Arquivos da etiqueta: José Luís Baños de Cos
José Luís Baños De Cos gaña o III Premio Roberto Vidal Bolaño de Teatro 2020
Desde Galaxia:
“A obra gañadora do III Premio Roberto Vidal Bolaño de Teatro 2020 é A cámara escura.
O mércores 23 de setembro, ás 12:00 h, celebrouse, no Concello de Porriño, a entrega do Premio Roberto Vidal Bolaño de Teatro 2020. O gañador José Luís Baños De Cos, recolleu o galardón nun acto no que interviron Raquel Castro (IES Ribeira do Louro), a alcaldesa Eva García de la Torre, a concelleira de Educación, Lourdes Moure e Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia.
O xurado, formado polo dramaturgo Zé Paredes, Delio García, en representación IES Ribeira do Louro, Inma López Silva, en representación de Editorial Galaxia, e Raquel Castro, como secretaria; destacou da obra que “estamos diante dun texto cun estilo ben definido e que, alén diso, presenta un rexistro de lingua máis urbana e máis próxima da mocidade. A temática é tamén de actualidade e sen didactismos, e preséntanos cuestións que poden ser de índole filosófica. É un texto actual e eminentemente teatral, xa que se lle pode sentir o pulso da escena.” (…)”
A Coruña: lectura dramatizada de O círculo, de José Luis Baños de Cos
Baños de Cos gaña o Abrente de Textos Teatrais con Asfixia
Desde Sermos Galiza:
“Asfixia, de José Luis Baños de Cos, é o texto gañador da 14 edición do Premio Abrente de Textos Teatrais, convocado pola MIT Ribadavia. O xurado, presidido polo director do festival, Roberto Pascual e composto pola dramaturga e actriz Avelina Pérez, polo actor Roberto Leal e polo director Álex Sampayo, decidiron por unanimidade conceder o premio a este texto.
O xurado destaca que o texto propón un interesante xogo teatral onde o aparentemente trivial e absurdo se vai transformando e crecendo eficazmente ata levar á persoa lectora a un tránsito por diferentes sensacións que tocan as convencións e o letargo rutineiro.
Agradece o xurado, igualmente, a ausencia dunha única mensaxe ideolóxica. “Amósase así unha peza que non é panfletaria e que permite a viaxe mental propia da persoa lectora sen que a voz autorial se poña nun nivel superior, coma se fose unha guía nunha única dirección”.
Atopa o xurado, por último, unha gama rica de posibilidades de posta en escena aberta, que estimula a un teatro actual e conectado co hoxe.”
Fallo do xurado do I Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle
Desde a A. C. Alexandre Bóveda:
“O día 15 de xuño, no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña, tivo lugar a reunión do xurado do I Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle. O mesmo estivo composto por Xosé Manuel Rabón, director de escena tanto de ópera como de teatro, Sabela Hermida, actriz e autora de diferentes traballos sobre o oficio teatral e Lino Braxe, dramaturgo e director de escena quen actuou como secretario do xurado.
Falláronse un 1º Premio e dous accésits tal e como se indica nas bases.
O 1º Premio recaeu na obra Fashion Victims, da que resultou gañador José Luís Baños de Cos.
O 1º Accésit foi para a peza Albatros en terra, da autoría de Alberto G. Aneiros.
E o 2º Accésit recaeu no texto No ventre da balea, de Fernando Castro Paredes.
O texto gañador será posto en escena en formato de lectura dramatizada, mentres que as tres pezas serán publicadas no 1º Caderno de Teatro Jenaro Marinhas del Valle.
E para que consten asinan este documento
Sabela Hermida
Xosé Manuel Rabón
Lino Braxe”