Vigo: presentación de Textículos dramáticos e posdramáticos, de Afonso Becerra de Becerreá

OAfonso Becerra venres 28 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Andel de Vigo (Avenida das Camelias, 102), preséntase Textículos dramáticos e posdramáticos, de Afonso Becerra de Becerreá, publicado en Laiovento. Despois da presentación, onde participan Manuel F. Vieites e o autor, representarase o espectáculo La vie en rose, dirixido por Lina Pérez, coa actuación de Jorge de Arcos e Germán Álvarez e os audiovisuais de Ernesto Is.

Vigo: comeza a Feira do Libro 2013

O venres 28 de xuño bota a andar a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), cos seguintes actos literarios destacados neste día:

Venres 28
18:00 h. O escritor Xurxo Mariño asinará na caseta de Martin Códax Libraría Universitaria.
19:00 h. Inauguración. Pregón a cargo de Manuel F. Vieites, director da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
20:30 h. Escribir en galego para que nos lean en todo o mundo. Coloquio cos escritores Francisco Castro, Xabier López López e Álex Oviedo, escritor e editor de Libros de Pizarra). Presenta o acto Ramón Nicolás.

Gustavo Pernas gaña o Premio Álvaro Cunqueiro e Raúl Dans o Barriga Verde

“6.000 euros en metálico e a “posibilidade” de que as obras sexan públicadas constitúen a dotación dos Premios Álvaro Cunqueiro para textos teatrais que concede a Consellaría de Cultura e Educación. E esa “posibilidade” depende “da decisión do futuro director de Agadic” explicou Manuel Guede, director do CDG e representante do conselleiro de Cultura en funcións. Díxoo na mesa na que se deu a coñecer os gañadores dos diferentes premios de escrita dramática concedidos por esa entidade: Gustavo Pernas faise co Álvaro Cunqueiro e Raúl Dans co Barriga Verde. Os premios Manuel María quedaron desertos.
“Benvido ao club dos Álvaro Cunqueiro” espetoulle Manuel Guede, que tamén recibiu este premio hai seis anos, a Gustavo Pernas (Viveiro, 1959). A súa obra Isobaras foi valorada polo xurado presidido por Manuel Vieites polo “interese da súa aposta formal, que foxe dos convencionalismos”. O autor, presente na comunicación pública dos gañadores, destacou a importancia deste premio “por ser un estímulo para a resistencia e porque nos dá a sensación de visibilidade”. Isobaras pretende, en palabras do seu autor “ser un mapa a e un retrato do noso tempo, elaborado a partir de oito personaxes baixo unha presión atmosférica, que transcorrren nun tempo de crise e que reflicte unha sociedade que está ao límite”.
O X Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na modalidade de rapaces foi para Raúl Dans (A Coruña, 1964) coa obra Un mosquito de nome Henry. O dramaturgo non estivo presente no acto por cuestións de traballo, pero deixou constancia do seu agradecemento por escrito e explicou que elaborou unha obra “con final feliz e con amor correspondido” que se alonxa un pouco da súa liña de traballo habitual, de teatro de adultos que falan de sentimentos de fracaso aínda que con optimismo.
A sétima edición do premios Manuel María de literatura dramática infantil así como a modalidade de textos para adulto do Barriga Verde quedou deserto.” Desde Cultura Galega.

Vigo: presentación de Dramatículas, de Afonso Becerra

O mércores 15 de febreiro, no Teatro de Arte Livre (Rúa Vázquez Varela, 19), de Vigo, preséntase o libro Dramatículas, de Afonso Becerra de Becerreá, publicado en Laiovento. No acto, xunto ao autor, participan Marta de Sinllán e Manuel F. Vieites, contando tamén coa actuación teatral de María Roja, Roberto Cordovani e Javi Toste.

Santiago: presentación de A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño, de Xosé Manuel Fernández Castro

O xoves 3 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño, de Xosé Manuel Fernández Castro, publicado en Laiovento. Intervirán Luciano Rodríguez (profesor da UDC), Manuel Vieites (director da ESAD Galicia), Francisco Pillado (director de Laiovento) e o propio autor.

Vigo: presentación de Alén, de Xaime Quintanilla e As criadas. O balcón, de Jean Genet

O venres 10 de decembro, ás 11:30 h, na Sala de Xuntas da Escola Superior de Arte Dramática (Poza Cabalo, s/n.) de Vigo, Manuel F. Vieites, Víctor F. Freixanes e Anxo Lorenzo presentan publicamente Alén, de Xaime Quintanilla, e As criadas. O balcón, de Jean Genet, publicados en Galaxia.

Ferrol: presentación de Alén, de Xaime Quintanilla

O venres 19 de novembro, ás 12:00 h., na sala de recepcións do Concello de Ferrol, preséntase a nova edición do libro Alén, de Xaime Quintanilla, publicado por Galaxia. No acto participan Mercedes Carbajales, concelleira de Cultura de Ferrol, Xosé M. Soutullo, e Manuel F. Vieites.