Os mouros do Pico Sacro gaña o premio Antón Risco de literatura fantástica

Desde Sermos Galiza:
“A terceira edición do premio de literatura fantástica que leva o nome de Antón Risco vén de distinguir Os mouros do Pico Sacro, de Luís Rodríguez Rivera (Mos, 1971). O galardón, convocado pola Fundación Vicente Risco e a editora especializada en ciencia ficcón e fantasía Urco, fallouse o pasado sábado en Allariz.
Fixeron parte do xurado o crítico e editor César Lorenzo Gil, a xornalista Llerena Perozo Porteiro, o escritor Lois Pérez e a novelista portuguesa Fausta Cardoso Pereira, vencedora da pasada edición coa obra Dormir com Lisboa (2017). O ano anterior fora Antonio Manuel Fraga con Querido H.P. Lovecraft (2016) quen se fixera coa distinción. (…)
O xurado do terceiro premio Antón Risco tamén recomendou a edición da obra presentada a concurso baixo o título Sopas New Campbell.”

Fallo do XXII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais

Desde a Fundación Vicente Risco:
“Reunido o xuri do XXII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, composto por:
Alberto Moreira Baptista (CETRAD-UTAD),
Octávio Sacramento (UTAD),
Teresa Devesa Graña (Concello de Allariz),
Manuel Carrete Rivera (Concello de Castro Caldelas) e,
actuando de secretario, José Mª Eguileta Franco (FVR)
Acorda por maioria premiar a obra:
USOS E DESUSOS DAS TERRAS DE TOURÉM. TRANSFORMAÇÕES SOCIOTERRITORIAIS EM UMA ALDEIA RURAL FRONTEIRIÇA DO NORTE DE PORTUGAL COM A GALIZA, de autoría de Diego Amoedo Martínez
O traballo, centrado na aldea fronteiriza portuguesa de Tourém, en pleno Val do Salas, encádrase nos estudos de Antropoloxía. A obra establece un diálogo fluído, constante e poliédrico entre dous elementos esenciais, o habitante e unha aldea identificada como “a terra”, entendendo o primeiro como protagonista configurador secular do medio físico do que forma parte inseparable, e a segunda, como unha entidade que é moito máis que unha simple agrupación de vivendas. O diálogo entre ambos enriquécese progresivamente na medida en que entran en xogo as claves para definir a identidade dos “fillos da terra”, mulleres e homes que secularmente contribuiron a humanizar ata límites insospeitados unha paisaxe aparentemente natural, que forma parte do Parque Nacional de Peneda-Gerês. A base económica agrogandeira, como tamén a propiedade da terra ou as relacións sociais e familiares trenzadas ao redor delas, reforzadas e sancionadas polas actividades dos ciclos festivos, contribúen a presentar ao lector un universo onde el mesmo, o habitante, é construtor e usuario dun escenario, un ecosistema artificial, que ao tempo lle serve de referencia e identificación en calquera parte do mundo.
Conforme as bases que permiten até dous accésits, o xuri propón, previo consentimento do autor, editar a obra Sen medo ao Demo (O teatro de títeres de Barriga Verde e a resistencia simbólica na Galiza da Postguerra).

Allariz a 27 de xaneiro de 2017″

Alberto Ramos faise co Premio Vicente Risco coa obra A simetría das bestas

Desde Sermos Galiza:
“O xornalista Alberto Ramos recunca como gañador do Premio Risco de Creación Literaria –do Concello de Ourense e da Fundación Vicente Risco– coa obra A simetría das bestas. En 2012 recollera o galardón con Todos os días.
Unha obra de “corte filosófico” onde concede “un espazo de dignidade aos outros, aos diferentes, aos marxinados” –en palabras do xurado– deulle ao xornalista e escritor Alberto Ramos o XVII Premio Risco de Creación Literaria.
O xurado destacou o simbolismo da obra e o “moi bo manexo dos recursos narrativos”, así como a creación de personaxes “moi ben construídas” dadas as “discusións filosóficas”.
O premio consiste en 6 mil euros en metálico e na publicación de 150 exemplares. (…)”

Bases do III Premio Antón Risco de Literatura Fantástica

“Urco Editora, a Fundación Vicente Risco, Auga Editora, Âncora Editora, Sacauntos Cooperativa Gráfica, Libraría Aira das Letras, Livraria Traga-mundos, Pastelería Fina Rei e A Fábrica de Vilanova, convocan conxuntamente o «III Premio Antón Risco de Literatura Fantástica» coa fin de homenaxear o escritor e teórico da literatura alaricano Antón Martínez-Risco Fernández. Continuador do gusto polo fantástico do seu pai, don Vicente Risco (a quen podemos considerar introdutor do xénero fantástico na literatura galega coa obra Do caso que lle aconteceu ao Dr. Alveiros en 1919), Antón Risco foi un profundo teorizador da literatura fantástica con obras como Serpentáguila (Notas de un lector de poesía), Quebec (Canadá), Ediciones Hipogrifo, 1986; Literatura fantástica de lengua española (Teoría y aplicaciones), Madrid, Taurus, 1987; Viaxes á América Latina á procura de literatura fantástica. Sada (A Coruña), Edicións do Castro, 1987. Tamén cómpre salientar o seu labor de editor en Antoloxía da literatura fantástica en lingua galega, Vigo, Galaxia, 1991. Asemade, foi prolífico escritor de novelas e relatos fantásticos, moitos deles aínda inéditos.

Por tal motivo e co fin de continuar o seu labor de divulgar o xénero fantástico convoca este premio conforme ás seguintes BASES:

Primeira: Poderá concorrer a este premio calquera persoa que presente escritos inéditos da súa autoría redactados en lingua galega ou portuguesa, cunha extensión mínima de 150.000 caracteres con espazos e máxima de 600.000.
Segunda: O prazo de entrega remata o día 30 de outubro de 2017 e os orixinais deberán entregarse na sede de Urco Editora, en Rúa do Avío, 11 baixo – 15705 Compostela, ben de xeito presencial, ben por correo postal ou mensaxería, sen que consten no exterior datos identificativos do/a autor/a.
Terceira: Os orixinais presentaranse en formato PDF, ODT ou DOC, gravados nun CD ou nunha memoria externa, maquetados en formato DIN-A4, en letra Times ou semellante de corpo 12 e a dobre espazo. Alternativamente, poden enviarse en papel, caso no que deberán entregarse 5 copias debidamente encadernadas.
Calquera orixinal entregado en letra Comic Sans será automaticamente descartado e o/a autor/a denunciado/a ante as autoridades competentes.
Os orixinais, veñan en CD ou en papel, irán acompañados dun sobre fechado que conterá a identidade do/a autor/a (nome completo, enderezo, teléfono e correo electrónico) e o título definitivo da súa obra, facendo constar no exterior só o título ou lema da mesma.
Cuarta: A obra gañadora será premiada con 3000 euros (suxeitos ás retencións fiscais pertinentes) e a publicación do libro. Urco Editora e Âncora Editora serán as encargadas da edición e publicación da mesma en lingua galega ou portuguesa e Auga Editora da tradución, edición e publicación en lingua española.
Quinta: O xurado estará composto por cinco persoas escollidas entre personalidades recoñecidas do mundo da literatura e da edición.
Sexta: Se a calidade literaria das obras non fose estimábel, segundo o criterio do xurado, o premio poderá declararse deserto.
Sétima: A contía do premio considérase en concepto de anticipo polos dereitos de autoría, polo que Urco Editora, Auga Editora, Âncora Editora e demais convocantes, resérvanse o dereito de publicación da primeira edición da obra gañadora en lingua galega ou portuguesa e castelá. O/A beneficiario/a do premio, recibirá gratuitamente 25 exemplares da obra publicada en cada lingua e na adquisición doutros exemplares contará cun desconto do 50%. Asemade, a persoa gañadora do premio será convidada a formar parte do xurado na seguinte edición. Se os dereitos de autoría xerados polas vendas superasen a contía do premio, procederase a liquidar periodicamente os mesmos con normalidade.
Oitava: As entidades convocantes resérvanse o dereito a publicar, xunto co fallo, os lemas das obras finalistas cuxa publicación recomendase o xurado, mais sen abrir a plica, para respectar así o seu anonimato. Os/As autores/as das obras mencionadas que así o desexen, poderán poñerse en contacto coas entidades convocantes para trataren o tema da publicación.
Novena: Os orixinais que non resulten premiados serán devoltos aos seus autores e autoras no caso de o requiriren por escrito antes de rematar o mes seguinte á decisión do xurado.
Décima: O fallo do xurado terá lugar en Allariz, na Fundación Vicente Risco, durante o mes de febreiro de 2018.
Undécima: A participación neste premio leva de seu a aceptación das presentes bases, así como a decisión do xurado, que será inapelábel.”