Arquivos da etiqueta: Elena Medel
Madrid: conversa con Yolanda Castaño arredor de A segunda lingua
O luns 15 de decembro, ás 19:30 horas, na Librería Alberti (Rúa Tutor, 57) de Madrid, terá lugar unha conversa de Yolanda Castaño con Elena Medel arredor de A segunda lingua, co gallo da publicación da edición bilingüe da obra en Visor Libros. A foto da autora é de Pedro Castro.
A Coruña: actos do mércores 20 de marzo en CoruñaMayúscula
O mércores 21 de marzo, no Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n.) da Coruña, e dentro do programa CoruñaMayúscula, terán lugar as seguintes actividades con presenza galega:
– 11:00-12:00 h. No Auditorio, recital poético de Antía Otero, Gracia Iglesias e Antón Castro.
– 19:30 h. Na Aula 9, mesa redonda co título Poesía, futuro, coa presenza de José María Paz Gago, Yolanda Castaño e Guillermina Royo-Villanova.
– 20:30 h. Na mesma Aula 9, combate verbal entre Manuel Vilas e Camilo Franco.
– 22:00 h. Recital 11×6. Participan Sofía Castañón, Antón Castro, Estevo Creus, Gonzalo Escarpa, Estíbaliz Espinosa, Eduardo Estévez, Gracia Iglesias, Elena Medel, Antía Otero, Ángel Petisme e Estelle Talavera Baudet, presentados por Pedro Ramos.
Pontevedra: Ponte-Poética, I Festival de Poesía das Linguas do Estado
O venres 12 e sábado 13 de novembro, celébrase o I Festival de Poesía das Linguas do Estado en Pontevedra, Ponte-Poética, organizado polo Ateneo, que quere ofrecer, nun encontro anual, a mellor poesía escrita en galego, castelán, catalán e éuscaro a todos os amantes do xénero que queiran achegarse a escoitalo na voz dos seus propios autores, nun completo programa de recitais, en distintos espazos da cidade, abertos e gratuítos a todo o público interesado. A dirección do Festival corre a cargo de Yolanda Castaño, a coordinación Xaime Toxo, Antón Sobral e Carlos Fontes, baixo o patrocinio da Concellería de Cultura de Pontevedra, a Consellería de Cultura e Turismo, a Deputación Provincial de Pontevedra e Caixanova.
O programa é o seguinte:
Venres 12 de novembro:
– 18:30 h. Salón Nobre da Deputacion de Pontevedra. Sesión inaugural: David Castillo, Román Raña e Ada Salas.
– 20:00 h. Salón Nobre da Deputación de Pontevedra: Miren Agur Meabe, Josep Pedrals e Manuel Forcadela.
Sábado 13 de novembro:
12:30 h. Teatro Principal de Pontevedra: Leire Bilbao, Elena Medel, María Lado e Lucía Aldao.
18:00 h. Teatro Principal de Pontevedra. Recital final con todos os poetas participantes e clausura do Festival Ponte-Poética.
Neste arquivo pódese descargar máis información: Ponte-Poética 2010.
Marica Campo e Elena Medel no ciclo “Poetas di(n)versos”
Este martes 18, ás 20:30, na Casa da Cultura Salvador de Madariaga. Coordina e presenta o evento Yolanda Castaño.
Marica Campo naceu en 1948 no Val do Mao (Incio – Lugo) e foi profesora de galego no ensino secundario ata a súa xubilación voluntaria en 2008. Autora de poesía, narrativa, teatro e literatura infanto-xuvenil, é tamén colaboradora habitual nos xornais A Nosa Terra e El Progreso. Como narradora estreouse con Confusión e morte de María Balteira (1996) e, con Memoria para Xoana (2002), acadou o Premio de Narrativa do Concello de Vilalba e o da Asociación de Escritores en Lingua Galega 2003. Cara ao público infantil, ten igualmente cultivado tanto a prosa coma o verso, e por esta última faceta foi merecedora do Premio “Fundación Neira Vilas” e mais do da AELG de Literatura Infantil. Como poeta, ademáis de textos soltos en multitude de publicacións periódicas e volumes colectivos, é autora dos poemarios Tras as portas do rostro (1992), Pedinche luz prestada (2001) ou Sextinario: trinta e seis mais tres (2007), que lle valeron galardóns coma o “Fiz Vergara Vilariño” ou o da AELG no apartado de Poesía. É autora de numerosas letras para grupos musicais galegos (Fuxan os ventos, A Quenlla, Uxía, etc), e incansable colaboradora dunha morea de iniciativas educativas e socioculturais a prol da lingua e literatura galegas.
Elena Medel naceu en Córdoba no ano 1985, aínda que vive dende 2006 en Madrid, onde traballa como editora en El Olivo Azul. Deuse a coñecer gañando, aos dezaseis anos, o “Premio Andalucía Joven” co sorprendente Mi primer bikini (2002) -un poemario escrito con quince anos e publicado aos dezasete- que esgotou a súa primeira edición en só tres meses e que hoxe vai xa pola terceira. Pouco despois editou Vacaciones (2004), e posteriormente Tara (2006), o seu último libro de poemas ata o de agora, que acadou xa unha segunda edición e que a confirmou de revelación a aposta segura da literatura española moza. É autora tamén dos cadernos poéticos Un soplo en el corazón (2007) e En los demás (2008), así como de relatos incluídos en antoloxías coma Cuentos eróticos de San Valentín (2007) ou Matar en Barcelona (2009). A súa obra ten sido parcialmente traducida ao alemán, árabe, esloveno, inglés, italiano, polaco e portugués, así como incluída en numerosas antoloxías. O seu interese pola poesía galega levouna a publicar traducidos ao castelán -en publicacións periódicas e antoloxías- poemas de diversos autores contemporáneos. Ten participado en festivais poéticos de Europa, América, Oriente Medio ou o Norte de África. Xunta a tamén escritora Alejandra Vanessa coordina o proxecto de axitación cultural La Bella Varsovia.
(A Coruña Cultura)