Navegamos. Manifesto da AELG no 8M

Escribo dende un xénero excluído e dende unha lingua minorizada e asumo a responsabilidade que esa escolla conleva”, Begoña Caamaño

O Libro Branco da AELG, elaborado nesta década, conclúe que o perfil medio da persoa asociada é un home de máis de cincuenta anos con estudos universitarios. O que é o mesmo que dicir que ese é o perfil medio da persoa escritora. As autoras tan só representamos o 35% e temos un perfil claramente diferenciado: a nosa porcentaxe é maior nas xeracións máis novas, somos as que temos unha dedicación máis esporádica e estamos menos traducidas.

A dedicación esporádica e a incorporación serodia ás letras, analizada en décadas pasadas, están a sinalar unha realidade que atinxe especialmente ás escritoras, a falta dun tempo propio, motivada polo peso do doméstico e dos coidados que seguen a recaer fundamentalmente nas mulleres. En 1990, María Xosé Queizán escribía como a presión social á que nos vemos sometidas nos leva a elixir xéneros que non esixan unha dedicación temporal continuada. Tres décadas despois, esa realidade persiste.

Sermos menos traducidas evidencia outra realidade, a nosa menor presenza a todos os niveis, publicamos menos, a nosa obra está menos difundida e é menos recoñecida, de feito somos menos premiadas. Isto é o que din os datos numéricos que poden ser comprobados nos Informes de Literatura do CIRP ou na publicación A Muller na Cultura Galega (II) do Consello da Cultura.

E aínda poderiamos dicir que, por suposto, somos menos lidas. Cal foi o último libro que lestes dunha escritora? Cantos no último ano?

Eu tamén navegar”, Xohana Torres

Porén, malia bater contra este teito de cristal que é o mundo da produción literaria: publicación, difusión e recoñecemento, cómpre recoñecer que a incorporación das mulleres á literatura, especialmente cando achegan o punto de vista do seu xénero, enriqueceu o panorama literario das diferentes linguas da Terra.

“D’aquelas que cantan as pombas y as frores

Todos din que teñen alma de muller,

Pois eu que n’as canto, Vire d’a Paloma,

¡Ay! ¿de que’ a terei?”, Rosalía de Castro

Porque agora escribimos nosoutras, as fillas por fin alfabetizadas de innúmeras xeracións de mulleres traballadoras. Mulleres que loitaron cada día para que as súas descendentes puidésemos chegar á Universidade e acadar a independencia económica que as nosas avoas e nais soñaron para nós. Somos as netas e bisnetas das coetáneas de Clara Zetkin, Rosa Luxemburgo ou Simone de Beauvoir.

Nosoutras, as mortas de bala nas rúas polo racismo que persegue migrantes, as vítimas das guerras e dos femixenocidios para extinguir en nós un pobo enteiro.

A noite na cidade é escura, excepto polo brillo dos mísiles,

silenciosa, excepto polo son do bombardeo,

aterradora, excepto pola promesa tranquilizadora da oración,

negra, excepto pola luz dos mártires.” Heba Abu Nada (1)

Nosoutras, as vítimas desoutra guerra que devasta o noso fogar, asasinadas.

Soa.

Soas.

Soíñas.” Sesé Mateo

Nosoutras, as nenas maltratadas polo pai que vivimos neses fogares en que a violencia o impregna todo. Nosoutras aldraxadas.

Nosoutras, as mulleres tratadas como “bonecas, (porque) calquera parte da (nosa) anatomía é máis digna de loubanzas que o (noso) cerebro”, esa visión patriarcal que condiciona a recepción da nosa obra e a súa difusión, e que nos trata como “símbolo da posición social e reforzamento do prestixio”(2) do patriarcado institucional. Obxectos, sempre obxectos para adornar o espazo que non queren compartir.

Nosoutras, as que sufrimos todo tipo de violencias, desde a sexual á simbólica e padecemos cada día a violencia institucional que ás escritoras nos nega a realidade en que desenvolvemos a nosa creatividade, impoñéndonos a desigualdade dun mundo literario concibido desde o patriarcado, afastado da conciliación e dos coidados.

Os que negan â muller

intelixencia e talento,

a millor contestaceon

cicais que fose o disprecio.” Filomena Dato

O noso punto de vista ten que ser feminista, porque o feminismo nos visibiliza e reivindica. Porque o feminismo é unha ferramenta transversal que constrúe unha sociedade máis xusta, para todas as persoas, independentemente do xénero.

Sabemos que estas afirmacións non adoitan ser ben recibidas, sabemos que se menospreza a nosa obra cando non oculta a cor lilá dos vimbios cos que está trenzada, cando non fala de pombas e flores.

E sabemos que as nosas palabras-pedra poderán acadar a bóveda de cristal que nos frea, se rubimos polos libros de todas as penélopes que desoíron o oráculo e ousaron, ousan, navegar.

Pero se non me ves, es ti quen erra.”, Luísa Villalta

As escritoras, mulleres ao fin, coma as mulleres sufrimos o patriarcado e o sexismo e con preocupación observamos as reticencias e os pasos atrás de quen non entende que avanzarmos nosoutras é avanzarmos nós.

Neste 8 de marzo, tamén nós facemos un chamamento a participar de cantas mobilizacións ou actividades conmemoren a data levando por bandeira os versos de Rosalía, Filomena, Mª Victoria, Xela, Luísa, Begoña ou Xohana, e tantas, tantas outras.

(1) Poeta palestina asasinada durante un bombardeo israelí en Gaza.

(2) Frases de Begoña Caamaño.

Galiza, marzo de 2026.

Marta Dacosta.

O manifesto pode descargarse en formato .pdf nesta ligazón.

Nuria Mosqueira Varela gaña o VI Premio de poesía ‘Filomena Dato’ coa obra ‘Oito días’

Desde o Concello de Bergondo:
“A coruñesa Nuria Mosqueira Varela resultou gañadora do VI Premio de Poesía Filomena Dato, convocado polo Concello de Bergondo, grazas ao poemario Oito días.
O xurado, integrado pola alcaldesa Alejandra Pérez Máquez, presidenta (sen voto); Dorés Tembrás como secretaría; Leticia Mª Rey como funcionaria; e Antía Otero, Silvia Penas e Miro Villar, como vogais, deliberaron a vitoria do conxunto poético de Nuria Mosqueira Varela valorando do mesmo ”a construción dun universo propio e a recreación dunha atmosfera. Estamos ante un libro que amosa unidade no traballo estrutural, un manexo interesante dos símbolos, a dicotomía entre o salvaxe e o doméstico, afondando na convivencia entre a emoción e a violencia, a memoria persoal e social”. Igualmente, o xurado salientou o “control no manexo da lingua e a introdución da oralidade”.
O premio ten unha dotación económica de 2.500 euros e a publicación da obra pola editora Apiario na colección de poesía Filomena Dato. Apiario é a encargada de coordinar este concurso de poesía e tamén levará a cabo a publicación da obra gañadora asumindo todo o proceso: deseño, imprenta, distribución e promoción.
A través deste galardón, o Concello de Bergondo suma o seu gran de area na promoción de certames que impulsan a creación poética en galego, así como a manter en vigor a figura histórica de Filomena Dato Muruais (1865-1926), muller fundamental no movemento literario do Rexurdimento e á que se lle dedicará o ano 2026. (…)”

Sara Martínez Bello gaña o V Premio de poesía Filomena Dato coa obra Eira

Desde o Concello de Bergondo:
“Sara Martínez Bello resultou gañadora do V Premio de Poesía Filomena Dato, convocado polo Concello de Bergondo, grazas ao poemario Eira.
O xurado, integrado por Alejandra Pérez Máquez, presidenta (sen voto), Dores Tembrás, Lois Pérez e Noelia Gómez, como vogais, deliberaron a vitoria do conxunto poético de Sara Martínez Bello valorando do mesmo que se trata dunha “lectura que sostén o interese da lectora de comezo a fin, polo traballo coa memoria apoiándose na presenza do sensorial sen caer en tópicos e revelando conceptos como a violencia contida e a dignidade do común, o desenvolvemento dunha psicoxeografía propia, o uso coidado da linguaxe”. Igualmente, o xurado salientou o “emprego e control de diferentes estruturas do poema que desembocan nunha conxunción entre forma e fondo, subliñando unha sensación de verdade”.
O premio ten unha dotación económica de 2.500 euros e a publicación da obra pola editora Apiario na colección de poesía Filomena Dato.
Apiario é a encargada de coordinar este concurso de poesía e tamén levará a cabo a publicación da obra gañadora asumindo todo o proceso: deseño, imprenta, distribución e promoción.
A través deste galardón, o Concello de Bergondo suma o seu gran de area na promoción de certames que impulsan a creación poética en galego, así como a manter en vigor a figura histórica de Filomena Dato Muruais (1865-1926), muller fundamental no movemento literario do Rexurdimento e á que se lle dedicará o ano 2026.”

Bergondo: homenaxe a Filomena Dato, “A Poeta das Mariñas”

Polo Correo do Vento: “Unha muller para as Letras Galegas 2018”

Desde Polo Correo do Vento:
“Convidámosvos a participar na campaña #Propónunhamuller, promovida xunto ao Concello de Pontevedra e dirixida á Real Academia Galega para que sexa unha muller a quen lle dediquemos o Día das Letras Galegas de 2018.
É moi sinxelo, vía correo electrónico, redes sociais, correo postal… como prefirades, propoñédelle unha muller aos académicos e académicas!
Coa etiqueta #Propónunhamuller ou a que queirades.
Hai moitas máis, pero nós propoñemos as seguintes:

Avelina Valladares
Belén Feliú
Clara Corral Aller
Filomena Dato
Luísa Villalta
María de los Ángeles Tobío
María Victoria Moreno
Pura Vázquez
Xela Arias
Xosefa Iglesias Vilarelle

Velaquí tedes un modelo de carta para enviar a proposta.”