Arquivos da etiqueta: El Correo Gallego
Histórica unión arredor do libro, por Henrique Alvarellos
Artigo de Henrique Alvarellos en El Correo Gallego:
“Non tivo moito eco, ata agora, nos medios de comunicación, mais foi unha nova sen precedentes. Un fito que podemos cualificar de histórico. En Galicia, falar de unión e fuxir é todo un, pero a pasada semana tivemos unha gran excepción. Chámase Gala do Libro Galego e será unha festa literaria que terá lugar en maio de 2016. Nela recoñeceranse as mellores obras publicadas en Galicia durante todo este ano. Para organizala e celebrala puxéronse de acordo, fusionáronse, os tres grandes gremios do sector do libro en Galicia: a Asociación Galega de Editores, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Federación de Librarías de Galicia.
Ata hoxe, cada un organizaba as súas propias galas, entregaba os seus respectivos premios, elexía aos seus xurados e buscaba, por separado, cadanseu financiamento. Así se foron celebrando, todos estes anos, os Premios da Edición, os Premios Irmandade do Libro, e os premios da AELG. Os tres tiñan un obxectivo común: recoñecer os mellores traballos de creación escrita galega e visualizar o mundo do libro e da lectura.
Non tiña sentido seguir así. Por iso, o pasado venres déronse cita os tres colectivos no Consello de Cultura Galega e presentaron o acordo. “O resultado non é o dunha suma senón o dunha multiplicación”, afirmou acertadamente Cesáreo Sánchez Iglesias, responsable da Asociación de Escritoræs.
Uns días antes tiña lugar, tamén no Consello da Cultura Galega, un simposio sobre o futuro das feiras do libro, organizado polos Editores. Tocoume participar nunha das mesas redondas, con outros editores e libreiros. Todos estivemos de acordo en que as feiras, tal e como hoxe estaban concibidas, non teñen futuro, que deben ser repensadas, e que nese renacer é imprescindible a unión, o camiño xuntos, polo menos, destes tres grandes colectivos organizados no sector do libro en Galicia. (Mais, tamén, outras asociacións ou agrupacións de ilustradores, distribuidoras, tradutores, críticos, impresores, etc). Esta primeira e unitaria Gala do Libro Galego de maio de 2016 será o inicio, sabémolo, de moitas outras actuacións conxuntas. Xogámonos o futuro da nosa cultura escrita. Falamos dunha industria, a cultural, a da palabra, que é riqueza económica para un pobo. E falamos tamén de algo tanto ou máis importante que esa riqueza: é a cultura da paz, pois non hai outra dentro dos libros.”
Héctor Cajaraville: “Tachar de literatura só ao que vén escrito nun libro é limitar o concepto desta arte”
As cantigas de Códax xa teñen unha tradución ao xaponés
Desde El Correo Gallego:
“As sete cantigas de amigo do xograr galego Martin Codax, que o bibliófilo Pedro Vindel atopou no ano 1914 no pergameo que lle serviu como forro á encadernación dunha copia manuscrita feita no século XIV do tratado De Officiis de Cicerón e que marcaron un fito por amosar por vez primeira a música da lírica profana medieval, xa se poden ler en xaponés, mercé á nova edición bilingüe galego-xaponés do lingüista Takekazu Asaka, un profesor de Filoloxía Románica da Universidade Tsudajuku de Toquio considerado o embaixador do galego máis famoso do Xapón.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, deu a coñecer o novo volume onte nun acto celebrado no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) no que participou tamén o autor e no que destacou que “se trata dun traballo que contribúe a reforzar a proxección exterior do galego, mais sobre todo a prestixiar a lingua galega da man dun dos tradutores máis recoñecidos e a fortalecer as pontes que comunican a cultura galega con outra tan diferente como pode ser a xaponesa”.
Acompañáronos na presentación o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, autor do limiar que abre a obra; o académico da lingua e catedrático de Filoloxía Románica da USC Francisco Fernández Rei e mais o secretario do CRPIH, Armando Requeixo.”
Antonio Tizón: “Espinme por completo nesta novela”
Xosé Neira Vilas: “É esencial para min escribir: morrerei cos zocos postos”
Espantallo amigo, de Xosé Neira Vilas, traspasa formatos
Desde El Correo Gallego:
“Pasaron xa máis de catro décadas dende que Espantallo amigo, de Xosé Neira Vilas viu a luz. Lonxe de esmorecer, o texto reinvéntase con cada nova adaptación teatral. A derradeira, a aposta da compañía Os Quinquilláns, conxuntamente coa Editorial Galaxia, que se estreou en sete concellos en decembro pasado dentro do programa de dinamización lingüística da Consellería de Cultura Nadal na Rede. Agora, o texto neiraviliano traspasará formatos e espera convertirse nunha película de animación. O guionista e director cubano de debuxos animados, Ernesto Padrón, autor da longametraxe animada Meñique, quere converter Espantallo amigo nunha das súas xenuinas obras. Así llo transmitiu ao escritor de Gres (Vila de Cruces) hai unhas semanas.
Segundo explica Neira Vilas, Ernesto Padrón remitiralle unha proposta de animación para que o autor do libro faga as súas aportacións. Xa adianta o escritor que presumiblemente o director cubano cambie o final da historia, por outro máis feliz. “Di que lle parece moi triste. Pola miña banda, non lle poño trabas”. Segundo Neira Vilas, a Padrón gustoulle a humanidade do espantallo, e os valores que se tratan no libro, como a solidariedade, a concordia e a harmonía humana. Valores dignos de ser transmitidos a formato de debuxos animados.”
Ourense: acto literario do Centro PEN Galicia en homenaxe a Eduardo Blanco-Amor
Desde El Correo Gallego:
“Nesta XI edición, 35 aniversario do pasamento do ilustre ourensán, respondendo ó chamamento do Parlamento de Galicia que, por unanimidade dos grupos da Cámara, declarou 2014 como Ano Blanco-Amor, a actividade promovida polo PEN terá lugar o luns 1 de decembro, ás 12:00 h, no cemiterio de San Francisco, en Ourense. (…). Este é o programa:
– Saúdo e benvida: Luís González Tosar (Presidente do Centro PEN Galicia).
– Palabras de Siro López: Algúns aspectos do humor de EBA.
– Lecturas a cargo das alumnas e alumnos.
– Breves intervencións de:
– Víctor F. Freixanes (Director da Ed. Galaxia).
– Xesús Alonso Montero (Presidente da RAG).
– Ana Garrido (Concelleira de Cultura).
– Rosendo Fernández (Vicepresidente da Deputación de Ourense).
– Jesús Vázquez Abad (Conselleiro de Cultura, Educación e Ord. Univ).
Finalizará cunha ofrenda floral.
Literarte: recoñecementos brasileiros á cultura galega
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Literarte é unha asociación internacional de escritores e artistas que posúe sede oficial en Cabo Frio, no estado de Rio de Janeiro. Representada por Mauro Jorge Silva e Sousa, conselleiro da asociación, e mais por Isabelle Valladares, presidenta da mesma, Literarte articulou un desembarco europeo onde contemplan a realización dunha serie de actos que están xa a desenvolver en Lisboa e proximamente no Porto, Viana do Castelo e Frankfurt.
Neste percorrido, o vindeiro venres día 10 de outubro celebrarán unha “tomada de posse”, que acollerá o Hostal dos Reis Católicos, ás 20:30 h., no que a entidade dará a coñecer as súas actividades e propósitos ademais de recoñecer diversas achegas á cultura galega realizadas tanto por algunhas institucións, plataformas ou empresas culturais como por un grupo de diverso de persoas que traballan en ámbitos como a creación literaria, o activismo social, a edición, a música, as artes plásticas, a divulgación ou a comunicación, como son Uxía, Leandro Lamas, David Pintor, a Academia Galega da Língua Portuguesa, Teresa Moure, María Reimóndez, a Livraria Ciranda, Manuel Bragado, Ramón Nicolás, Carme Vidal, A Sega, o sección de Cultura de El Correo Galego, a Libraria Pedreira, a Real Academia Galega, Guadi Galego e Clave de Fado. (…)