten compromiso, non vale para nada. A estética pola estética non me interesa. Temos a potencia da palabra e témola que encher de contido, de compromiso, de loita… que sirva para algo. Gastar 20 euros nun libro de poesía que supoña en ti unha idea de revolución fai que ese libro, ese esforzo, pague a pena. Se non, non me interesa. (…)”