Desde a Asociación Galega de Editoras:
“Galicia acolleu o encontro Galeusca de editoras, no que participaron 25 empresas editoriais pertencentes ás asociacións de Galicia, País Vasco, Cataluña e Valencia. Estes encontros, celebrados na Fundación Seoane da Coruña durante os días 13 a 15 de xuño, consolídanse despois de 16 edicións bianuais de reunións e debates conxuntos.
Organizado pola Asociación Galega de Editoras en colaboración coa Asociación de Editores en Lingua Vasca (Euskal Editoreen Elkartea), a Associació d´Editors en Llengua Catalana e a Associació d’Editors del País Valencià, o Galeusca 2018 demanda ás respectivas administracións implementar e cumprir cos plans integrais de fomento da lectura acordados co sector. Para as editoras e os editores que formaron parte deste encontro é fundamental a discriminación positiva de investimentos estatais con respecto ás linguas do territorio Galeusca.
De igual xeito, as/os representantes editoriais presentes na cita apelan a corrixir as desigualdades de xénero que aínda existen no sector e manifestan a preocupación polos ataques cometidos á liberdade de expresión.
Na súa benvida ás editoras presentes, o presidente da AGE, Xosé Ballesteros, manifestou que “nós, editoras e editores en linguas minorizadas, non desprezamos ningunha lingua, nin dentro das fronteiras do Estado español, nin fóra del. Porque desexamos enriquecer a lingua na que falamos, pero tamén as linguas coas que convivimos, establecer pontes, superar barreiras e fronteiras”.
CONCLUSIÓNS GALEUSCA DE EDITORAS 2018
– Manifestamos a vontade de ampliar e consolidar liñas transversais de colaboración en defensa das linguas nacionais.
– Consideramos que o apoio á cultura non é unha subvención senón un investimento.
– Esiximos, como industrias editoriais, un significativo incremento de investimentos públicos para o sector do libro, coa necesaria implicación dos departamentos de Cultura, Industria e Comercio.
– Constatamos a necesidade de que os respectivos gobernos nacionais se coordinen para establecer políticas conxuntas na defensa das respectivas linguas.
– Demandamos a discriminación positiva de investimentos estatais con respecto ás linguas do territorio Galeusca, garantes da diversidade lingüística.
– Reiterámonos na necesidade da implementación e cumprimento de plans de lectura acordados co sector, con suficiente dotación económica para levalos a cabo.
– Apostamos pola internacionalización das obras dos nosos creadores como mellores embaixadores da nosa literatura.
– Destacamos o traballo e a responsabilidade das mulleres no sector editorial e apelamos a corrixir as desigualdades de xénero que aínda existen.
– Manifestamos a nosa preocupación ante os ataques cometidos por parte dos poderes do Estado contra a liberdade de expresión.
Estas conclusións seranlles trasladadas aos respectivos gobernos nacionais e estatal.”