Manifesto O xenio criador do Pobo galego. Lingua, cultura e literatura

Desde Sermos Galiza:
“As asociacións culturais con máis persoas asociadas e maior actividade do país asinan o manifesto común O xenio criador do Pobo galego. Lingua, cultura e literatura no que manifestan a vontade de manter o carácter de unión e festivo do Día das Letras, en especial, “nun momento de ataques á nosa lingua sen precedentes na etapa democrática como o que padecemos na actualidade”.
A Mesa pola Normalización Lingüística, Associaçom Galega da Língua, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Comités, Confederación Intersindical Galega- Ensino, Coordinadora de Traballadoras e Traballadores pola Normalización Lingüística, Federación de Asociacións Culturais Galegas-Galiza Cultura e Liga Estudantil Galega son as entidades asinantes do comunicado no que rexeitan a decisión da Academia de dedicarlle o Día das Letras a Filgueira Valverde, unha figura que, segundo din, “non pode unir a ninguén”.
“O seu papel destacado dentro da estrutura dun réxime como o franquista que perseguiu a lingua e cultura galega e as súas figuras máis relevantes, silenciándoas, exiliándoas ou facéndoas presas, fan del o contrario do que debe ser exemplo á sociedade galega e por iso só podemos considerar profundamente desafortunada a decisión tomada pola RAG”, explican no comunicado, nacido da xuntanza mantida a pasada quinta feira en Compostela, cinco días despois de que a Academia fixera pública a designación de Filgueira como figura a homenaxear o vindeiro Día das Letras Galegas.
Anuncian tamén que van dedicar o 2015 a homenaxear o “ xenio creador do pobo galego a través da súa lingua e a súa literatura, o seu exemplo cívico e de compromiso co país mesmo nas peores circunstancias”, como primeiro paso “dunha camiñada conxunta e partillada con toda a cidadanía” que iniciará a súa andaina a partir de setembro cando se vaia materializando a proposta das asociacións culturais.
Apostan nunha data para festexar a lingua que nos une e darlle á nosa literatura a difusión social que merece. Son asociacións que tradicionalmente organizan actos e programacións arredor do 17 de maio e que se xuntarán de novo despois de setembro para artellar as súas actuacións cara á un Día das Letras en que, por vez primeira nos cincuenta e un anos de historia, optarán por unha conmemoración diferente, á marxe da figura escollida pola Academia.”

O xenio criador do Pobo galego. Lingua, cultura e literatura.

“Desde a súa institución o 28 de abril 1963 até o pasado 5 de xuño de 2014, a Real Academia Galega escolleu para ser homenaxeada no Día das letras Galegas unha ”figura autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe”, tal e como se recolle na acta da sesión onde se decidiu estabelecer esta data tan relevante para a nosa lingua e cultura e que celebra a saída ao prelo da obra mestra da literatura galega contemporánea, Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro.

Ao longo destes 51 anos as persoas homenaxeadas nesta data caracterizáronse por seren autoras e autores cunha obra de calidade e un compromiso e achegas claros en defensa da nosa lingua e da nosa cultura fóra de toda dúbida, alén das súas posicións máis ou menos progresistas, máis ou menos conservadoras, máis ou menos relixiosas ou ateas.

Estes dous elementos: lingua e compromiso co país, fixeron do Día das Letras Galegas unha data de reinvindicación da nosa lingua e de festa para a nosa ampla literatura, capaz de unir todo o pobo galego nunha soa voz, sendo xunto co Día da Patria Galega o máis sinalado de Galiza.

As entidades asinantes, que traballamos día a día para a defensa, dignificación e normalización plena da nosa lingua e cultura en centros de ensino, vilas, cidades e todos os recunchos do país, queremos que o Día das Letras Galegas siga a ser a data para festexar a lingua que nos une e darlle á nosa literatura a difusión social que merece.

Queremos que siga a manter o carácter integrador e de unión que sempre tivo, e que debera ser reforzado nun momento de ataques á nosa lingua sen precedentes na etapa democrática como o que padecemos na actualidade.

Filgueira Valverde non pode unir ninguén. O seu papel destacado dentro da estrutura dun réxime como o franquista que perseguiu a lingua e cultura galega e as súas figuras máis relevantes, silenciándoas, exiliándoas ou facéndoas presas, fan del o contrario do que debe ser “exemplo á sociedade galega” e por iso só podemos considerar profundamente desafortunada a decisión tomada pola RAG.

O xenio creador do pobo galego a través da súa lingua e a súa literatura, o seu exemplo cívico e de compromiso co país mesmo nas peores circunstancias, debe ser hoxe e sempre o homenaxeado o Día das Letras Galegas, e a el dedicaremos o 2015 como primeiro paso dunha camiñada conxunta e partillada con toda a cidadanía que pretendemos explorar a partir de setembro.

Galiza, 14 de xullo de 2014.

A Mesa pola Normalización Lingüística

Associaçom Galega da Língua

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega

Asociación Socio-Pedagóxica Galega

Comités

Confederación Intersindical Galega- Ensino

Coordinadora de Traballadoras e Traballadores pola Normalización Lingüística.

Federación de Asociacións Culturais Galegas- Galiza Cultura

Liga Estudantil Galega.

Un día das Letras anovado?

Reportaxe en Praza:
“(…) “Que facemos coas letras galegas?”, “Cómpre anovar a súa celebración?”, “Debe ser un día non laborable?”. As Xornadas organizadas pola Liga Estudantil Galega dedicaron unha das súas mesas de debate a dialogar ao redor destas cuestións, coa participación de María do Cebreiro, de Manuel Bragado e de O Leo.
Un dos temas sobre o que debateron os relatores foi o da escolla do autor ou autora homenaxeada cada ano, por exemplo sobre a obriga de que teñan que pasar dez anos dende a súa morte para que así se produza. María do Cebreiro quixo trazar novas liñas neste debate, lembrando que “non todos os mortos están mortos”, pois en moitos casos a súa actualidade é máxima a través da importancia da súa obra ou doutros factores. A profesora chamou a “facer un pacto” pois “ao igual que se fai un investimento na protección do patrimonio material, hai que reflexionar que capital cultural queremos conservar e cal non”. Neste “pacto social” o canon debe ser cuestionado e reconstruído “cun papel fundamental da escola na súa transmisión” e sendo conscientes de que “ás veces fálase contra o canon e contra a institución poñendo en valor outros criterios máis comerciais”. Para Leo, profesor e músico, “o problema é o ritual, eu non son fetichista. Es punki e vas visitar o papa e deixas de ser punki. O problema en Galicia esta no esencialismo, hai que dialogar co pasado porque somos os vivos os que podemos falar co pasado. As Letras son a festa dunha persoa viva porque está viva a súa obra”.
Manuel Bragado, director de Xerais, comezou a súa intervención salientando o “éxito” que constitúe o feito de levar 50 anos seguidos celebrando as Letras, para a seguir recoñecer que se fracasou no obxectivo de “contaxiar a sociedade dese entusiasmo”, como si se conseguiu, dixo, en Catalunya coa celebración do Sant Jordi. E concluíu: “debemos conservar o obxectivo de potenciar libro e a cultura galega. Pero podemos anovar todo o demais”. Entre outras cousas chamou a aproveitar a oportunidade que supón que o 17 de maio sexa tamén en todo o mundo o Día de internet. (…)”

Convocado o I Certame de poesía e relato curto Xosé Neira Vilas

“A Liga Estudantil Galega, coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo e da Secretaría Xeral de Política Lingüística ten a ben presentar o I Certame de poesía e relato curto Xosé Neira Vilas. Coa convocatoria deste Certame temos por obxectivo dárlle pulo ás autoras e autores novas e novos que escriben na nosa lingua e que, por desgraza, non teñen os medios necesarios para darse a coñecer no noso país. As bases do Certame son as seguintes:

Temática: libre.
Idioma: galego.
Modalidades:
*12 a 18 anos:

  • Grupo de 3 a 4 poemas de extensión máxima 50 versos (cada un).
  • Relato curto de extensión entre 1500 e 2500 palabras.

*18 anos en diante:

  • Grupo de 3 a 4 poemas de extensión máxima 50 versos (cada un).
  • Relatos curto de extensión entre 1500 e 2500 palabras.

Presentación: Cada participante poderá presentar un máximo de un traballo en cada modalidade (orixinais, inéditos e non presentados a ningún outro certame literario pendente de resolución).
O proceso de entrega será vía email indicando título e a seguinte información persoal: nome, apelidos, data de nacemento, enderezo e teléfono de contacto, que en ningún caso lle será facilitado aos membros do xurado. O traballo, en formato .pdf, xunto aos datos anteriores serán enviados ao seguinte correo-e: certameneiravilas@ligaestudantilgalega.info.
Prazo: o prazo de entrega rematará o día 15 de marzo de 2012.
Premios: editaranse os dous primeiros premios de cada modalidade. Amais, os primeiros de cada unha delas recibirán un lote de libros e unha camisola. A edición da obra levará un limiar de Xosé Neira Vilas. O xurado gárdase o dereito de declarar deserto algún dos premios se considera que os traballos recibidos non son da calidade suficiente por eles estimada.
Xurado: estará composto por profesores universitarios de recoñecido prestixio.
Fallo: Darase a coñecer nun acto especial de entrega de premios ao redor do Día das Letras Galegas do ano 2012.
Outros: A presentación ao premio supón a conformidade coas presentes bases por parte dos/as concursantes.”

Santiago: debate sobre O discurso de promoción do galego, entre Henrique Monteagudo e Pilar García Negro

O luns 24 de outubro, ás 18:00 horas, na Aula 10 da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, terá lugar un debate sobre O discurso de promoción do galego, problemática e propostas de futuro, en que participarán Henrique Monteagudo e María do Pilar García Negro. O acto está organizado pola Liga Estudantil Galega Filoloxía.

Santiago: concentración-mitin Galiza, pola soberanía, os dereitos sociais e os servizos públicos. Esta reforma da Constitución é unha fraude

Distintas entidades do país, a CIG, Adega, Organización Galega de Montes en Man Común, BNG, FRUGA, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AS-PG, Galiza Nova, Liga Estudantil Galega, Comités, Plataforma en Defensa dos Servizos Sociais Públicos, Galiza Cultura, MEU e a Rede Galega de Empresas, diante das graves consecuencias que para a clase traballadora e para a soberanía do noso país vai traer a recente Reforma da Constitución Española, convocan un acto público en formato de concentración-mitin, que terá lugar o vindeiro sábado, día 17 de setembro, ás 18:00 horas, na Praza da Quintana, en Compostela, baixo o lema Galiza, pola soberanía, os dereitos sociais e os servizos públicos. Esta reforma da Constitución é unha fraude. Este é o contido do Manifesto para o acto público: Manifesto Acto Publico 17 de Setembro.