Entrevista a Xosé Luís Axeitos en La Voz de Galicia:
“O secretario da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos (Rianxo, 1945), analiza o labor da actual executiva, que remata o seu mandato en xaneiro do 2014, e as últimas polémicas nas que se viu envolta a corporación. (…)
– Xosé Luís Axeitos (XLA): Eu coñezo moi ben a historia da Academia e ao longo da súa historia ocorreu un problema moi grave: hai determinadas institucións culturais de gran potencia que a ocupan e a colonizan. Pasou coas Irmandades da Fala e o Seminario de Estudos Galegos, que entraron masivamente na Academia. Pasou con Galaxia, que secuestrou a Academia durante gran parte da posguerra. E pasa agora mesmo coa Universidade de Santiago, co ILG. Hai tres universidades en Galicia, pero a única representada é a de Santiago. Hai un desequilibrio evidente.
– La Voz de Galicia (LVG): Pero tamén hai un sector crítico interno, ¿non?
– XLA: A colonización que unha institución, axudada por algunha outra afín, está facendo da Academia. Esa é a causa de certas críticas á actual directiva.
– LVG: ¿A institución afín é o Consello da Cultura Galega?
– XLA: Si, si, é o Consello, si… E unha proba do que digo é que, no proceso sobre o decreto do plurilingüismo, o ILG e o Consello da Cultura, segundo di Política Lingüística, queren unha solución pactada e buscan que a Academia tamén se sume a ese pacto e retire o recurso, pero a Academia non está en venda. (…)”
Arquivos da etiqueta: Instituto da Lingua Galega
As entidades da lingua dan o apoio á RAG no mantemento orzamentario
“A presentación dos Orzamentos Xerais do Estado do goberno de Rajoy para o 2013 en que figura que a Real Academia Galega recibirá só 340.000 euros, un 70% menos que o millón de euros que recibía no último ano do goberno do PSOE en Madrid, tivo a súa resposta oficial por parte da RAG e causou un gran malestar en numerosas entidades. As declaracións do seu presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín, dunha “posíbel” desaparición da institución se esta quedaba sen fondos provocou unha reacción de apoio unánime á continuidade e unha defensa directa fronte a actitude de discriminación do goberno español.
No Instituto da Lingua Galega (ILG) Antón Santamarina, asegurou que aínda que non teña ningún tipo de axudas a RAG continuará, viviu sen subvencións no franquismo e o que esta a pasar agora é unha crise que se superará algún día”. Como membro tamén da RAG apunta que a institución deberá cancelar algún dos proxectos, “mais a actividade continuará”.
Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) “é inexplicábel a precariedade nun dos símbolos fundacionais do noso país, a RAG xustifica a existencia doutras institucións como a da propia Xunta”. Para Sánchez Iglesias a RAG “debería ter un status aínda máis importante do que ten e o que vemos é que se lle castiga pola súa defensa do idioma e os seus últimos pronunciamentos”.
O presidente da Coordinadora de Traballador@s de Normalización da Lingua (CTNL), Nel Vidal, pensa que a hipotética desaparición da RAG “é algo tremendo e inimaxinábel posto que unha lingua quede sen Academia é como se un país quede sen estrutura de estado, non ten sentido”. Na CTNL apoian as reivindicacións da RAG. Para Nel Vidal “a diminución dun 70% vai ser un sen sentido e máis se o comparamos co que reciben outras academias”.
Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, cre que “as institucións galegas teñen que recibir diñeiro público” e reitera o total apoio desde A Mesa ás reivindicacións da RAG”. Callón vai máis alá e opina que “non está ben que a reivindicación sexa só de carácter económico, a RAG pode facer moito máis, como fixo no caso do decreto, e ter unha postura máis activa en temas como o galego na xustiza, nos medios de comunicación, na educación, na administración,…”. (…)”
Santiago: Simposio ILG 2012 – Un galego común, fiel a si mesmo. Trinta anos de estandarización: 1982-2012
Como cada ano, o Simposio do Instituto da Lingua Galega, organizado en colaboración co Consello da Cultura Galega, diríxese a estudantes universitarios de grao e posgrao, profesores de lingua e literatura galega, profesionais de distintos sectores e público en xeral que desexen ampliar ou actualizar os seus coñecementos na materia.
O comité organizador está formado por Henrique Monteagudo (coordinador), Francisco Dubert, Elisa Fernández Rei, María Álvarez de la Granja e Raquel Vila Amado
.
O custo de matrícula será de 10 euros, que deberán ingresarse antes do 11 de decembro. Concederase o diploma de asistencia ás persoas que acudan, cando menos, ao 70% das sesións. Está solicitado un crédito de libre configuración para a Facultade de Filoloxía.
Aquí pode descargarse o FORMULARIO DE INSCRICIÓN.
As actividades serán na na aula 22 da Facultade de Filoloxía (Campus Norte), Universidade de Santiago de Compostela.
PROGRAMA
Martes 11 de decembro
– De 16:30 a 17:00 h. Inauguración. Ramón Villares e Rosario Álvarez.
– De 17:00 a 18:00 h. Conferencia 1: Antón Santamarina: As normas ortográficas e morfolóxicas do ’82 e o estándar galego actual.
– De 18:30 a 19:30 h. Conferencia 2. Manuel González: As modificacións e reformas da norma do ’82. O VOLGa.
– De 19:30 a 20:30 h. Debate.
Xoves 13 de decembro
– De 16:30 a 17:30 h. Conferencia 3. Francisco Cidrás: As Gramáticas e o estándar morfosintáctico.
– De 17:45 a 18:45 h. Conferencia 4. Xosé L. Regueira: A construción do estándar oral do galego.
– De 19:00 a 20:00 h. Mesa de debate 1. Ana I. Boullón (moderadora), Xurxo Souto (cantante), Paulino Novo (TVG), Mabel Rivera (actriz): Estándar e medios de comunicación: da corrección á naturalidade.
– De 20:00 a 20:30 h. Debate.
Martes 18 de decembro
– De 16:30 a 17:30 h. Conferencia 5. María Álvarez de la Granja: O coñecemento do vocabulario normativo galego. Unha aproximación a través do léxico dispoñible.
– De 17:45 a 18:45 h. Conferencia 6. Darío Xohán Cabana: A lingua literaria, os dicionarios, a edición: corrección, adecuación e riqueza.
– De 18:45 a 20:00 h. Mesa de debate 2. Xosé A. Fernández Salgado (moderador), Bieito Iglesias (escritor), Antón Dobao (TVG), Gonzalo Navaza (UVigo), Anxo Angueira (UVigo): Alén do estándar: diversidade estilística e creación.
– De 20:00 a 20:30 h. Debate.
Mércores 19 de decembro
– De 16:30 a 17:30 h. Conferencia 7. Xosé M. Gómez Clemente: Neoloxía.
– De 17:45 a 18:45 h. Conferencia 8. Xusto R. Río: Trinta anos de dicionarios e vocabularios técnicos.
– De 18:45 a 20:00 h. Mesa de debate 3. Nel Vidal (moderador), Xermán García Cancela (Xunta de Galicia), Luz Méndez (TVG), Carlos Díaz Abraira (Parlamento de Galicia), Xavier Guinovart (UVigo), Susana Mayo Redondo (CDSG / Consello da Cultura Galega): Servizos e recursos lingüísticos.
– De 20:00 a 20:30 h. Debate.
Xoves 20 de decembro
– De 16:30 a 17:30 h. Conferencia 9. Miquel Pradilla: Debates e reformas recentes na ortografía e na norma do catalán.
– De 17:45 a 18:45 h. Conferencia 10. António Emiliano: A reforma ortográfica do portugués.
– De 18:45 a 19:45 h. Conferencia 11. Xoán Lagares: O debate normativo no Brasil.
– De 19:45 a 20:30 h. Debate.
Santiago: presentación do número 191 da revista Grial
O Instituto da Lingua Galega pon na rede un dicionario fonético
“Dunha banda a transcrición fonética e da outra, a súa pronuncia real a golpe de click. Isto é o que permite o Dicionario de pronuncia da lingua galega, a última ferramenta informática para o idioma galego. Coordinado por Xosé Luís Regueira, trátase da versión dixital dun proxecto desenvolvido desde o Instituto da Lingua Galega que o ano pasado a Real Academia Galega editou en papel. Para a proposta en liña, contouse coa colaboración coa Compañía da Radio Televisión de Galicia, que facilitou a gravación duns 60.000 rexistros de uso común”. Vía Cultura Galega.
Rosario Álvarez: ”O problema do galego non se resolve no ensino; cómpren medidas sociais profundas”
Entrevista a Rosario Álvarez en El Progreso:
“Rosario Álvarez (Pontevedra, 1952) recolleu o 25 de xullo a Medalla de Ouro de Galicia coa que a Xunta distinguiu os 40 anos de traballo do Instituto da Lingua Galega (ILG) cun discurso preocupado no que reclamou medidas “eficaces” que garantan a supervivencia do idioma. É que nesas catro décadas houbo un avance “extraordinario” no seu estudo, impulsado en boa medida polo ILG, pero tamén retrocesos “preocupantes” nalgúns indicadores da súa saúde, como na transmisión familiar. Así as cousas, Álvarez -catedrática de Filoloxías Galega e Portuguesa, á fronte do ILG desde o 2005 e membro da Real Academia Galega– advirte de que “temos a obriga de defender a lingua e de transmitírllela enriquecida aos que veñen detrás” (…)”
O ILG esixe discriminación positiva para o galego
‘Nun discurso contundente e diáfano, a directora do ILG, Rosario Álvarez, leulle a cartilla ao presidente Núñez Feixóo e ás demais autoridades, tanto da Xunta coma do parlamento, as deputacións e os Concellos. “Sen discriminación positiva e maior peso do galego no ensino, o futuro da lingua é complicado”, afirmou. Álvarez considerou no seu discurso de aceptación da Medalla Galicia para o instituto que dirixe, que o galego está a vivir un momento de gran dificultade e subliñou a orixe do problema. “Perante o desafecto de certos sectores sociais e a deserción de certas autoridades, esa crise agravarase até cegarlle o camiño do porvir”. No mesmo acto, o outro galardoado coa Medalla Galicia, o investigador en Xenética Anxo Carracedo, reclamou maior apoio ao desenvolvemento científico. Tras criticar a falta de recursos para a ciencia en Galiza, recordou a “débeda histórica” do Estado co noso país a ese nivel. “Recibimos menos apoio que outros territorios e pola contra os científicos galegos demostran día a día que saben ofrecer moito máis do que reciben”.’ Vía A Nosa Terra. Tamén en El Progreso e Galicia Confidencial.
O Instituto da Lingua Galega recibirá a Medalla de Ouro de Galicia
‘O presidente da Xunta de Galicia anunciou o nome dos galardoados este ano coa Medalla de Ouro de Galicia, a máxima distinción do Goberno galego: por unha banda, o Instituto da Lingua Galega (ILG) e, por outra, o profesor e investigador médico Ángel Carracedo. O mandatario autonómico destacou o labor dos galardoados nesta edición coa Medalla de Ouro de Galicia “na protección do legado glorioso de Galicia e na dedicación para seguir engrandecendo este legado no futuro”. Feijóo referiuse así ao “gran labor que está a desempeñar o ILG desde hai xa catro décadas polo idioma, para que este sexa un elemento de cohesión social e por ampliar o estudo, coñecemento e a investigación da nosa lingua.” Ademais incidiu no “papel determinante do ILG na restitución cordial do idioma nos primeiros anos de autonomía, facilitando o labor da Real Academia Galega e axudando a que os gobernos puideran desenvolver unha política lingüística”.’ Vía Galaxia. Tamén recollido en Galicia Hoxe, El País, Cultura Galega e Galicia Confidencial.