Fina Xaime Isla Couto, o último da xeración Galaxia

“O economista e Presidente de Honra de Editorial Galaxia Xaime Isla Couto morreu este mércores 25 de abril en Vigo. Isla Couto foi un dos fundadores de Editorial Galaxia en 1950 e unha importante personalidade no ámbito da cultura galega e da galeguización da empresa e da banca en Vigo durante o século XX. (…)” Vía Cultura Galega.

Premios da Crítica 2011: Olga Novo e Antón Riveiro Coello

En representación da Sección da Crítica da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Laura Caveiro envíanos a noticia oficial sobre os galardoados de 2011 en lingua galega:
Poesía: Cráter, de Olga Novo, poemario publicado en Toxosoutos en 2011. “Cinza, lava, pedra e rocha son fenómenos que acompañan a erupción dun volcán ou o choque dun meteoro, e no poemario Cráter representan as “emanacións vitais” da autora, aquí poetizadas”.
Narrativa: Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello, novela publicada en Editorial Galaxia. “A partir de datos reais, como a vida de Mercedes Núñez, presa no cárcere de Ventas e confinada no campo nazi de Ravensbrück, o autor compón con mestría varias historias arredor do sentimento de culpa en situacións de inferno colectivo, con distintos narradores e escenarios: Pobra do Caramiñal, Compostela, Carcassone, Nova York e Berlín.”

Coñécense os gañadores do Concurso Inspiraciencia

“Xa se coñecen os gañadores nas distintas categorías do II Concurso de relatos de inspiración científica Inspiraciencia e no que, por vez primeira, tamén puideron participar relatos en galegos pois Editorial Galaxia se incorporou este ano á organización. Así pois, no que se refire á nosa lingua, o xurado decidiu conceder o primeiro premio da modalidade Relato corto, categoría Adulto, ao relato titulado Crecer, do autor Martín Pérez e mencionar como finalista ao relato Alea iacta est, de autor Pedro Antonio Labraña. O primeiro premio da modalidade Microrrelato, categoría Adulto, foi para o relato titulado Uchronia Labs, de Enrique Neira. Mencionouse como finalista ao relato Microscópico!, de autor André Ventas. Na modalidade de Relato corto, categoría Xuvenil, o relato titulado Carta de Nikola Tesla a Thomas Edison, de David Novo foi o gañador, e recibiu unha mención como finalista o relato Un día diferente, de Andrea González.” Vía Galaxia.

Víctor Freixanes, premiado co Rosa dos Ventos polos alumnos dun instituto de Bos Aires

“Os alumnos de quinto curso de bacharelato do instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires puxeron en marcha este ano un premio de carácter anual que homenaxea a quen distíngase para achegar a cultura galega nas dúas beiras do Atlántico. Este ano os alumnos de máis idade do centro educativo da capital arxentina escolleron a Víctor Freixanes como primeiro merecedor deste galardón. As razóns do premio, que será entregado o xoves 19 de abril nas instalacións do Centro Galicia, foron xustificadas polos estudantes co argumento de que Freixanes é «un guieiro que acubilla o respecto polo labor desenvolvido nesta beira do Atlántico a prol da cultura galega». Lembraron as veces que o escritor participou en actividades da comunidade escolar «apoiando os traballos do centro educativo» e introducindo na súa realidade «a importantes figuras académicas e políticas da cultura» galega. Ademais de recoller o premio outorgado polos alumnos do Santiago Apóstolo, un instituto que se denomina galego-arxentino, Víctor Freixanes participa como director de Galaxia na Feira do Libro de Bos Aires, que comezou o pasado luns. Por primeira vez, unha editorial galega representa ao sector español nas mesas de debate. Neste caso, Freixanes participará nunha mesa redonda baixo o título A experiencia dos protagonistas, dedicada ás novas tendencias da industria editorial. (…)” Vía La Voz de Galicia.

Editorial Galaxia abrirá un selo propio en Buenos Aires

“Titularase Mar MAIOR-Editorial Galaxia e concíbese como a “editorial dos galegos no mundo”, unha plataforma de difusión da cultura galega que, segundo as programacións iniciais, empezará a andar en Buenos Aires no ano 2013. Así o anunciou o director de Galaxia, Víctor F. Freixanes, na mesa de debate Tendencias dentro da Feira Profesional do Libro, una das ponenciais inaugurais, á que por primeira vez foi invitado oficialmente un editor galego. (…) Tratábase de presentar alternativas á crise do sector e as mudanzas que se están a producir no ámbito mundial do libro. O director de Galaxia expuso dous proxectos para o crecemento, “única maneira de afrontar a crise”: a Plataforma Dixital da Cultura Galega, no que se está a traballar xunto coa Universidade de Santiago e o departamento de informática da Universidade da Coruña, e o proxecto MAR MAIOR, unha plataforma de edición da cultura galega a través das redes sociais de galegos no mundo. (…)” Vía Galaxia.

Santiago: presentación de Globalización e imperialismo cultural

O martes 17 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Globalización e imperialismo cultural, compilado e traducido por Manuel Outeiriño, publicado en Galaxia, quen participará no acto xunto a Carlos Lema e Antón Figueroa.

Vigo: presentación de Esperando o leiteiro, de Xosé Neira Vilas

O mércores 11 de abril, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal Xosé Neira Vilas (Avenida Martínez Garrido, 21), de Vigo, Xosé Neira Vilas presenta a súa nova novela, Esperando o leiteiro, publicada por Galaxia. Estará acompañado por Víctor F. Freixanes e Isaura Abelairas. No acto a actriz Uxía Blanco realizará a lectura dalgúns fragmentos da obra.
Crónica posterior en Galaxia.

Antón Riveiro Coello: “Non abonda dicir o pasado, hai que tentar comprendelo”

“O escritor Xesús Fraga entrevista nas páxinas de Cultura de La Voz de Galicia, ao autor de Laura no deserto, Antón Riveiro Coello. Na mesma, desgránanse polo miúdo algúns aspectos desta novela de exilio e segredos familiares. Podes baixar a conversa completa, en formato PDF aquí.” Vía Galaxia.

Vigo: presentación de Un soño na bandexa, de Mariné Lorenzo

O luns 2 de abril, ás 18:00 horas, no MARCO de Vigo, preséntase o libro Un soño na bandexa, de Mariné Lorenzo, publicado en Galaxia. O acto consistirá nun contacontos seguido da presentación, onde intervirán, xunto á autora, Jorge Vázquez e Francisco Castro.