Manuel Gago: “A identidade de Galicia séguese construíndo exclusivamente a partir do rural e do mundo agrario, esquecendo a Galicia urbana”

Entrevista de Marcos Pérez Pena a Manuel Gago en Praza:
“(…) Presentouse o proxecto expositivo ‘Cidades do Tempo’, un conxunto de sete mostras sucesivas, organizadas pola Xunta e por Afundación e comisariadas por Manuel Gago, que nos dous vindeiros anos buscarán poñer en valor a identidade urbana de Galicia. A primeira desas exposicións, dedidaca á cidade de Santiago, inaugurouse este sábado en Compostela, na sede de Afundación (Rúa do Vilar, 19), onde se poderá ver ata o 10 de setembro. Despois, ata mediados do ano 2024, será a quenda de Ferrol, Lugo, A Coruña, Vigo, Pontevedra e Ourense. (…)
“Todos os datos económicos e demográficos revelan que o presente e o futuro de Galicia é urbano. Porén, por incrible que pareza, a identidade de Galicia séguese construíndo exclusivamente a partir do rural e do mundo agrario, esquecendo a Galicia urbana, pero tamén o mundo mariñeiro”, destaca Manuel Gago en conversa con Praza.gal.
“A exposición intenta situar Galicia nun esquema que é normal en calquera sociedade europea, é dicir, unha sociedade complexa, con múltiples factores e identidades. A un francés ou a un británico non se lle ocorre pensar que o seu país é só dunha única maneira. Galicia é unha sociedade complexa e diversa e non é real pensar que hai unhas supostas esencias que corresponden unicamente ao espazo rural. O factor urbano está presente e configura todo o que somos”, subliña.
Galicia non conta cunha Barcelona, unha gran cidade que nuclea ao seu redor o conxunto do país, senón con sete cidades de mediano e pequeno tamaño, fortemente conectadas e que funcionan en rede. E que, ademais, son moi permeables coa contorna rural que as rodea e coa que establecen continuas relacións. “Cando pensabamos na cidades ás veces tiñamos un concepto de cidade moi pechado e máis propio doutros territorios, cunhas fronteiras moi nidias entre o rural e o urbano. En Galicia, en cambio, o modelo das cidades é híbrido, moi adaptado ao territorio, no que rural e urbano están moi entrecruzados, para o bo e para o malo”, explica Gago. “Galicia non ten grandes cidades, pero esta realidade deriva dunha determinada xeografía e estrutura do medio, que acabou configurando un modelo propio”, engade.
“As fronteiras entre o rural e o urbano non son tales. Esa idea quixemos reflectila na imaxe gráfica do proxecto expositivo, realizada por Desoños, construída a partir do límite dos termos municipais das cidades, máis amplos ou máis reducidos, amosando que eses límites sempre están en negociación co espazo do redor. Cando fixamos de forma moi estrita esta fronteira, o que facemos é limitar o que queremos contar sobre nós mesmos”, comenta.”

Pontevedra: Culturgal 2021, do 26 ao 28 de novembro

Manuel Gago: “Falando coa xente decateime da gran pegada da guerrilla en Galicia”

Entrevista de Sara Vila a Manuel Gago no Diario de Pontevedra:
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): A resistencia ao nazismo e ao franquismo son dous fenómenos que se poderían considerar un.
– Manuel Gago (MG): Si. Eu parto da teoría de que o primeiro capítulo da II Guerra Mundial foi a Guerra Civil española, por iso non tendo a velos como fenómenos illados. Nun primeiro momento a guerrilla antifranquista en Galicia foi apoiada polos británicos, que dalgunha forma participaron na súa formación. A guerrilla non naceu inmediatamente despois da vitoria de Franco. Logo, nos anos 40 a súa presenza é moi intensa en moitas partes do territorio, iso é algo que se nos esqueceu hoxe en día, sobre todo a importancia das súas redes de apoio fóra do monte. Están documentadas xudicialmente 5.000 persoas implicadas no apoio á guerrilla en Galicia, e son só as que constan a nivel xudicial, polo que habería moitas máis.
– DP: Había mulleres nestas redes?
– MG: O papel das mulleres é absolutamente fundamental. Ata hai relativamente poucos anos non sabiamos nada desta rede. Agora, grazas ao traballo de historiadoras como Aurora Marco, púidose recuperar o papel das redes de enlace, onde as mulleres xogan un papel fundamental. Neste vínculo ás veces hai unha relación familiar, sentimental, ideolóxica ou as tres cousas xuntas. Elas podían desprazarse con máis facilidades, sen sospeitas, aproveitando o estatus subordinado que tiña a muller, para conseguir apoios. Temos historias incribles e hai casos de mulleres que deron o paso de ser parte activa na guerrilla, participando nas accións directamente. Outra forma de resistencia era enfrontarse aos nazis na guerra. Había moitos galegos loitando? Houbo galegos na Nove, a brigada que entrou en París en primeiro lugar. Os galegos que participaron directamente nos combates de II Guerra Mundial son antigos republicanos que acaban en Francia e alí enrólanse nos exércitos coa esperanza de que a vitoria dos aliados sería tamén a fin de Franco, algo que non foi así. Tamén hai que dicir que, mentres estes galegos estaban loitando na guerra, o seu contacto coas redes galegas non existía, produciuse despois da II Guerra Mundial a través do Partido Comunista, con directrices. Pero durante a guerra poderíase dicir que os galegos antifascistas quedaron sós no monte, con apoios puntuais dos aliados e do Servizo de Operacións Especiais do Exército Británico.
– DP: É fácil acceder aos documentos e fontes sobre a participación de Galicia na II Guerra Mundial?
– MG: A miña aproximación non era tanto dende un punto de vista histórico, senón dende a memoria da xente, para escribir a novela O exército de fume. Lin moitos libros ao respecto e había un baleiro importante sobre o seu día a día, como traballaban… Nas causas xudiciais hai moita información, sobre todo en Ferrol. Pero fixen tamén moito traballo de campo, falando coa xente, e quedei sorprendido da cantidade de información e memoria que hai deles. A cultura contemporánea non lles prestou demasiada importancia, quizais porque a súa presenza é conflitiva, porque un guerrilleiro non é só alguén que sufre, senón alguén que tamén reacciona con violencia. Son historias incómodas. Pero falando coa xente decateime da gran pegada que tivo a guerrilla en Galicia e a súa aceptación popular. Foron esas conversas as que me deron unha idea tremendamente humana desas persoas.”

Escola de Escritoræs. Obradoiro de creación literaria Mulleres na literatura do cotián, con Eli Ríos, en Compostela

A Escola de Escritoras-es da AELG organiza o Obradoiro de creación literaria Mulleres na literatura do cotián, con Eli Ríos, en Compostela, unha iniciativa que conta co patrocinio e colaboración do Concello de Santiago de Compostela.

Desde unha perspectiva feminista, o obradoiro busca afondar na literatura do cotián, nos relatos protagonizados por mulleres “do común”. Irá á procura de historias do día a día, na realización de textos baseados en experiencias propias ou protagonizados por mulleres “reais” afastadas tanto das heroínas como das damas en apuros que coparon a literatura durante séculos. A creación será usada como terapia, como arma de empoderamento e sororidade, que nos convenza de que cada vida é unha historia única que merece a pena vivir e contar devagar.

A cargo de Eli Ríos e cunha sesión especial de Manuel Gago.
– Terá 8 sesións de tres horas cada unha.
– Hai 13 prazas dispoñíbeis, para persoas maiores de 18 anos.
– A inscrición, gratuíta e obrigatoria, farase en oficina@aelg.org
– O obradoiro desenvolverase na Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega (Rúa das Casas Reais, 8), en Santiago de Compostela.

Calendario
– Días: sábados 2, 9, 16, 23 e 30 de outubro; e 6, 13 e 20 de novembro de 2021
– Horarios: de 10:30 a 13:30 h.

No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Nus. Manuel Gago

Desde Radiofusión:
“A novela publicada por Xerais (2021) provoca sorrisos e incluso gargalladas limpas. Aparecen compartindo un xantar Cunqueiro e Castroviejo e mestúrase na trama a gastronomía e o sexo. “O amor celébrase mellor cando a comida é feliz e abundante. (…) O sexo continua tras o pracer de xantar, como unha segunda sobremesa” afirma o narrador, Toño Figueroa, descendente da última aristocracia do pais. Manuel Gago contou en Radio Fene unha anécdota relacionada co nudismo. Pasoulle a Pio Cabanillas e a Manuel Fraga na zona do Salnés.
Toño Figueroa é un crápula, cínico e desvergonzado, pero pouco a pouco vai xerando empatía coa persoa lectora. Hai ademais dúas personaxes en Nus que xa apareceran na súa novela anterior O anxo negro. (…)
A Manuel Gago interésalle a gastronomía, a arqueoloxía, o sexo e aspectos da historia contemporánea de Galicia. Interésanlle cousas moi diferentes.
“Mirádevos, facédeme o favor. Nas mozas aínda ben, aí tedes a Lola, con eses xenerosos peitos de Venus prehistórica, e a Carmiña, toda ela fecundas cadeiras de egua árabe! Pero que hai de fermoso no corpo dun home coma nós, que non é máis ca unha acumulación de residuos de lacón con grelos e de ribeiro tinto! O último home merecente de amosar as vergoñas foi o David de Michelangelo!”
O escritor Manuel Gago e o narrador Toño Figueroa rinse de si mesmos con párrafos como este na novela Nus.”
Pode escoitarse aquí.

Ponteareas: actos destacados na Feira do Libro 2021 para os 17 e 18 de xullo

O 18 de xullo finaliza a Feira do Libro de Ponteareas (na Praza Maior, con horario de 12:00 a 14:00 horas -o sábado 17 de xullo abre ás 11:00 horas-, e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:

Sábado 17
20:00 h. Luz Darriba presenta Abril, publicado por Belagua.
20:00 h. Hortensia Bautista e Aurora Quinteiro asinan Bambán de vento, publicada pola Fundación Edmaia.
21:00 h. Rexina Vega asina O estado intermedio, publicado por Galaxia.

Domingo 18
18:00 h. Paula Carballeira presenta Pan con chocolate, publicado por Xerais.
19:00 h. María Lado asina Gramo Stendhal, publicado por Apiario.
20:00 h. Manuel Gago presenta Nus, publicado por Xerais.
21:00 h. María Lado presenta Palabra de marzo, publicado polo Concello de Ponteareas.