Arquivos da etiqueta: La Voz de Galicia
O escritor Ramón Vilar gaña o XX Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela
Desde La Voz de Galicia:
“O xornalista e escritor Ramón Vilar Landeira, natural de Cerceda, ven de acadar o premio xornalístico Manuel Reimóndez Portela na súa vixésima edición.
O galardón, concedido pola Fundación de exposicións e congresos da Estrada, recoñece unha serie de tres artigos –A vez que me bicaron nunha cabina electoral, As volutas de fume dos habanos e Aquel lume que lles ardía nos ollos– publicados na sección Fóra de cobertura de La Voz de Galicia, na edición de Carballo. O xurado valorou «a frescura, a fluidez e o estilo narrativo que mantén a atención do lector ó longo dos artigos»
Ramón Vilar foi xornalista e columnista en varios xornais e director da revista Vieiros na súa derradeira etapa. Como escritor, obtivo o premio de poesía Rosalía de Castro de Cornellà e o premio Valle-Inclán de relato curto no 2006 coa obra Arrítmicos eran os corazóns. O ano pasado publicou na editorial Xerais a novela Os televisores estrábicos.
A entrega do premio -dotado con 1.000 euros- será o día 25 ás 19:00 horas no recinto da Feira do Moble, nun acto presentado polo presidente da Real Academia de Ciencias de Galicia, Miguel Ángel Ríos.
Ledicia Costas: “Vivo da literatura porque como avogada morría de fame”
Entrevista a Ledicia Costas en La Voz de Galicia, desde Xerais:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Os seus últimos libros, a novela Recinto Gris e os relatos de Un animal chamado néboa, publicados por Xerais, están ambientados na Segunda Guerra Mundial. Por que?
– Ledicia Costas (LC): Lin moitas cousas desa guerra, documenteime moito, é un tema do que son unha apaixonada. Observei que non había libros para a rapazada sobre o holocausto e escribín Recinto Gris, unha distopía, un mundo gobernado por lobos. Hai moitas cousas sobre a guerra civil pero non sobre a guerra mundial.
– LVG: Un animal chamado néboa está tendo moi boas críticas, non?
– LC: Si, a acollida está sendo boa e estou contenta. Hai que seguir o pulso da xente.
– LVG: É o seu primeiro libro digamos que para adultos?
– LC: É o primeiro que me publican de relatos para adultos pero teño moitos relatos, no disco duro do ordenador.
– LVG: Terá feita unha copia…
– LC: Agora si, despois de levar algún susto que outro e de perder algúns textos. Agora saíron estes relatos e no futuro sairán outros.
– LVG: E que vai pasar coa súa literatura infantil e xuvenil, a súa poesía?
– LC: Intento organizarme. Teño moita produción en infantil e xuvenil. Vai saír unha precuela de Escarlatina, a cociñeira defunta, que me está acaparando a meirande parte do meu tempo. Vaise titular Esmeraldina. A primeira defunta (Xerais). Escarlatina é unha nena que está morta, e estaba buscándolle un nome para cando estaba viva, e resulta que moita xente preguntaba por Esmeraldina en lugar de Escarlatina, así que dese xeito axudáronme a atopar o nome. En resumo, que hai que traballar moito para vivir da literatura.
– LVG: Vive da literatura?
– LC: Ben, non é unha cousa que conte moito, pero levo tres anos vivindo da literatura porque como avogada morría da fame. Así que decidín investir todo o meu tempo na literatura. Fago ao revés de moitos outros que traballan noutra cousa e no tempo libre escriben. Eu no tempo libre saio a respirar e por iso teño unha produción tan grande, porque paso moito tempo.
– LVG: Dálle moitas voltas á escrita, a unha idea?
– LC: Cando escribo son moi obsesiva. É algo que teño que recoñecer, sen pudor.
– LVG: Ten algunha receita para chegar aos lectores?
– LC: Aquí non hai receitas; ese é un invento que non funciona. Eu en realidade escribo o que me gustaría ler e escribo con toda a paixón, con toda a cabeza, con todos os meus sentidos.
– LVG: Ten axuda das musas ou non se leva con elas?
– LC: Iso das musas é unha historia que nos contaron cando éramos novos, un conto chino. Creo no traballo, horas e horas sentada diante do ordenador, non sempre escribindo, porque moito tempo estás pensando… Creo no currar.
– LVG: Faltan lectores?
– LC: Eu fago a lectura en positivo: temos unha rede de profesionais que se implican a tope: clubs de lectura, profesores, bibliotecas… Na literatura infantil e xuvenil está entrando un grupo moi amplo de lectores que logo van ir por si mesmos a buscar libros galegos.”
An Alfaya: “O suicidio é, na miña novela, unha saída para fuxir dunha realidade opresora”
Entrevista a An Alfaya en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Que é Muros de aire?
– An Alfaya (AA): Unha novela formada por un mosaico de personaxes unidos pola dor, un sentimento de illamento do mundo e unha necesidade de fuxida da realidade na que están inmersos.
– LVG: ¿É o suicidio esa fuxida?
– AA: Na meirande parte das situación si, pero tamén hai algún xogo perverso no que, movido por unha situación persoal, algún personaxe fai unha especie de xogo coa morte, no sentido de que chega ao suicidio para vencer á morte. Pero na maior parte dos personaxes é unha necesidade de fuxir dunha realidade opresora, puntual e nalgúns casos que pode estar relacionada con algún tipo de problema mental, pero non necesariamente. (…)
– LVG: -¿É equiparable ese destino perverso do que vostede fala coa traxedia grega?
– AA: O ser humano e cíclico, previsible porque sempre estamos a darlle voltas aos mesmos temas. A especie humana é absolutamente repetitiva; non aprendemos. Si evolucionamos nos aspectos técnicos, pero no primordial e no esencial seguímonos a mover polas mesmas paixóns, dúbidas e seguemos a ter ese instinto de conservación e autodestrución, esa pelexa entre o ben e o mal que nos fai duais, contraditorios. É así dende o principio dos séculos e penso que tamén no futuro será igual. A novela tamén fala do autodestrutivos que podemos chegar a ser, e egoístas, porque na novela se fala de que hai suicidas que queren arrastrar con eles a alguén e chegan á criminalidade, é un xeito de adornar a propia autodestrución deixando rastro ao levar a terceiros. (…)”
Entrevista a Antonio Reigosa en La Voz de Galicia
Manuel Rivas: “A linguaxe da terra tamén é a da poesía, porque vai contra a falsidade”
Entrevista a Isaac Lourido en La Voz de Galicia
Entrevista de Joel Gômez a Isaac Lourido en La Voz de Galicia:
“Na Tese de Doutoramento e outros estudos que elaborou na USC, Isaac Lourido defende unha nova forma de pensar e redefinir a historia literaria galega, de facer crítica e investigar a cultura do país. Así o propón no premiado e reeditado volume História literária e conflito cultural e en Livros que nom lê ninguém, publicados os últimos meses en Compostela polas editoras Laiovento e Através. Desde o 2013 exerce no Centro de Estudos Galegos da Universidade Nova de Lisboa.
– La Voz de Galicia (LVG): ¿Que modelo propón en «Historia Literária e conflito cultural»?
– Isaac Lourido (IL): A nosa historiografía literaria oficial, nas últimas décadas, aplica un criterio filolóxico; non analiza por exemplo as obras de Rosalía en castelán. Propoño un modelo máis aberto: a nosa historia literaria debe ter en conta as dúas linguas oficiais, non traballar como se o castelán non existise, e ver o que acontece entre elas; como son os procesos de produción, recepción, consumo e outros; ou se hai conflito e como é.
– LVG: ¿Hai exemplos dese modelo?
– IL: Si; estudo traballos de Xoán González Millán, Antón Figueroa, o Grupo Galabra e o seu director Elías Torres, ou do director do meu traballo académico que foi Arturo Casas. Tamén outros como Fernando Cabo, Vilavedra, Helena González, Vieites, López Silva e algúns máis. (…)”
Manuel Portas: “A estrutura literaria galega atópase bastante maltratada”
Entrevista de Óscar Manzano a Manuel Portas en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Como valora a realización de certames literarios coma este [Premio García Barros]?
– Manuel Portas (MP): A miña valoración é positiva, tanto antes de obter esta distinción como agora. Estes certames son necesarios para facer forte unha estrutura literaria do país que se atopa bastante maltratada. (…)
– LVG: Xa ten publicadas catro obras narrativas, todas diferentes entre s e en Lourenço, xograr realiza unha viraxe á novela lírico-medieval. ¿A que se deben estes cambios de rexistro?
– MP: Creo que a literatura non debe ter limitacións a ningunha época nin a ningún estilo narrativo. Persoalmente, a época medieval paréceme un momento histórico moi interesante. Lourenço é unha personaxe moi importante nunha etapa na que a lingua galega era respectada e valorada por todo o mundo. Na obra aprécianse tamén os cambios históricos que xurden tanto en Portugal como en Galicia, e desgrana as relacións sociais entre as clases. O protagonista é un xograr que quere ser trobador e atópase co rexeitamento das clases nobres.
– LVG: ¿Como observa a situación da literatura galega?
– MP: Primeiro débese fomentar a literatura, en xeral. Se se estende o goce de ler, despois xa se continuará traballando pola literatura galega. Sen embargo, estase a facer un gran esforzo desde os centros educativos creando actividades para fomentar a lectura. Pero fóra do sistema educativo non hai nada. (…)”
Esther Carrodeguas gaña o Abrente de Textos Teatrais con Voaxa e Carmín
Desde La Voz de Galicia:
“O xurado encargado de fallar a décima edición do Premio Abrente de Textos Teatrais anunciou onte a concesión do galardón da MIT de Ribadavia á obra Voaxa e Carmín, que foi remitida á convocatoria baixo o pseudónimo Noite estrelada. Unha vez aberta a plica a autora premiada resulto ser Esther F. Carrodeguas.
O xurado baseou a súa decisión, segundo consta na acta, na gran capacidade «de escenificación do texto, a súa teatralidade, o seu carácter poético, actual, composto por voces de dúas personaxes femininas locais e ao mesmo tempo universais, cunha caracterización moi esencialista e ao mesmo tempo expansiva, na liña dos personaxes de Samuel Beckett».
O xurado estivo presidido pola concelleira de Cultura de Ribadavia, María López Touza, e como secretario actuou o director da Mostra, Roberto Pascual. Fabrice Corrons, profesor da Universidade de Toulouse, a actriz Belén Constenla e o actor e pedagogo Alfredo Rodríguez exerceron como vogais.
Á hora de referise a Voaxa e Carmín, o xurado fixo referencia a «unha obra minimalista, cun ritmo pendular, coma o fluxo e o refluxo, as ondas ou a respiración. Salientar, así mesmo, a compoñente ritual da peza, que se manifesta no carácter simbólico das figuras dramáticas, coma un facho de liberdade, dignidade, resistencia e solidariedade».
Esther F. Carrodeguas amosábase onte feliz polo premio: «Era a primeira vez que me presentaba e foi un texto moi pensado e moi traballado, con referencias ás coñecidas popularmente como as dúas Marías de Compostela, as irmás que lembra a escultura da Alameda de Santiago». Carrodeguas ten acadado outros premios, como o Modesto R. Figueiredo de relato curto, e xeralmente os seus textos represéntaos a compañía Airiños.”
Antón Riveiro Coello: “Ler un libro na zona de sombra de Barraña”
Desde La Voz de Galicia:
“(…) Como non podía ser de outro xeito tratándose dun escritor, a recomendación estival de Riveiro Coello mestura praia, natureza e letras: «Ler un libro na zona de sombra de Barraña». Recoñece que el non é home de sol, polo que propón acudir a este areal a partir das seis da tarde, cando o gran astro xa non quenta con forza: «Eu son máis de sombra que de sol, por iso me gusta esa zona do litoral boirense, xa que conxuga as dúas opcións».
O autor non dubida á hora de propoñer incluso un libro para levar na bolsa da praia: «Recomendo o último que lin e que vai ser presentado en breve. Trátase da biografía de Faustino Rey Romero que elaborou o rianxeiro Ricardo Losada». Para aqueles que desexen entreterse estas vacacións mergullándose nunha das aventuras que asina este boirense de adopción, aí vai a suxestión: «Das miñas obras, recomendo Laura no deserto».
Antón Riveiro Coello fai estas propostas para gozar deste verán en Barbanza porque el é o que fará, dedicar as vacacións estivais a deixarse levar polo mundo das letras. No seu caso, ademais de ler, escribirá. Quere aproveitar as vindeiras semanas para pechar o seu novo libro. Trátase dunha obra titulada Os elefantes de Sokúrov que, se todo sae segundo o previsto, estará nas librarías o vindeiro outono. (…)”