Entrevista de Jose Antepazo a Soledad García Riveiro en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): O seu proxecto Emocionaria. Un conto, unha emoción cumpre cinco anos. Que cambiou desde os seus inicios ata hoxe en día?
– Soledad García Riveiro (SGR): Sobre todo, cambiou a ilustración. Agora fago todo eu en solitario: escribo, ilustro, maqueto, difundo, organizo os eventos… É unha loucura de traballo. Facendo balance e mirando para atrás, non sei como fun capaz de chegar a tanto. Aproveito todo o tempo libre que teño, é a miña paixón.
Hai moito dos meus pais en Emocionaria. Eles son os meus grandes referentes e ensináronme o valor da nobreza, do traballo duro, da humildade e de facer as cousas con corazón. Ese legado camiña con cada paso que dou. (…)
– FV: Facendo alusión ao nome, se tivese que describir estes cinco anos de Emocionaria cunha emoción, cal sería?
– SGR: A alegría. Cada vez que a un neno lle gusta un dos meus libros ou está a signar e cantar comigo nas presentacións é incrible. O outro día, ao rematar o contacontos unha nena abrazoume como se non houbese mañá e iso para min foi impresionante. Esa sensación de que uns nenos que non che coñecen de nada veñan a abrazarte é marabilloso, así que quédome coa alegría seguro. (…)”
Arquivos da etiqueta: Faro de Vigo
Arantza Portabales: “Todos mataríamos en momentos límites”
Desde Faro de Vigo:
“Arantza Portabales presentou en Club Faro a súa novela Asasinato no muíño do cura (editorial Galaxia en galego e Lumen en castelán), que definiu coma a súa obra máis madura e tamén a máis escura. Na conversa que mantivo coa tamén escritora e amiga Inma López Silva, Portabales bromeou dicindo que «cada vez mato mellor» e tomouse con humor as etiquetas que lle foron colocado ao longo da súa traxectoria literaria – desde «nova dama» dama a «raíña da novela negra» , ademais de comparacións con Agatha Christie: «Hai máis raíñas da novela negra que princesas Disney. O importante e irse atopando en cada libro» , sinalou.
Unha das aspiracións da autora nesta novela é retratar como era ser muller soa no rural galego hai 50 anos. A novela sitúase parcialmente en Loira, en Marín, nos anos 80. »Estamos a falar dun sitio a 25 minutos de Vigo, que na época da Movida era do máis moderno de España, pero as mulleres no rural vivían coma no século XIX» , indicou. Falou de reminiscencias das mulleres de Puerto Hurraco ou de La casa de Bernarda Alba para referirse ás sinistras irmás Freijomil, personaxes da súa novela e netas dun cura.”
Eva Mejuto e Nee Barros lévannos de viaxe polo ‘Universo Diverso’: “A diversidade fai o mundo máis amplo para que caibamos todes”
Entrevista de Uxía Miranda a Eva Mejuto e Nee Barros en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): É a primeira vez para ambes traballando nun libro divulgativo. Como xurdiu este proxecto?
– Eva Mejuto (EM): Naceu a raíz dunha conversa coa editorial Xerais, onde teñen unha gran sensibilidade coa diversidade sexo-xenérica. Eu xa escribira varias novelas xuvenís que trataban o tema, pero tiña ganas de meterme en algo pensado para un público máis pequeno, porque parece que sexualidade e a diversidade empeza no instituto, e nada que ver. A idea de que fose un libro divulgativo xa a tiña na cabeza e pareceume importante que, para este libro en concreto, houbese dúas voces que dialogasen, procedentes de dúas xeracións distintas pero que compartisen unha mesma maneira de pensar e de entender o mundo. Aí tiven claro que o meu compañeire tiña que ser Nee, con quen colaboro en moitísimas cousas relacionadas co activismo. E o libro deu moitas voltas, porque todo comezou hai 3 ou 4 anos!
– FV: E como vivistes esa primeira experiencia de escrita a catro mans? Repetiríades?
– Nee Barros (NB): Para min foi un proceso moi enriquecedor e que repetiría. Ademais, hai algo moi bonito na propia concepción do libro: eu coñecín a Eva cando eu aínda era un adolescente que estaba buscando referentes e Eva escribira un libro, 22 segundos, que fala da realidade trans. Nós agora intentamos continuar esa idea de que a xente diversa, de calquera identidade e orientación, teña referencias e poida verse reflictida nun libro. (…)”
Vigo: charla-coloquio e presentación de Lovers, con María Xosé Porteiro e Alberto Avendaño
Charla-coloquio e presentación de Lovers, con María Xosé Porteiro e Alberto Avendaño, en Vigo
Montse Varela: “É importante recuperar o lugar que lles corresponde ás escritoras esquecidas”
Soledad García Riveiro: “Cada vez que gaño un premio literario, invisto no seguinte libro”
Entrevista de Jose Antepazo a Soledad García Riveiro en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): Vén de publicar Afouteza, a súa última obra.
– Soledad García Riveiro (SGR): Si, quería unha data significativa para facelo e escollín o Día da Amizade. Foi unha presentación diferente na libraría Paraísos de Papel, en Nigrán, na que cada persoa me tiña que facer unha pregunta. Foi moi especial. A miña última obra, Afouteza, recolle todas as obras premiadas nos últimos anos ata maio de 2026 e á xente encantoulle.
– FV: Forma parte do seu proxecto Emocionaria. Un conto, unha emoción.
– SGR: Si, é un proxecto de prestixio e de difusión do galego a través de libros divulgativos, como Un paseo por Nigrán, Un paseo por Baiona ou Un paseo por Gondomar. No primeiro divulguei a recuperación do mosaico milenario de Panxón, que está en Nova York. No segundo defendín os garranos. Traducímolo ao inglés, A walk in Baiona e levámolo á Feria Internacional de Berlín. No último, defendo as terras raras da Serra do Galiñeiro.
– FV: Como nace esta idea?
– SGR: Creo os contos para a miña nena. A min o que me encanta é o medioambiente e quería facer un proxecto de divulgación da nosa lingua, do galego, a través de libros que contribuísen a protexer a natureza, o patrimonio e os animais. Hoxe en día, os nenos son moito de pantalla e de estar na casa e eu quero que coñezan e non se perdan todas esas tradicións que a min me ensinaron. Por exemplo, quería explicarlles o que é o Samaín, a nosa cultura celta: cando chegaba o outono, acendíanse cabazas para darlle forza ao sol e vencer a escuridade do inverno. Entón, escribín Samagostín, para vencer o medo aos seres escuros porque hai moitos nenos que nesa época teñen moito medo a saír á rúa. Sempre me saen cousas da cabeza e cada vez que gaño un premio literario, invisto no seguinte libro. Este ano, estou a ter bastante sorte porque xa levo varios premios. Agora, como a miña filla está crecendo, xa non quere que faga libros infantís e vou facer novelas, pero tamén de defensa. (…)”
Dignificar a dor do silencio
O escritor galego Antonio M. Fraga, na Lista de Honra IBBY 2026, un dos recoñecementos internacionais máis relevantes da literatura infantil e xuvenil
Artigo de Carolina Sertal en Faro de Vigo:
“A novela Como escorrentar un lobo, do escritor Antonio M. Fraga (Pontedeume,1976), vén de ser incluída na Lista de Honra IBBY 2026 (Organización Internacional para o Libro Xuvenil), unha das distincións internacionais de maior prestixio no ámbito da literatura infantil e xuvenil. Esta obra, publicada pola editora Cuarto de Inverno, foi proposta por IBBY España como representante da creación literaria en galego e se ben Antonio M. Fraga é o único autor de Galicia que figura no catálogo que, na edición de 2026 acadou a listaxe máis longa nos 60 anos do programa, cun total de 191 nominaciones en 52 idiomas procedentes de 59 países, a representación galega tamén está abandeirada pola tradución do catalán ao galego de Que é a guerra, elaborada por Moisés Barcia, de Sushi Books.
Tras coñecer a selección da súa novela para entrar na Lista de Honra IBBY, Antonio M. Fraga sinalou que recibe a súa inclusión na IBBY 2026 «con enorme gratitude e alegría. É unha honra que ‘Como escorrentar un lobo’ se vexa recoñecido nun espazo tan prestixioso da literatura infantil e xuvenil», engadindo tamén que a escrita desta obra lle permitiu no seu momento «viaxar a outras realidades e a outros tempos; foi un proceso gozoso e cheo de aprendizaxes». Así mesmo, o autor de Pontedeume destacou: «Penso tamén en Alfreda Noncia Markowska, cuxa historia e valentía transformaron a novela até se converter na súa protagonista. Gustaríame que a súa historia chegase a moitos lectores e lectoras, porque o seu exemplo de humanidade e coraxe pode achegar unha luz nestes tempos de erros repetidos que estamos a vivir».
Como escorrentar un lobo sitúa a súa historia na Polonia ocupada polos nazis durante a Segunda Guerra Mundial. Mentres agocha dous nenos xudeus da persecución, Noncia recorre aos contos para protexelos do medo, tecendo unha narración que combina memoria histórica, tradición oral e fantasía. Así, a novela de Antonio M. Fraga achega unha reflexión sobre o poder da palabra, a esperanza e a capacidade das historias para resistir mesmo nos tempos máis escuros. Esta inclusión na Lista de Honra IBBY supón un novo recoñecemento á traxectoria de Antonio M. Fraga e reforza a proxección internacional da literatura infantil e xuvenil galega, pois o catálogo da Honour List distribúese internacionalmente e as obras seleccionadas forman parte de exposicións e iniciativas de promoción da lectura impulsadas por IBBY.
En canto a Que é a guerra, escollida como unha das mellores traducións pola organización internacional para o libro xuvenil, este é un libro pensado para responder de maneira sinxela todas as preguntas tras ver noticias sobre a guerra, comprender como funcionan os conflitos bélicos, as súas causas e consecuencias como primeiro paso para a cadar a paz.”
Iria Collazo: “A voz de ‘A espera’ agarda unha paz que nunca dá chegado”
Entrevista de Fran Campos a Iria Collazo en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): Como nace A espera?
– Iria Collazo (IC): Foi xurdindo aos poucos desde hai moitos anos. É unha compilación de reflexións sobre distintos temas que fun artellando de xeito que compartan un fío condutor común, e onde as relacións amorosas, a literatura, a filosofía ou a saúde mental teñen un papel fundamental.
– FV: Cal é a «espera» á que se refire o título da obra?
– IC: Abro a novela con varias citas de diferentes autoras e autores que quizais poidan axudar a desentrañar este misterio, aínda que penso que a espera é un estado mental que non se corresponde tanto a un momento concreto, senón quizais a unha traxectoria. A espera está presente en moitísimas obras da literatura universal e tamén se vai desenvolvendo ao longo da lectura global do texto. Neste sentido, a voz narradora sente que está nun momento vital en que non é quen de tomar as rendas da súa vida nin da súa relación de parella, que a leva constantemente a agardar unha paz que nunca dá chegado.
– FV: Hai vivencias propias na súa novela?
– IC: Si, definitivamente hai moitas, pero tamén hai outras que aparecen transformadas. A literatura, ao final, é un finximento; e tamén o é cada unha das liñas que aparecen en A espera. En canto aos personaxes, non diría que aparecen unicamente dous personaxes principais, aínda que boa parte da trama e das reflexións metaliterarias se constrúan ao redor da relación entre eles. (…)”



