Debate, proxección audiovisual e novos libros sobre Lois Pereiro

O xoves 24 de novembro, ás 20:30 horas, no Restaurante Rúa (R/ San Pedro, 24) de Santiago de Compostela, terá lugar un evento, baixo o título Lembrando a Lois Pereiro, no que participarán Xosé Manuel Pereiro, O Leo, Iago Martínez e Daniel Salgado, moderados por Alberto Ramos. Antes da conversa, está previsto que se proxecte un fragmento da peza artística Corporal (je t’aime), proxecto baseado nunha idea de Antía Otero e Carlos Neira, a partir de poemas de Lois. Desde Cultura Galega.
Esta nova coincide coa saída de dous libros sobre o autor a quen este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas: Lois Pereiro. Dicionario de sombras, de Antón Patiño, editado en Espiral Maior, e o catálogo da exposición Quen corta os fíos do soño?, publicado pola Fundación Luís Seoane. Desde a páxina oficial de Lois Pereiro.

A Coruña: exposición Quen corta os fíos do soño? Lois Pereiro

Dodestacado47 mércores 20 de xullo ao domingo 25 de setembro, na Fundación Luís Seoane (Rúa San Francisco, s/n.) da Coruña, con horario de martes a sábado de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 20:00 h., domingos de 11:00 a 14:00 h. (luns pechado), a exposición, comisariada por Antón Patiño, Quen corta os fíos do soño? Lois Pereiro repasa a intensidade da escritura do poeta monfortino, visualizando os seus poemas a través de recursos tipográficos, a iconografía xerada por Lois a través dos retratos fotográficos que lle fixeron moitos compañeiros de xeración, como Xosé Abad, Vari Caramés, Xurxo Lobato, Víctor Echave, Andrés Panaro e Manuel Vilariño. Tamén se contén un impactante retrato expresionista de Lois realizado por Reimundo Patiño e un debuxo do propio Antón Patiño. A mostra conta coa colaboración de Xosé Manuel Pereiro e a familia do poeta. O libro-catálogo da exposición incluirá textos de Manuel Rivas, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Manuel Pereiro, Alberto Ruíz de Samaniego e Antón Patiño. A inauguración terá lugar o mércores 20 de xullo ás 20:00 horas.

A Coruña: Homenaxe a Manuel Espiña Gamallo

O venres 11 de marzo, a partir das 20:00 h., na Fundación Luís Seoane (Rúa San Francisco, s/n.) da Coruña, terá lugar unha Homenaxe a Manuel Espiña Gamallo, na que intervirán: Celia Castro, Luz Pozo, Felipe Senén, Francisco Pillado, Manuel Rivas e Victorino Pérez Prieto, xunto ás actuacións musicais de Mini e Mero e Coral Polifónica Follas Novas. Está organizada pola Comunidade Home Novo.

Valeriano Bozal na Fundación Luis Seoane

O crítico de arte e profesor Valeriano Bozal (Madrid, 1940) ofrecerá o 22 de marzo unha lección maxistral dentro do curso de iniciación á arte contemporánea da Fundación Luis Seoane. Baixo o título “O crítico ¿é o artista?”, Valeriano Bozal reflexionará sobre a relevancia do discurso teórico na arte contemporánea a partir dos anos 60. (Fundación Luis Seoane)