“O Consello da Cultura Galega presentou a terceira edición de O pórtico poético dos Seis poemas galegos de F. García Lorca, editados por Luís F. Pérez. É unha obra imprescindible para adentrarse no proceso de confección e na vida posterior dos Seis poemas galegos que Federico García Lorca redactou na nosa lingua, así como no papel de Eduardo Blanco-Amor na difusión desta obra. Ramón Villares, presidente do CCG, definiu a obra de Lorca como un dos “monumentos da literatura galega”. A obra inclúe un CD cunha conferencia de Eduardo Blanco-Amor sobre os poemas galegos de F. García Lorca.”
Arquivos da etiqueta: Eduardo Blanco Amor
Lugo: presentación de On a bender/A esmorga, de Eduardo Blanco Amor
Craig Patterson: “A verdade fala calquera lingua, galego ou inglés”
Entrevista a Craig Patterson en La Voz de Galicia:
“Cibrán, o Bocas e o Milhomes falan inglés. Hoxe preséntase en Cardiff On a Bender, a tradución de A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, por Craig Patterson, profesor desta universidade e presidente da Asociación Internacional de Estudos Galegos.
– La Voz de Galicia (LVG): ¿Como xurdiu esta versión?
– Craig Patterson (CP): En xaneiro do 2009, cando a Deputación de Ourense e o PEN Club de Galicia me ofreceron a posibilidade de producir a primeira tradución da obra, non puiden rexeitar a proposta. Púxenme en contacto con Galaxia e Planet, a editorial galesa que xa publicara a Castelao, Ferrín e Casares, e que ten un longo compromiso coa cultura galega. (…)
– LVG: A esmorga é unha historia local e universal a un tempo.
– CP: Si, a novela plasma unha galeguidade inequívoca, unha cosmovisión retranqueira dos personaxes principais que revela unha tendencia a gustar da vida malia as dificultades e do moito que nos choiva. A súa gran universalidade consiste na relación que plasma entre o convencional e o marxinal, entre a conformidade e sermos fieis a nós mesmos. Hoxe, cando nos derruban décadas de progreso de benestar e mobilidade social, cando os banqueiros se enriquecen mentres sobe o paro, lembrámonos da necesidade de desafiar e mesmo negar os discursos que nos tiran encima. A gran verdade universal da novela é esta: xuntos, resistimos; divididos, caemos. E a verdade fala calquera idioma, sexa galego ou inglés. (…)”
Recital Antolóxico da Poesía Galega dos séculos XII ao XX, en 1956
Desde Cultura Galega:
“Eduardo Blanco Amor coordinou o Recital Antolóxico da Poesía Galega dos séculos XII ao XX, que se celebrou en Bos Aires o 24 de xullo de 1956, nos locais do Centro Galego. Contou coa colaboración da Asociación Galega de Universitarios, Estudantes e Artistas. Este documento sonoro excepcional foi o primeiro recital antolóxico da poesía galega. Contou coas voces de Fernando Iglesias Tacholas, Pilar Lebrón, Lita Soriano, Anita Fontao e Lito López. Agora podes escoitar este volume 15 da colección As Nosas Voces que o Arquivo Sonoro de Galicia editou en 1998.”
Ourense: roteiro literario A esmorga
O venres 27 de xaneiro, a partir das 18:30 horas, terá lugar unha nova edición do roteiro A esmorga, convocado pola Sección de Literatura do Liceo de Ourense. A saída efectuarase desde a Avenida de Zamora, para logo irse desprazando polos lugares que percorreron os personaxes da inmortal novela de Eduardo Blanco Amor. A lectura de textos será a cargo dos alumnos do Instituto da Carballeira, e as notas á marxe do Roteiro da Esmorga por Carlos Rafael, pechándose diante da estatua do escritor ourensán na Praza do Bispo Cesáreo, e rematando cun viño galego na Sala de Tertulia do Liceo.
Ourense: VIII Xornada de homenaxe a Eduardo Blanco-Amor, polo Centro PEN de Galicia
Ourense: curso A marxinalidade na cultura: a homosexualidade, coordenado por Carlos Callón, do 29 de novembro ao 2 de decembro
Santiago: Blanco Amor ou a paixón das marxes, no ciclo Galicia, ceo das letras
O sábado 11 de xuño, dentro do Ciclo Galicia, ceo das letras. Sábados de autor, que se desenvolven na Cidade da Cultura, terá lugar esta actividade amadriñada pola AELG: Blanco Amor ou a paixón das marxes, que pretende reivindicar para Eduardo Blanco Amor o lugar que lle corresponde na nosa literatura. Blanco Amor é recoñecido como un dos nosos máis lúcidos escritores clásicos, autor dunha obra literaria completa e innovadora desde o punto de vista técnico e lingüístico, que, no entanto, non sempre foron argumentos sólidos para evitar certa marxinalidade do autor en vida. O programa é o seguinte:
– Inscricións:
• Inscrición libre e gratuíta no teléfono 881-979 010 ou na web da Cidade da Cultura, até completar aforo.
• O prazo límite para inscribirse conclúe 24 horas antes do comezo de cada sesión. O período de inscrición abrirase un mes antes da data de celebración da sesión.
• A inscrición será efectiva unha vez que a persoa solicitante reciba confirmación por parte da organización.
Para acceder ás sesións é preciso mostrar copia impresa da confirmación no punto de información da Biblioteca de Galicia.
– Visitas guiadas. As persoas inscritas poderán realizar unha visita guiada á Cidade da Cultura de Galicia unha hora antes do inicio da sesión (11:00 AM).
– A hora prevista de remate oscilará entre as 14:00 e as 14:30, dependendo da duración das actuacións artísticas. Ao concluír cada sesión servirase un viño galego por cortesía das Bodegas Martín Códax.
– Accesos á Cidade da Cultura:
•Servizo de buses lanzadeira desde o Multiusos do Sar a partir das 10:30 AM e cunha frecuencia de 10 minutos. O autocar regresará ao punto de partida ao finalizar cada sesión.
Ourense: nova edición do Roteiro literario de A esmorga
O venres 10 de decembro, a partir das 18:30 h., a Sección de Literatura do Liceo de Ourense convoca unha nova edición do Roteiro Literario de A esmorga, que terá o seu inicio no lugar de saída habitual, na Avenida de Zamora, para logo irse desprazando ao longo da cidade medieval polos mesmos espazos físicos e emotivos que percorreron os personaxes da inmortal novela de Eduardo Blanco Amor, estando nesta ocasión a lectura dos textos a cargo dos alumnos do Instituto Otero Pedrayo. O peche deste novo Roteiro farase diante da Estatua do escritor ourensán na Praza do Bispo Cesáreo, rematándo cun viño galego na Sala de Tertulia do Liceo.