Artigos sobre Agustín de Ramón Nicolás, Manuel Rivas e María Solar

Estes Agustín Fernández Paz 2son os artigos publicados en La Voz de Galicia sobre Agustín Fernández Paz, por:
Ramón Nicolás: Non cabe na morte.
“Un poeta venezolano con raíces portuguesas, Joaquín Marta Sosa, escribiu, cando soubo da morte doutro poeta chamado Manuel de Cabral, que este «non cabía na morte». Non se me ocorre outra afirmación que cadre, neste momento triste, para falar de Agustín Fernández Paz: non cabe na morte porque desde onte foi quen de facerlle un caneo colosal e, malia ser tanxible e dolorosa a orfandade na que nos deixa, reaparece poderosamente diante de nós para perdurar nunha nova dimensión. Todo cobra un sentido diferente que, talvez pola familiaridade que nos inspiraba, non eramos quen de ver con claridade e, ás veces, só sospeitabamos. (…)”
Manuel Rivas: O fío do leite.
“(…) Este é un país envellecido demograficamente, máis cheo de crianzas da imaxinación. Semella que os eidos están abandonados de cultivos, que as vacas de hogano son as últimas, que hai seca nos depósitos da esperanza. Mais todo iso é un pesadelo pasaxeiro. O fío de leite escintilante co que escribía Agustín, ese activismo do soñar, enxerta presente e futuro, é unha transfusión liberadora. Grazas a Agustín este nunca será un país estéril. (…)”
María Solar: O amor que nos deixa.
“(…) Agustín escribía para cambiar o mundo, para afianzar a fala, para facer pensar e sentir. Elixiu escribir principalmente para os máis novos e levou a literatura infantil e xuvenil en galego a metas que, ata el, parecían inalcanzables. Foi un daqueles mestres dos anos oitenta que decidiron actuar para renovar a escola e iso tamén implicaba darlles aos máis novos alimento escrito na nosa lingua. Desde aqueles colectivos comezou a publicar os primeiros textos narrativos pensados como parte das necesidades educativas, ata que o medio se converteu nun fin, e Agustín nun narrador de seu. «Eu empecei nisto de escribir ben serodio, xa tiña os corenta», contaba sorrindo (porque el sorría a miúdo). (…)”

Luz Pozo mergúllase no labirinto borgiano a través da súa última obra Rosa Tántrica

DesdeLuz Pozo La Voz de Galicia:
“Unha vez máis, a poeta ribadense Luz Pozo Garza ten moito que celebrar, porque a pesares de estar a piques de cumprir 94 anos, a autora presentou, no local Portas Ártabras, o seu último poemario, Rosa Tántrica.
A obra, composta por sesenta e tres poemas, é froito duns dez anos de traballo, malia que, como explica Olivia Rodríguez, mestra en Teoría da Literatura na Universidade da Coruña, «Luz foi traballando aos poucos e sempre de forma intermitente neste poemario, de feito sempre andaba a quitar poemas e a engadir outros no seu lugar». Tanto é así, que aínda ca alegría da publicación, «rematar con este libro, con este auténtico labirinto borgiano, supuxo todo un alivio para ela», puntualiza a mestra Rodríguez.
Deste xeito, o libro está dedicado principalmente á figura do escritor arxentino Jorge Luis Borges, e nel, Luz Pozo tenta buscarlle un sentido «á morte, e moi especialmente, á vida despois desta», explica de novo Rodríguez. Como colofón da obra, Luz Pozo atopa as respostas que buscaba ao escribir a obra: a eternidade é real. (…)”

Ramón Nicolás recrea un Medievo luminoso en O espello do mundo

ArtigoRamón Nicolás en La Voz de Galicia:
Ramón Nicolás estivo arroupado na presentación da súa obra na Feira do Libro de Vigo polo subdirector de Xerais, Fran Alonso, a quen agradeceu «multitude de orientacións e consellos xenerosos»; a escritora Marga Romero, «hildegardiana confesa»; e o profesor de tradución e de formación medievalista, José Yuste, en quen o autor recoñeceu a inspiración para atopar «o título exacto da novela». Ramón Nicolás confesou tamén que as súas moitas lecturas como crítico foran deixando un pouso que contribuíu á escrita de O espello do mundo, xa que, como lembrou, «para escribir cómpre ler e cómpre saber ler». Deste xeito, citou algunhas achegas a este período como as de Luísa Villalta ou Darío Xohán Cabana, ademais de citar como influencias as lecturas de textos de autoras como Marilar Aleixandre, Begoña Caamaño ou especialmente Herba moura, de Teresa Moure, e a súa estrutura de patchwork literario.
Para Ramón Nicolás, esta incursión no Medievo é tamén un exercicio de memoria, cun epicentro claro, o de Ramirás: «De memoria quixen falar neste libro, da memoria dun lugar concreto, da memoria dun tempo concreto. A igrexa conservada de San Pedro de Ramirás, e os seus arredores, pedían que se contase a súa historia». O outro eixo de fascinación era Von Bingen, «símbolo do protofeminismo e mesmo da protociencia, da música, da ilustración e de tantos e tantos ámbitos do saber». O autor pechou a súa intervención precisamente cunha cita da mística xermana: «Que os afectos prendan e perseveren nas vosas vidas».”

Blanca Riestra gaña o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia

DesdeBlanca Riestra La Voz de Galicia:
“Unha intriga ambientada nos círculos de estudantes de Santiago é a gañadora do Premio de Novela por Entregas de La Voz, que se fallou onte nunha cea literaria celebrada no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre, nas instalacións do xornal. A súa autora é a escritora Blanca Riestra, que presentou o seu orixinal baixo o título de Noire Compostela e o pseudónimo Amanda Lear.
A historia arranca cunha conversa entre un estudante, Xurxo, e Dafne, quen traballa como camareira nun dos bares da zona vella compostelá. A partir de aquí, a historia avanza nun desenvolvemento que inclúe segredos, misterios cuxa orixe se remonta a varios anos, e os enigmas que agocha a chamada Internet profunda ou deep web. Axiña aparecen outros personaxes en escena, tanto compañeiros de estudos como un inspector de policía, Touriñán, e algúns colegas de comisaría, axentes especializados en delitos cibernéticos. (…)
A autora da novela recibirá un premio de 9.000 euros e a súa obra aparecerá no xornal durante todo o mes de agosto, tanto na edición en papel como na web do diario. Cada entrega será ilustrada por Juan Carlos Abraldes. Ao recibir o galardón, Riestra explicou que para ela a súa concesión implicaba unha situación especial: primeiro, por sumarse á nómina de gañadores anteriores, e segundo, porque despois de dez novelas en castelán esta obra é a súa primeira en galego. «Era algo que quería facer dende había vinte anos e foi unha experiencia moi pracenteira», explicou. «Foi un desafío, pero levaba a lingua moi dentro e grazas a iso redescubrín tamén o pracer da escrita. Espero que aos lectores lles guste tanto como a min escribila». (…)”

Xurxo Alonso gaña o Premio de Poesía Cidade de Ourense

Desde La Voz de Galicia:
Cartas da fronteira, do pintor e escritor Xurxo Alonso, foi elexida polo xurado entre os 57 orixinais presentados a concurso este ano
O escritor e pintor vilagarcián Xurxo Alonso converteuse no gañador do XXXII Premio de Poesía Cidade de Ourense 2016. O xurado reuniuse no Liceo para elexir a mellor das cincuenta e sete obras presentadas a concurso, nunha convocatoria que está aberta a todos os cidadáns da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (as obras poden estar escritas en galego ou en portugués). Isabel Alves, Fernando de Castro, Luciano Rodríguez, Amalia Mosquera e Luís González Tosar elexiron Cartas da fronteira, do consolidado escritor vilagarcián, como o orixinal que reunía as condicións para ser Premio de Poesía Cidade de Ourense 2016. A convocatoria está dotada con 6.000 euros e a publicación do libro. (…)”

Xosé Duncan: “Os galegos temos algo inherente a nós, que é a terra e a tradición oral”

ArtigoXosé Duncan de F. R. Lavandeira en conversa con Xosé Duncan en La Voz de Galicia:
“(…) Non é doado escribir literatura fantástica en Galicia e en galego na actualidade -propósitos irrenunciables do autor- porque tanto as esixencias do xénero, como a súa consideración no noso sistema literario, ademais das limitacións que impón a crise -esa gran coartada dos poderes escuros- fan que atopar espazo de publicación sexa difícil. Velaí, por exemplo, como unicamente hai unha editorial especializada no xénero en galego, Urco Editora, ou como só existe un único premio literario para o ámbito fantástico e de terror -nun país tan pródigo noutras modalidades-, o Antón Risco, con apenas un ano de existencia.
Fronte a estes impedimentos, Xosé Duncan achega cinco novelas -tres delas conformando unha brillante triloxía: As crónicas de Bran– e case doce narracións editadas en libros colectivos. Unha produción ampla, que fala dun autor en plena creatividade e do seu compromiso coa nosa lingua, contando historias fantásticas para «adultos». Porque velaí outra das eivas espurias desta literatura: que se entende propia dos máis novos ou patrimonio da serie B. Dirá Duncan que esa caracterización faille á literatura -fantástica ou non fantástica- «o mesmo mal que pensar que por levar ilustracións, un libro é para crianzas. O mesmo mal que crer que por representar a figura do político ou o presidente ou o rei que toque por unha deidade colérica, un mago ou un guerreiro orco, eses personaxes non poidan ter profundidade nin seren unha crítica á sociedade que estamos a vivir». (…)
A mención do colectivo suscita a pregunta polo futuro do Fogar de Breogán, da súa literatura en xeral e da fantástica en particular. Xosé Duncan amósase pesimista, pero combativo. El, que se define, cun meditado grao de provocación e ironía, como escritor afeccionado nun país no que -ás veces di ter esa sensación-, hai máis escritores en galego que lectores, non está disposto a claudicacións e compracencias no que á súa cultura e á lingua se refire: «esa é a miña guerra, non me preocupar polo que gobernos ineptos a nivel cultural poderían facer pola cultura senón facelo eu mesmo».”

Ramón Nicolás: “O universo vital de Hildegarda von Bingen é formidable”

EntrevistaRamón Nicolás de Xesús Fraga a Ramón Nicolás en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Unha das liñas argumentais da novela [O espello do mundo] xira arredor da vida nun mosteiro preto de Celanova na Idade Media. ¿De onde veu esta trama e como se documentou?
– Ramón Nicolás (RN): A inspiración chegou ao descubrir a inexistencia dos restos dun convento feminino en San Pedro de Ramirás, nas Terras de Celanova, isto é, nada fóra da igrexa principal, o que entendín como unha metáfora. Dun xeito casual souben que alí existira unha comunidade relixiosa feminina, rexida por abadesas chamadas onas, o que supuña tamén unha peculiaridade lingüística única. Aquelas mulleres chegaron a ostentar un poder extraordinario na baixa Idade Media e aquela parte da historia foi interesándome aos poucos. Nese sentido, o proceso de documentación foi, loxicamente, demorado e, ademais doutras fontes, tiven a sorte de consultar a colección diplomática dos textos conservados do mosteiro: neles latexa, dalgún xeito, o día a día do convento. (…)
– LVG: A alternancia de planos temporais, pasado e presente, ¿é unha forma de dicir que dende o noso tempo podemos ir alén da natural fascinación por esta época e sacar valiosas leccións?
– RN: En O espello do mundo paira, en certa maneira, esa intención. Os planos temporais superpóñense e ambos os dous avanzan na mesma dirección. Un proceso de investigación que realiza un profesor de historia sobre uns documentos da Idade Media vén ser a desculpa que ofrece a posibilidade de afondar nun tempo moi rico en matices e, por veces, bater con realidades insospeitadas que o tempo se encargou de escurecer.”

Manuel Rivas: “Ninguén pon esquelas en Internet”

Entrevista Manuel Rivasa Manuel Rivas en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿As librarías non poden desaparecer?
– Manuel Rivas (MR): Non. O que se reivindica tamén no libro é a libraría como lugar humano porque aí hai memoria, emoción, hai esa mediación entre o libro e as persoas. Pero tamén é un lugar de resistencia que preservar fronte ao baleiro. Na libraría somos todos iguais, aínda que veñamos de diferente procedencia ou condición social. É o lugar da igualdade entre os vivos, pero tamén estamos entre iguais a través dos séculos co mellor que deu a humanidade. Estamos entre iguais con Cervantes e con Shakespeare, con Rosalía e con Emily Dickinson, Homero e García Lorca, con Blanco Amor e Dickens. Pero ademais diso, estamos entre iguais cos personaxes que deixan de ser de ficción e son parte da nosa realidade máis intima como son Hamlet e Don Quixote, a Amparo da Tribuna de Emilia Pardo Bazán ou o Milhomes de A Esmorga. Ulises está alí con Antígona ou ao mellor namórase de Madame Bovary. ¡Eu que sei!
– LVG: A libraría tamén é un espazo de revolución. ¿Precisamos facer unha nestes momentos?
– MR: Walter Benjamin dicía que a revolución en certos momentos non é tanto pór en marcha unha locomotora, senón freala, frear a catástrofe. Penso que a desaparición dos lugares humanos equivale á extinción da biodiversidade da natureza. As librarías, nese senso, serían como os detectores das probas da catástrofe de perda de humanidade. (…)
– LVG: Galicia foi unha terra inspiradora e de acollida….
– MR: É un lugar de fin da Terra histórica ao que chegan moitos pobos refuxiados. Logo non había un alén. Era un peirao de embarque cara o máis alá. Galicia non só resulta un lugar céltico, tamén doutros pobos. Os suevos tiveron aquí un reino por 200 anos. Sánchez Albornoz di que ese pobo guerreiro fundiu as espadas para facer arados. Paréceme que é das metáforas históricas máis atractivas, que a xente transforma as espadas para facer fértil a terra.”