A Coruña: Rober Bass&Leo no ciclo Escrita(s)

Mañá xoves 11 de xuño ás 20 horas haberá unha nova sesión do ciclo Escrita(s) na Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56), a cargo de Rober Bass & Leo. Esta é a sinopse do acto de mañá:

Rober Bass e Leo atópanse nunha autovía -os dous están abandonados- e deciden comezar unha nova vida xuntos mais para elo deberán escribir o seu currículo para atopar traballo. Eles non saben vender a súa forza de traballo, son inútiles, superfluos e proletarios. Soamente pretenden conseguir cartos para facer o único, bailar. Bailar como lobas. Neste croquis vital (en plano secuencia) sobre un mesmo, -neste caso sobre elas mesmas, pois xa superaron o xénero e o número desde a súa desmateiralización-, farán un percorrido visual pola videodanza contemporanea, sen axiomas… porque lles peta, porque son proletarias e soamente lles queda eso da conciencia de clase.

A Coruña: Sabela Pato no ciclo Escrita(s)

Este xoves 4 de xuño ás 20 horas o ciclo Escrita(s) organizado pola Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56) acollerá á escritora Sabela Pato. A súa sesión leva por título A domadora:

Imos partir dun elemento central na escrita da arte contemporánea,o artefacto. Polo camiño, perderemos a noción de obra en tanto que unidade ou complexo de sentido e caeremos no disparatado. Presentareivos á domadora e descenderemos das peanas da arte ao lugar dos obxectos comúns: alí onde nós habitamos, alí onde sempre acabamos por constatar o paradoxo, pois alén dos reclamos de claridade e de facilidade, as nosas vidas abísmanse en múltiples intersticios. Acompañarannos Alicia e a eiruga, a voz de Duras e mesmo pode que Quintana.

 

A Coruña: Oriana Méndez no ciclo Escrita(s)

Partindo da noción de “identidades relacionais”, a poeta e filóloga Oriana Méndez tratará de caracterizar a estrutura da blogosfera e provocar, así, a conversa sobre as capacidades que estas redes sociais (blogs) posúen á hora de repercutir ou influenciar no ámbito do pensamento e da acción política. É a blogosfera un novo espazo público ou unha extensión do que xa existía? É unha refundación da Democracia? Esas serán algunhas das preguntas sobre as cales reflexionar nesta sesión do ciclo Escrita(s) baixo o título A blogosfera e a pluriarquia. Que posibilidades?, na Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56), hoxe xoves 28 de maio a partir das 20 horas.

A Coruña: Ana Salgado participa no ciclo Escrita(s) da Galería Sargadelos

Mañá xoves 21 de maio ás 20 horas comezará a segunda sesión do ciclo Escrita(s) na Galería Sargadelos da Coruña. Baixo o título Pedra e carniza intelixente Ana Salgado enfiará unha achega á poesía de vontade comunal feita nas últimas décadas para pór de relevo os intentos de problematizar algunhas nocións entre as que están identidade, nación, intimidade, clase, xénero ou dominación.

Ana Salgado é licenciada en Filoloxía Galega na Universidade de Santiago. O seu labor profesional desenvolveuse no Servizo de Normalización Lingüística da USC, na Área de Publicacións do Consello da Cultura Galega ou na Compañía Radio Televisión de Galicia. Na actualidade é redactora de Praza das Letras (revista e portal) e coordinadora de Protexta, suplemento literario da revista Tempos Novos.

Ferrol: charla-coloquio sobre Ramón Piñeiro

A Galería Sargadelos Ferrol organiza un acto conmemorativo do día das Letras Galegas hoxe mércores 13 de maio ás 20.00h, que contará coa participación de dous profesores e escritores de Ferrol, Henrique Dacosta e Bernardo Maiz, que levarán a cabo unha serie de reflexións sobre a figura de Ramón Piñeiro. A charla-coloquio será de entrada libre.

A Coruña e Vigo: presentación do novo libro de Alfonso Armada

O luns 20 de abril ás 20:00 horas na Libraría Librouro de Vigo presentarase o libro TSC. Diario da noite, de Alfonso Armada, nun acto que contará coa participación de César Portela, Fran Alonso e o autor.

Ao día seguinte, martes 21 de abril, o libro vai ser presentado na Galería Sargadelos da Coruña (R/ Real, 56), coa presenza de Pilar García Negro e Yolanda Castaño. Será a partir das 20 horas. A entrada nos dous casos é libre.

A Coruña: exposición de Antón Cabaleiro

Mañá xoves 26 de marzo ás 20 horas inaugúrase na Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56) a exposición Meanwhile, 2008 de Antón Cabaleiro, que permanecerá aberta até o próximo 26 de abril. Antón Cabaleiro naceu en Santiago de Compostela en 1977, e actualmente vive e traballa na cidade de Nova York. Nesta exposición realiza unha intervención en todo o espacio da galería na que o fío condutor é o seu novo traballo: Meanwhile, vídeo narrativo de sete minutos de duración. Para a súa realización utilizou o método de Rotoscopy para debuxar frame a frame, usando distintas técnicas.

Ferrol: recital e obradoiro con Eduardo Estévez

Mañá venres 27 de febreiro ás 17:30 na Galería Sargadelos de Ferrol haberá unha sesión aberta do obradoiro literario de Fene para celebrar a aparición en papel do libro Os veos da paisaxe de Eduardo Estévez preparada por Antonio Piñeiro en Edicións Bourel. Esta edición consta de 80 exemplares cosidos e pegados a man acompañados por cinco fotografías orixinais da serie Os veos da paisaxe, algunhas das cales están expostas este mes na propia Galería Sargadelos xunto co traballo de Igor Lugrís, Poesía para ver, poesía para ler. Na sesión de hoxe o editor Antonio Piñeiro falará sobre o que significa unha editora de libros artesáns e contará como é que se fai un obxectos coma este. A seguir, Eduardo Estévez fará un pequeno recital con textos do libro e despois as persoas presentes que queiran poderán participar dun exercicio de escrita a partir das imaxes da exposición.