“A Fundación Xosé Neira Vilas en Gres (Vila de Cruces) acolleu o 9 de decembro, ás 13:00 h, a entrega do premio e presentación do libro gañador do V Concurso Balbino de Relatos, Bica de Montouto, da autoría de José Vázquez Peinó, coñecido como Pepe Peinó.
O acto deu comezo coa lectura da acta do xurado a cargo do profesor e escritor Xosé Manuel Lobato. Seguidamente, interveu a deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, María Victoria Alonso; quen destacou “a consolidación deste premio, que xa vai pola súa quinta edición e no que se resaltan os valores propios da nosa terra, a nosa cultura e a nosa xente, o que permitiu a consagración deste certame como referente para autores ilustres e noveis tanto da provincia como da comunidade galega”. Tamén o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, incidiu na repercusión que está a acadar este premio destacando que “dende a Xunta é toda unha honra apoiar un certame que leva como nome a Balbino, protagonista de todo un clásico da literatura galega que representa unha das obras máis internacionais da nosa cultura. Así mesmo, é unha obriga para nós, así como para a Deputación de Pontevedra e os Concellos de Boqueixón, Silleda e Vila de Cruces, apoiar iniciativas culturais como esta, que engrandecen o noso patrimonio cultural”. Tras eles, o alcalde do Concello de Boqueixón, Manuel Fernández; e o concelleiro de Cultura do Concello de Vila de Cruces, Julio López, felicitaron ao gañador e agradeceron a labor que desempeña tanto a editorial encargada da publicación, Edicións Fervenza, como a Fundación Xosé Neira Vilas en pro da difusión da cultura galega.
O peche do acto culminou coa entrega do premio ao autor da obra gañadora, Pepe Peinó, quen transmitiu coas súas palabras o seu agradecemento ao xurado, a Fundación Neira Vilas e a Edicións Fervenza, facendo fincapé en que se trata dun relato “escrito con agarimo dende o corazón” no que tratou de transmitir a defensa do rural e o valor das xeracións dos nosos avós “que non son só xubilados que observan obras, senón que aínda teñen moito que aportar á sociedade, algo que debería abrazar as novas xeracións, por iso este título, Bica de Montouto, pois a bica non só é un doce, senón que mesmo semella un bico, un bico ao rural máis profundo, sincero e puro”.
Por outra banda, este venres 11 de decembro, ás 20:00 h, o salón de actos do Concello do Valadouro (Lugo), acollerá a presentación de Bica de Montouto, pois trátase do lugar de residencia do autor, Pepe Peinó. O acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, contará coa presenza do profesor, escritor e membro do xurado do Concurso Balbino de Relatos, Xosé Manuel Lobato; o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Fernando Redondo; o prologuista do libro, Bernardo Penabade; o ilustrador da portada, Antón Caxoto e o gañador do Concurso Balbino de Relatos, Pepe Peinó.
Para aquelas persoas que non poidan acudir á presentación, o autor estará desde as 18:00 h asinando libros no propio salón de actos.”
Arquivos da etiqueta: Fundación Xosé Neira Vilas
Diana Varela: “Tratei de trasladar a arañeira que ten a burocracia”
Diana Varela Puñal gaña o Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta con A conxura
Desde Nós Diario:
“A novelista, poeta e editora Diana Varela Puñal resultou a gañadora da quinta edición do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta para nenos e adolescentes pola obra A conxura.
A novela impúxose a un total de 15 orixinais que foron avaliados nesta ocasión por un xurado formado polos membros do Padroado da Fundación Xosé Neira Vilas, Rosalía Morlán, Juan Andrés Fernández e o crítico Armando Requeixo.
A entrega do premio terá lugar o 3 de novembro, data na que cada ano a fundación que leva o nome do autor de Gres celebra o día de Neira Vilas e que nesta ocasión celebrarase no auditorio de Vila de Cruces.
A obra premiada constrúe un universo narrativo que se move axilmente entre o imaxinativo e o fantástico, habitado por personaxes hipnóticas e fascinantes, con descricións luminosas e unha estrutura feita a base de anacos narrativos que, a pesar da súa certa autonomía, logran fiar con solvencia o inicio e o final, explica a fundación.
A trama resólvese, ademais, dunha forma maxistral, unindo aquí aos variados recursos literarios empregados, outros procedentes dos campos da música ou do cinema.”
José Vázquez Peinó gaña o V Concurso Balbino de Relatos
Insuas de Gres (Vila de Cruces): presentación de Esca, de Antonio Piñeiro
Bases do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta 2020
Bases do 5º Concurso Balbino de relatos
Gres, Vila de Cruces: Encontros literarios en Gres, con Antía Yáñez
A escritora Antía Yáñez protagonizará o domingo 26 de xaneiro a partir das 17:00 horas o terceiro dos Encontros Literarios organizados desde 2019 pola Fundación Xosé Neira Vilas na súa sede en Gres. O faladoiro vai estar conducido por Pilar Sampedro, membro do padroado da fundación e experta en literatura infantil e xuvenil Estas xornadas pretenden dar a coñecer as obras de autoras e autores da literatura galega e así mesmo explorar a influencia que tivo nelas a de Xosé Neira Vilas.
Lalín: presentación de B. S. O., de Pablo Nogueira
Gres, Vila de Cruces: Encontro literario con Rosa Aneiros
O domingo 24 de novembro, ás 17:00 horas, na Fundación Xosé Neira Vilas (Gres, Vila de Cruces), no marco dos Encontros Literarios en Gres, terá lugar un encontro con Rosa Aneiros. Trátase da segunda sesión deste programa que comezou co coloquio mantido con Lois Alcayde e que coincidiu coa lembranza adicada a Anisia Miranda, de quen se cumpriron dez anos do seu pasamento. Destavolta, a autora de títulos como Resistencia ou Xelís, o guieiro das botellas de mar, que vén de obter o premio Merlín de Literatura Infantil, falará da pegada da obra de Neira Vilas na súa experiencia na lectura e na escrita. Departirá cos asistentes encol do seu taller de escritura, da súa concepción da escrita para a nenez e para os adultos ou dos temas que adoita tratar nas súas obras e da súa relación coa realidade social do noso tempo. O coloquio estará moderado por Mariluz Barreiro, profesora de lingua e literatura galega e veciña da aldea de Gres.