Reseña
en Código Cero:
“Calquera que camiñara un pouco pola Rede nos últimos anos terase decatado de que unha boa parte da nosa literatura ten xa o seu xermolo nela, e xa non só iso, senón tamén tódolos estados vitais que lle seguen: presentación, seguimento, comentarios, interactividade, recoñecemento, divulgación, etc. Esta vida dixital da nosa creatividade ofrece múltiples posibilidades que, máis que prexudicar, semellan complementar a expresión tradicional, a vinculada ao papel. Tirar o máximo partido destas posibilidades é o gran obxectivo da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega, que celebrou este sábado a sexta edición do seu Encontro para autoras/es novas/os. A xuntanza, que se desenvolveu baixo o epígrafe Da tinta á pegada dixital, serviu entre outras cousas para promover a creación de revistas literarias en novos formatos ligados á Rede.
O encontro, celebrado de novo no espazo Normal (centro cultural da Universidade da Coruña), contou coa participación dun amplo número de escritoras e especialistas en nova comunicación, como Tati Mancebo, Antía Otero, Estíbaliz Espinosa, Leo F. Campos, Ana Cibeira ou Elvira Riveiro, entre outras. Tal e como reflectían os medios galegos antes da celebración deste encontro, un dos grandes obxectivos do mesmo foi asentar os alicerces dunha serie de traballos colectivos que desembocarán na posta en marcha de novas publicacións literarias dixitais, a engadir ao que se siga a facer a través dos formatos tradicionais, por outra banda tamén necesarios.
Segundo fixo saber o presidente da asociación, Cesáreo Sánchez, en declaracións a Efe, é preciso habilitar iniciativas que integren e unifiquen os nosos esforzos en materia de literatura e pensamento, unha boa parte dos cales se segue a desenvolver de xeito illado, sendo as novas tecnoloxías do noso tempo un bo xeito de canalizalos cara a sociedade galega, facilitando a súa accesibilidade e a interactividade arredor deles. Neste senso, os blogs e publicacións de tipo persoal en Internet xogarían un papel decisivo. Segundo fixo saber a AELG, impulsarase a creación destes foros dixitais coa posta marcha dunha publicación propia, onde as autoras e autores “poderán facer confluír as súas creacións”.”
Arquivos da etiqueta: Elvira Ribeiro
‘A pegada das revistas dixitais’
“Desde
o comezo da implantación da rede en Galicia comezaron a xurdir páxinas que tiñan a literatura como eixe, en moitos casos apostando pola difusión da obra de autores novos. Desde aquela, o panorama mudou enormemente, e aínda que poucas daquelas propostas sobreviven, novas cabeceiras e blogs ocupan un espazo cun peso crecente no noso panorama literario. O VI Encontro de Escritores/as Novos/as da AELG prestoulle atención a este sector cunha mesa redonda. Da tinta á pegada dixital foi o lema do VI Encontro de Escritores/as Novos/as que organizou a Asociación de Escritores en Lingua Galega esta fin de semana na Coruña. Dentro das diferentes mesas redondas que se desenvolveron no marco desta xornada, unha prestou atención á cuestión das revistas dixitais. Elvira Riveiro, coordinadora da mesma, salienta que “sen dúbidas as publicacións dixitais teñen un peso crecente, non só no caso das revistas literarias senón en xeral. Acceder á rede é moito máis barato e inmediato, e está a se dar un paso do papel á dixital”, explica. En Galicia, no entanto, e segundo lembra Riveiro, “non se ve un traspaso masivo ao terreo dixital. As publicacións máis coñecidas e con máis prestixio seguen a ter a súa edición en papel, pero algunhas como o Protexta é posible que teñan máis difusión na rede do que na versión impresa”. (…)
Malia a estas evolucións, “as revistas literarias continúan a ter sentido, pódese discutir se son necesarias en papel, pero as revistas na rede achegan unha panorámica dun tempo determinado, e crítica de lanzamentos recentes. É certo que mudan conceptos como o de periodicidade, pero máis ou menos preséntanse os mesmo contidos, aínda que sexa doutro xeito”, explica Riveiro. De cara ao futuro, para Montserrat Pena Presas “compriría aunar esforzos para crear unha revista divulgativa que aunase crítica e creación. Primeiro para abrir fronteiras, que é algo que necesita a nosa literatura, e logo para gañar e fidelizar lectores”. Encol do debate entre edición en papel e dixital, ten claro que “a medio prazo o futuro é a convivencia de formatos, e que os saiba combinar axeitadamente levará a palma”.” Vía Cultura Galega.
A Coruña: VI Encontro de Escritoras/es Novas/os: Da tinta á pegada dixital, o 17 de setembro
Chega a VI edición do Encontro de Escritoras/es Novas/os, o sábado 17 de setembro, na Sala Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña, organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, onde nos situaremos ao redor da palabra á escoita das ideas e proxectos dos nosos autores e autoras máis nov@s. Unha oportunidade de achegarnos ás novas linguaxes, tecnoloxías e pegadas dixitais que os tempos nos presentan, abríndonos outras posibilidades na comunicación e no diálogo necesario:
Vigo: VI edición de A hostia en verso
O
venres 15 de xullo, ás 22:00 h., no Pub Alma (Rúa Pobladores, 9) de Vigo, terá lugar a VI edición da velada lírica bautizada co lema de A hostia en verso. Desta volta, baixo o título de Capuletos vs. Montescos, revivirán a paixón e a fatalidade shakesperianas Ledicia Costas, Daniel Landesa, Xabier Xil Xardón, Elvira Riveiro, Isaac Xubín e Daniel Costas Currás. O acto é unha divertida velada na que ambos equipos se enfrontarán para gañar o favor do público e estará presentado polas poetas Lucía Aldao e María Lado, e contará tamén coa intervención musical de Mig Seoane. Esta sesión enmárcase dentro do V Curso de verán de Lingua e Cultura galega para estranxeiros da Universidade de Vigo.
Vigo: segunda sesión de Merendacea, Poesía para devorar
O
venres 1 de xullo, a partir das 20:30 horas, no Museo Verbum-Casa das Palabras (Avenida de Samil, 17) de Vigo, terá lugar a segunda sesión de Merendacea, Poesía para devorar, unha creación dos Poetas da Hostia en Verso producida polo Verbum. Trátase dun espectáculo de variedades poéticas creado colectivamente por unha serie de artistas que procuran explorar novos camiños para a lírica. Neses camiños cabe a videocreación, a música en directo, a danza, o teatro, a pintura e mesmo o humor, elementos que se poderán ver nos pequenos números que compoñen esta segunda merendola lírica. Desta ocasión, os versos correrán por conta de Lara do Ar, Daniel Landesa (que une os seus esforzos ao músico Mr. Carácter), Ledicia Costas, quen contará colaboración de Nuria Carballido, Estíbaliz Espinosa, Elvira Riveiro, Xabier Xil Xardón, Lucía Aldao, María Lado, Xosé Manuel Esperante e Nolim González, que virá acompañado de Dj. Cocón. A pintora e deseñadora María Longa é, desta volta, a autora dos obxectos poéticos que se sortearán entre os asistentes e a artista Nela Quesada participará cunha intervención en directo. Os espontáneos e insuperables Carlos Castro e David Santos porán cordura e música en directo. A tralla e a arroutada tráea o atlántico Xurxo Souto, que fará as veces de presentador e mestre de cerimonias.
Gondomar: nova edición de A hostia en verso, recital de poesía e música
O sábado 30 de abril, ás 22:00 h., na Casa da Lectura (Nogueira, 8, Donas) de Gondomar terá lugar unha nova edición do singular e itinerante enfrontamento de poetas A hostia en verso. Desta volta concorrerán aos comicios poéticos Ledicia Costas, Daniel Landesa, Xabier Xil Xardón, Lara do Ar, Elvira Riveiro, Eduardo Estévez e Miguel Valverde ou o que é o mesmo: Poetas corruptos versus Poetas mafiosos!. O acto é unha divertida velada na que ambos equipos se enfrontarán para gañar o favor do público e estará presentado polas poetas Lucía Aldao e María Lado, que xa sacaron da súa mente enferma un número sorpresa. Contará tamén coa intervención musical do dúo electrónico IgMig.
A Coruña: estrea do videopoema A máis fermosa do país, a cargo de Elvira Riveiro
O
venres 18 de marzo, ás 21:00 h., no Centro Social Gomes Gaioso (Rúa Marconi, 9, baixo) da Coruña, terá lugar a estrea do videopoema A máis fermosa do país, a cargo de Elvira Riveiro.
Mª Goretti Fariña Caamaño gaña o III Premio de Poesía Victoriano Taibo
O
xurado do III Premio de Poesía Victoriano Taibo convocado polo Instituto de Estudos Miñoranos e a Entidade Local de Morgadáns-Gondomar decidiu premiar o poemario titulado Devastacións dispoñibles, de Mª Goretti Fariña Caamaño, do que valorou especialmente o seu lirismo así como un manexo elegante e eficaz da lingua. Mª Goretti Fariña Caamaño naceu en San Xoán de Baión (Vilanova de Arousa) no ano 1965. Na actualidade reside en Vilagarcía de Arousa. É licenciada en Bioloxía e profesora de Ciencias nun colexio de Vilagarcía. A gañadora recibirá o premio co que está dotado este certame (3.000 € en metálico e unha peza escultórica de Fino Lorenzo) no transcurso dun acto que se celebrará na primeira metade de novembro, en cuxo momento será tamén presentado o libro gañador editado polo Instituto de Estudos Miñoranos. Nesta terceira edición do certame presentáronse un total de 43 orixinais. A participación non só foi abundante senón tamén de gran calidade, como sinalaron unanimemente os membros do xurado (formado por Gonzalo Navaza, Marta Dacosta, Elvira Riveiro Tobío, Mª Carmen Caramés Gorgal, Araceli Gonda Cabreira, e no que actuou como secretario -sen voto- en representación do Instituto de Estudos Miñoranos, Miguel Anxo Mouriño Fernández, e presidido polo Presidente da Entidade Local de Morgadáns, Urbano Esmerode Domínguez -tamén sen voto-) que decidiron seleccionar os dez finalistas. O veredicto completo pódese consultar aquí.
Celanova: actos de homenaxe a Celso Emilio Ferreiro
O
domingo 29 de agosto varios poetas das Redes Escarlata, entre os que figuran Claudio Pato, Alberto Lema e Elvira Riveiro, Rafa Balado, Xabier Xil Xardón, Brais González, Aitor Rivas, Xosé Antón Laxe Martiñán, Oriana Méndez e Silvia Penas, desenvolverán a súa Acción de ferreiro, acto que coincide coas celebracións de homenaxe a Celso Emilio Ferreiro que cada ano teñen lugar en Celanova, a súa vila natal. Con esta acción pretenden manifestar as posibilidades dos individuos como unidades dun proxecto común. Durante o percorrido dos membros da asociación pola vila, que manteñen en segredo para manter o efecto sorpresa, recitarán textos de Celso Emilio ou doutros poetas que os participantes seleccionen. Todos eles confluirán nun punto predeterminado no que recitarán, “en efusión polifónica”, o poema do poeta celenovés Lingua proletaria.
Ese mesmo domingo 29, a partir das 11:00 h., no cemiterio de San Breixo de Celanova, onde está enterrado o autor de Longa noite de pedra, organizouse unha homenaxe colectiva ao poeta, impulsada pola Fundación Celso Emilio Ferreiro, o Colectivo Arraianos e as propias Redes Escarlata. No transcurso do acto, presentarase a nova entrega da revista Arraianos, un número especial titulado Vivir na raia, co que a publicación, segundo os seus impulsores, pecha un ciclo comezado hai seis anos nese mesmo espazo e como homenaxe tamén ao poeta. A continuación haberá un recital poético e musical onde intervirán Anxo Angueira ou Xosé Luís Méndez Ferrín, e músicos como MC García -da formación Dios Ke Te Crew-, Leo e Arremecághona ou os Labregos no tempo dos Sputniks, que interpretarán cancións con letras de Celso Emilio en clave contemporánea. O acto pecharase co gaiteiro de Lobeira, Daniel Romero.
Gondomar: Elvira Riveiro no club de lectura Lendo contigo
Mañá sábado, 19 de decembro, ás 12:00 horas, na Biblioteca Pública de Gondomar, a poeta Elvira Riveiro participará na última sesión do ano 2009 do Club de Lectura Compartida Lendo Contigo, destinado a nais e pais e nenos e nenas de 8 a 11 anos. O libro proposto nesta ocasión é PAlAbrAs brAncAs, publicado pola editorial Xerais e finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil 2007. PAlAbrAs brAncAs é un poemario moi especial, escrito unicamente coa vogal “a”, un marabilloso encontro con palabras que xogan a agasallarnos todos os “as” posibles.

