A Coruña: 27 Memorial Ibán Toxeiro

Boiro: IX Romaría das Letras no Barbanza

O grupo Airiños de Rianxo celebra 85 anos de existencia

Desde Erregueté:
“O grupo de teatro Airiños de Asados celebra o seu 85 aniversario cunha gala, Esta noite, velada no Auditorio de Rianxo. Serán tres funcións: o venres 21 de setembro, ás 21:00; o sábado 22 de setembro, ás 21:00; e o domingo 23 de setembro, ás 19:00. O espectáculo está ideado como unha festa de aniversario e, en contra do que sucede con outras obras da compañía, só se poderá ver nestas funcións en Rianxo.
A gala contará coas colaboracións de Barahúnda, José Luís Do Pico Orjais e Río de Anxo. Ademais, o Auditorio acollerá unha exposición de cartaces do grupo que se inaugurará este mesmo venres 21 de setembro ás 20:00.
O Grupo de Teatro Airiños naceu no ano 33 en Asados (Rianxo) da man dos curmáns de Castelao e arredor do Centro Galeguista do lugar A súa primeira posta en escena foi a de A retirada de Napoleón, de Xavier Prado Lameiro. Isto converte á compañía na máis antiga de Galiza.
A Guerra Civil pararía inevitablemente a actividade creativa do grupo, que se retomaría nada máis comezar a ditadura grazas ao seu espírito loitador, malia as dificultades que o réxime impuña a toda actividade cultural, e, no concreto, a un grupo de teatro cuxa máxima principal era representar as súas veladas en lingua galega, algo ao que xamais renunciarían. Desta etapa, cómpre salientar, por exemplo, que Airiños representou por vez primeira, no ano 61, A fiestra valdeira, do rianxeiro Rafael Dieste, con este aínda no exilio.
Coa chegada da democracia, e a compañía, cumpriu un grande soño: a representación de Os vellos non deben de namorarse, de Castelao. Nestes anos, a fundación en Asados do “Centro Cultural Simón Varela” achegoulle ao grupo un enclave fundamental que acolleu a compañía ata o momento actual.
No 2008, co gallo do seu 75 aniversario, a Asociación Alexandre Bóveda da Coruña homenaxeu á compañía entregándolles un premio «pola súa defensa do idioma e a cultura galega durante máis de tres cuartos de século». Xa no 2009, o grupo recibiu o seu segundo premio, o Sireno de Bronce de Barbantia na sección de iniciativa cultural no Barbanza. No 2012 Airiños recibe o premio “Ángel Velasco Montoya” da Asociación Amigos del Teatro de Valladolid, pola súa fértil traxectoria ao longo de 79 anos de difusión do teatro afeccionado en galego. Ese mesmo ano, recibe o premio da Cultura Galega das Artes Escénicas polo traballo desenvolvido desde a súa creación. No 2013, súmase a estes premios o recoñecidísimo Pedrón de Ouro e o premio Aurosán do Ano na categoría de cultura.
No ano 2010 o grupo de teatro comeza unha nova etapa da man de Esther F. Carrodeguas, que asume a Dirección Creativa da Compañía. E dende entón, ademais de continuar a traxectoria habitual, o grupo ábrese a novos proxectos cheos de vida teatral, como o teatro-expres, unha iniciativa do Concello de Rianxo para achegar o teatro de pequeno formato aos nenos rianxeiros, levando os bártulos teatrais de parroquia en parroquia. Coa dirección de Esther. F Carrodeguas levan subido ao escenario obras como Ata que a morte nos separe, Nin rico nin pobre, O cabaré dos 80 anos de Airiños, Celtas sen filtro, Nosa señora das nubes e Hoxe non se paga.”

Vedra: XV Mostra de Teatro Amador de Vedra, Teatrofilia 2018

Boiro: VI Romaría das Letras no Barbanza

Romaría das Letras no Barbanza 1Romaría das Letras no Barbanza 2

Salvador García Bodaño e Miguel Anxo Fernández, entre os Premios da Cultura 2012

“Un xurado formado por representantes da Xunta de Galiza, do Consello da Cultura Galega, das tres universidades, da Real Academia Galega e da Real Academia Galega de Belas Artes, ademais de catro persoas do mundo da cultura, escolleron como premiados nesta edición dos Premios da Cultura Galiza a Salvador García Bodaño na categoría das Letras; o grupo de teatro Airiños (Rianxo) na das Artes Escénicas; Manuel Quintana Martelo na das Artes Plásticas; a Asociación Internacional Estudos Galegos en Promoción Cultural de Galicia; a Fundación Eduardo Pondal en Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural; Manuel Rodeiro en Música; e Miguel Anxo Fernández na modalidade de Creación Audiovisual. Estes galardóns crearonse no ano 2008 co nome de Premios Nacionais da Cultura Galega. Desde a chegada do PP ao goberno da Xunta non levan o nome de “nacionais” e non dispoñen de dotación económica algunha.” Desde Sermos Galiza.