Francisco Castro: “Ás mulleres propóñenselles ideas do amor inalcanzables”

EntrevistaFrancisco Castro 2016 de Xesús Fraga a Francisco Castro en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Emma Bovary tiña unha idea do amor polo que lía nas novelas románticas: polo que se ve na súa protagonista [Amor é unha palabra coma outra calquera], as cousas en dous séculos non cambiaron.
– Francisco Castro (FC): Sen dúbida. Non cambiou en absoluto. Máis ou menos a idea «do que debe de ser o amor» segue a construírse cos mesmos materiais, en especial nas ideas que se lle transmiten ás mulleres e a necesidade de que se «completen» cun home que as queira e as faga sentir especiais e queridas e non sei que. Se colles calquera revista das que len as adolescentes, están inzadas de reportaxes na liña de «como volver tolo ao teu rapaz» ou «aprende a darlle pracer». A idea segue a ser a mesma: tes que aprender a facelo feliz e só así serás ti feliz. O amor entendido coma unha falsa actividade. En realidade, é pasividade. (…)
– LVG: Emma Bovary e Carla son mulleres. ¿Como afecta particularmente ás mulleres a convención social do amor?
– FC: Dalgunha maneira era o que antes dicía. Os mecanismos da sociedade patriarcal traballan duro para someter ás mulleres, e dende o amor e a súa idealización se ten feito un traballo moi claro neste sentido. A elas edúcaselles, malia a aparencia última de liberdade sexual contemporánea, na represión. O amor é o sexo, que son a mesma cousa (aínda que o sexo sexa algo casual e dunha única vez incluso con alguén descoñecido, é, como se mantén na novela, unha forma de amor) pero no caso das mulleres aprendémoslles a desvincular unha cousa da outra. O platonismo ten feito estragos na cultura occidental. No caso das mulleres, ademais, o traballo foi letal. Propóñenselles ideas do amor inalcanzables, que esixen moito delas. Aínda que tamén se lles pide do corpo, da capacidade profesional, que sexan nais perfectas, fillas perfectas?”

Francisco Castro: “Temos que carnalizar máis e platonizar menos o amor”

EntrevistaFrancisco Castro 2016 a Francisco Castro en Coruña Daily News:
“(…) Amor é unha palabra coma outra calquera é o título da súa última novela. Trátase non só dunha historia sobre o amor romántico, ou máis ben dunha crítica del, senón unha novela de suspense e misterio no que nada é o que parece, cun ritmo trepidante, de áxil lectura, que atrapará ao lector en temas como a realidade, os sentimentos e a maneira de vivir a vida.
– Coruña Daily News (CDN): Esta é unha novela de amor contra o amor. Por que un sentimento tan puro pode ser tan daniño?
– Francisco Castro (FC): O sentimento non é daniño, o que é daniño é o amor instrumentalizado como mecanismo de poder. Por iso eu digo que amor é unha palabra coma outra calquera, ou non, porque é a gran palabra.
– CDN: Como chegamos ata este punto?
– FC: Como case todo, ten unha explicación que ven de atrás. Ten moita razón Nietzsche cando nos explica que de Sócrates en diante, sobre todo coa aparición do cristianismo, e logo do catolicismo como relixión dominante, houbo unha idealización do amor como algo supremo e puro que está por encima da sexualidade e da corporalidade. Aí é cando empezamos a interiorizar, sobre todo as mulleres, porque é un mecanismo de dominación do patriarcado, esa idea de que para completarse é necesario un príncipe azul, unha media laranxa, alguén que nos dote de sentido. É aí cando caemos no amor romántico, nesa busca dun ideal de perfección de vida que realmente non existe. (…)
– CDN: A novela comeza coa aparición dun cadáver na casa de Carla, a protagonista. Pode dar algunha pista ao lector?
– FC: Interésame moito esta pregunta porque esta é unha novela que, desde o primeiro instante, está xerando un debate moi intenso arredor do concepto do amor ou da sexualidade que parece que case é máis un tratado ca unha novela. E non. Estamos diante dunha novela de corte policial. Temos un enigma que resolver, un cadáver que aparece en estrañas circunstancias e unha investigadora, unha policía, que informa á protagonista de que hai algo estraño que necesita aclararse.
– CDN: Que é o que máis salientaría desta novela?
– FC: Espero ter conseguido unha obra entretida, que o mesmo tempo obrigue a quen a le a interrogarse sobre a vida e os sentimentos. Interésame moito que a literatura que escribo sirva para remover o interior das persoas. (…)”

Coñécense as novelas finalistas da XXII edición do Premio San Clemente

Desde o Instituto Plurilingüe Rosalía de Castro:
“O mércores 16 de marzo presentáronse as novelas finalistas da XXII edición do Premio Literario Arcebispo San Clemente. En lingua galega son:
Amor en alpargatas, de Manuel Portas (Xerais).
As últimas galerías, de Xosé María Álvarez Cáccamo (Galaxia).
Izan o da saca, de Xabier Quiroga (Xerais).”

Manuel Portas dedica a súa quinta novela a un trobador do medievo chamado Lourenço

ArtigoManuel Portas en Tempo de lecer Ourense:
“(…) Na súa intervención, Xosé Manuel Eyré, por facer una comparativa cos traballos anteriores de Manuel Portas, citou Faneca Brava, “polo feito de que tenta e busca a necesidade de lembrar, de ter memoria e de progresar”. Resaltou que Lourenço, xograr “trata unha época pouco abordada na literatura galega e que consegue mititficar uns séculos da nosa historia. Ademais, auguroulle unha importante repercusión, sobre todo no ámbito educativo, onde segundo o propio Eyré poderá ser lido como libro de cabeceira dunha época.
A lectura de Lourenço, Xograr divídese en dous libros. No libro un céntrase na figura de Lourenço, un humilde axudante dun ferreiro que busca progresar. E un segundo libro no que son protagonistas diferentes personaxes. Ademais, cada un deles céntrase nunha viaxe: O primeiro a Compostela e o segundo a Toledo.
E con estas pinceladas para situar o libro, Manuel Portas tomou a palabra para comenzar recoñecendo que “desfrutei escribindo este libro”. Un libro que escribiu movido, por unha banda, pola motivación persoal que xurdiu froito dun estudo de cando estudaba Filoloxía e que fixo que chegase ata a figura de Lourenço, “un xograr do que pouco se sabe pero cunha grande virtude. E un inconformista, é con máis mérito tendo en conta de que falamos da época medieval e dos estamentos onde era moi difícil que un axudante de ferreiro chegase a trobador, o trobador máis famoso da literatura galego portuguesa”.
Da figura de Lourenço “sabemos moito polas numerosas cantigas nas que aparece. Acompañaba a un nobre vido a menos, Xoán García, e era, sen dúbida un bo poeta. Esto sábemolo porque todos querían ‘penzoar’ (regueifar) con el, co cal, algo de bo había de ter…”, comenta Manuel Portas. E todo elo nunha época na que a guerra “é literatura en si mesma, sen necesidade de inventar nada, con asaltos a castelos, batallas, cruces de historias…” (…)”

Literatura de terceira época

Reportaxe de Manuel Gago en Cultura Galega:
“A vellez e a ollada retrospectiva das persoanxes é un motivo frecuente da literatura, pero nos últimos anos, co envellecemento da sociedade galega e o alongamento da vida, estamos a asistir a unha maior estensión das enfermidades nuerodexenerativas, aquelas que afectan a temas tan literarios como a memoria, a identidade ou ao sentido de lugar. Analizamos cos seus autores obras recentes sobre a aventura de ser (moi) maior.
Galicia estase volvendo anciá. A poboación do país a inicios de 2016 tira claramente cara o envellecemento. Dos máis de dous millóns setecentos mil habitantes, 680.720 superan os 60 anos mentres só 249.581 están por debaixo dos dezanove anos. A prologación do tempo de vida tamén multiplica a presenza de enfermedades neurodexenerativas, coma o alzheimer, cunha incidencia tan directa en dous temas tan literarios como a identidade e a memoria. Tras estes fríos números hai unha dura realidade social, de vidas encontradas, de responsabilidades asumidas, de procesos lentos que marchan ás persoas. E esa realidade acaba plasmándose na literatura galega.
ParaAlberto Ramos Alberto Ramos, autor de Máscaras rotas para Sebastian Nell (Galaxia, 2015), na Galicia actual “todos coñecemos o que é o declive dunha persoa de moita idade. Saber da dependencia é algo que nos toca a todos, así que hai moito de observación da vida real, de xente próxima”. Ramos sitúa ao protagonista da súa última novela, un actor británico de avanzada idade que afronta unha longa entrevista biográfica encamiñada a redactar as súas memorias tras un diagnóstico de alzheimer. “A enfermidade foi o marco para permitirme facer un libro sobre a memoria”, explica Ramos. “Ese momento vainos pasar a todos máis tarde ou máis cedo. Sospeito que a case ninguén lle van saír ben as contas e, se che saen ben, iso é preocupante”, comenta irónico.
A difícilAntón Riveiro Coello experiencia persoal no coidado de persoas maiores é determinante e cada vez máis está presente nas ambientacións que os escritores levan ás súas obras. Durante a presentación en Compostela de Os elefantes de Sokúrov, de Antón Riveiro Coello, o escritor aludiu a como o marcou persoalmente a experiencia persoal de atender aos seus pais durante a súa vellez. Dese tránsito persoal acabou saíndo parte da ambientación da novela, onde a súa protagonista, Janis, de trinta anos, traballa atendendo a varias persoas de avanzada idade que van xogar un importante papel na sucesión da novela.
Esa relaciónMiguel Sande vital plásmase tamén en A vida fóra (Galaxia, 2011), de Miguel Sande. “Está inspirado na miña propia avoa”, afirma Sande, “xa que ao igual que a personaxe de María, ela tamén estivo moitos anos nunha cadeira de rodas e os últimos anos vendo pasar os días e a vida pola fiestra”. Para Sande, “o motivo final era facer unha pequena homenaxe ás avoas, as matriarcas que sostiveron este país, aínda que a disposición era relativamente arriscada”. Para iso, situou a María, a súa personaxe, nunha cadeira de rodas no interior dunha habitación, onde transcurre físicamente toda a novela. “Podería parecer unha historia moi triste, pero en realidade non o é”, sinala o autor, quen afirma que “a señora María ten unha peculiaridade. É unha anciá con pensamento de nena. Ela xa ten demencia senil e di que lle comezaron a morrer palabras. Por exemplo, ela quere un chocolate quente antes de que lle morra a palabra chocolate e non saiba como pedilo. Así que o lector, grazas a ese toque infantil que dá a demencia, le a novela cun sorriso nos beizos.” (…)”

Entrevista a Mercedes Queixas, autora de Labrego con algo de poeta

EntrevistaMercedes Queixas 3 a Mercedes Queixas en Galaxia:
“- Galaxia (G): Por que este título para este libro [Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María]?
– Mercedes Queixas (MQ): Procurei un título que achegase ao público lector unha definición totalizadora do autor e pareceume que eses versos seus tirados do poema titulado “Carné de identidade” o eran. A íntima conexión coa Terra e a necesidade de pulsar incansabelmente o convivio coa Poesía foron a cerna do ser e do sentir vital de Manuel María.
– G: Cal foi a principal dificultade coa que te atopaches á hora de encetar este traballo?
– MQ: Manuel María aínda é sentido en presente, non o vemos, mais a súa obra, tan popularizada en vida, segue nas lecturas e relecturas de moita xente, así como a emoción das lembranza de vida compartida.
A Manuel María nada lle era alleo no seu tempo, as claves da súa vida e da súa escrita, camiños paralelos, están marcadas pola acción, pola implicación, o que explica a súa presenza e acompañamento en multitude de actos ora de xénese literaria ora formativa, divulgativa ou reivindicativa, xunto á súa necesidade de percorrer o País para o coñecer e, ao tempo, se coñecer a si mesmo e a súa tribo, o que o levou a manter contacto con multitude de persoas, colectivos, asociacións, etc. que o seguen a lembrar como memoria viva.
Manuel María era un gran conversador e un brillante orador, é difícil non sentirmos aínda en nós a súa voz penetrante e segura, o discurso do intelectual comunicador próximo ao auditorio.
É unha figura tan viva, tan apreciada, que quixen que nesta biografía tivesen voz propia algunhas persoas que testemuñasen a relevancia do noso autor como poeta e como cidadán amante do seu pobo, comprometido co seu presente e futuro.
Non poder dar cabida a moitas máis voces nese coro para min tan necesario, xunto á necesidade de sintetizar unha vida tan intensa no plano individual e colectivo do autor do maior corpus literario desde 1950, foi sen dúbida a maior dificultade.
Saleta Goi, a compañeira e confidente do poeta, quen me transmitiu toda a confianza necesaria para este traballo e a quen debo a maior das gratitudes. (…) Sigue lendo