Entrevista
a Margarita Ledo na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): Que características pensa que definen a obra de Manuel María?
– Margarita Ledo (ML): Recén insisto no vencello entre Manuel María e o movemento denominado Arte Povera, cuxo meirande representante talvez sexa Michelangelo Pistoletto. Este xiro dende a poesía existencial dos anos primeiros cara aos materiais de tocar coa man, cara ao próximo, cara ao paspallás que co seu canto anuncia o pan, coido que é un indicio nidio do seu paso acompasado con todo o que lle é contemporáneo. Por iso podemos atopalo nos sesenta canda Voces Ceibes ou agora musicado por Uxía Senlle. Por iso milita na causa da liberación nacional e social de Galiza. Nunha conversa, Impliquémonos, entre Pistoletto e Edgar Morin, entre un artista e un cientista social, a propósito do proxecto Cittadellarte que Pistoletto define como unha xeografía da transformación e que ten por obxecto conectar, pór en relación iniciativas diferentes, o Morin sociológo e grande observador comenta que sempre, na historia humana, todo comeza por unha iniciativa, unha innovación, unha mensaxe de carácter aparentemente marxinal, fóra do rego, modesta e que fica, as máis das veces, inapreciábel para as e os seus contemporáneos. E teño para min que a obra de Manuel María -o mesmo que cando se nos relata nun filme que vimos de reeditar, Manuel María: eu son fala e erra desta miña terra– olla para nós dicíndonos precisamente iso que, neste caso, Pistoletto repite unha e outra vez: non se trata da arte pola arte senón da arte en canto estética que procura a ética.
– RAG: Cales son, ao seu xuízo, as súas achegas de maior interese?
– ML: No ronsel de diferentes estudosos e estudosas que organizan a obra de Manuel María en poesía da Tebra, etnopaisaxística, social e política, poesía amorosa.., ao tempo que nola sitúan en universos complexos nos que a harmonía linda sempre co abatemento, o que se enuncia co que se denuncia, o que para min representa, en singular, Manuel María é a “proba documental” de que, no caso de nós, a poesía foi e é unha das cariátides que terman da nación desexada que atravesa, con distintos rexistros, a obra do poeta.
– RAG: Que pegada coida que deixou na cultura galega?
– ML: Neste caso vou falar do que me é máis próximo, da coleción de poesía Val de Lemos que condensa, dalgún xeito, o modo de andar a terra que Manuel María quería: o nome da colección, Val de Lemos, termaba dun lugar concreto que el amou; a forma era povera, de urxencia, libros realizados cos medios á man e na imprenta de Villarabide, en Sarria, onde eu anos despois gravei unha das escenas máis intensas para o filme sobre Líster. A produción facíaa o propio Manuel e nese acto unía as persoas que nos achegabamos á nación cos devanceiros, con Celso Emilio, con Xosé Neira Vilas. Porque Manuel respondía as cartas cada día, ía ao correo decote e remesaba puntualmente os cadernos de poesía a toda a tropa galeguista. Despois o milagre acontecía e alguén que coma min facía Xornalismo en Barcelona topaba na caixa do correo unha misiva desde Caracas agradecendo Parolar cun eu, cun intre, cun insecto e comentando con moito tino, para non me ferir, supoño, aqueles primeiros poemas. Val de Lemos foi un lugar de encontro e de crenza no futuro; foi a revancha da palabra contra a súa desaparición; foi a lingua galega como sinal das contrabandistas. No meu caso foi algo máis, foi a botella ao mar na procura do que en algures existía, foi o modo de entrar en relación cunha xeración que fixo de min unha persoa prendada da política, dos países pequenos e imperfectos e das historias con final aberto. Díxeno así nunha homenaxe a Celso Emilio Ferreiro e repítoo sempre como homenaxe ás pequenas accións. (…)”
Arquivos da etiqueta: Manuel María
Actividades destacadas na Feira do Libro de Bos Aires para o sábado 30 e abril e domingo 1 de maio
Do
19 de abril ao 9 de maio desenvólvese en Bos Aires a Feira do Libro, onde Santiago de Compostela é a cidade convidada neste 2016. A AELG está representada por Cesáreo Sánchez Iglesias e Ledicia Costas, como presidente e vogal da AELG respectivamente.
Dentro do programa completo da delegación galega, destacamos as seguintes actividades para o sábado 30 de abril:
– 18:00 h. Letras galegas, letras arxentinas. Con Xesús Alonso Montero e José Luis Moure. Stand.
– 20:00 h. Acto literario. Ramón Villares e Josefina Delgado presentan Advento, de Manuel María (Consello da Cultura Galega). Modera Luís González Tosar. Organiza Instituto Argentino de Cultura Gallega. Sala Jorge Luis Borges (Pavillón Frers).
E para o domingo 1 de maio:
– 11:00 h. Proxección de Contra a morte, unha aproximación a Lois Pereiro, dirixido por Alexandre Cancelo e Iago Martínez. Sala Gaumont.
– 18:00 h. Caligrafía da tormenta. Antoloxía, con Antón Lopo. Presenta Clara Gayo. Stand.
– 19:00 h. Presentación de Al sur del mundo, de Xavier Alcalá (Ézaro), tradución ao castelán de Alén da desventura (Galaxia). Stand.
– 20:00 h. Presentación de A memoria da choiva, de Pedro Feijoo (Xerais). Stand.
Mercedes Queixas, autora dunha nova biografía de Manuel María
Desde
o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Labrego con algo de poeta, publicado por Galaxia, é a nova biografía de Manuel María, escrita por Mercedes Queixas. A entrevista pode verse aquí.”
Ferrol: presentación de Manuel María: un home de mil pezas, de Vicente Araguas
O
sábado 30 de abril, ás 12:00 horas, na Galería Sargadelos de Ferrol (Rúa María, esquina rúa Rubalcava), preséntase Manuel María: un home de mil pezas, de Vicente Araguas, publicado por Embora.
Compostela: presentación de Manuel María: Eu son fala e terra desta miña terra, de Margarita Ledo Andión
Carral: presentación de Labrego con algo de poeta, de Mercedes Queixas
Pontevedra: presentación de Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María, de Mercedes Queixas
Mercedes Queixas: “O Día das Letras Galegas era máis eficaz cando non era festivo”
Entrevista
a Mercedes Queixas en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Como nace a proposta de facer un libro sobre Manuel María?
– Mercedes Queixas (MQ): Nace a partir do convite que me fai Víctor Freixanes, o director da editorial, unha vez que se fixo público por parte da Real Academia Galega o nome do autor homenaxeado nas Letras Galegas do 2016. A proposta era preparar unha biografía que fose breve e divulgativa, que puidese achegar a figura, a personalidade e a obra de Manuel María a todo tipo de público. Freixanes non o sabía entón, pero eu xa estaba a traballar sobre Manuel María para un estudo que estaba preparando. (…)
– LVG: ¿Se tivese que trasladarlle a alguén de fóra a importancia de Manuel María, qué destacaría?
– MQ: Valoro moito nel algo que creo que é moi difícil de encontrar en ningún outro autor, que é a capacidade de traballo e creación escrita polo número de obras que deixou. Tampouco hai outro capaz de tratar tal diversidade temática. Na súa obra está todo. En 54 anos de escrita pódese atopar un Manuel María existencialista, intimista, paisaxístico, poeta social comprometido, irónico, retranqueiro, ou o intelectual que é capaz de levarte pola sabedoría da cultura popular, do patrimonio artístico, da historia… Un erudito de altísima competencia que sabe de todo. Tampouco descubrín noutros escritores a capacidade para levar en paralelo a vida e a obra. Lendo o que escribiu pódese seguir a evolución do home. A traxectoria de Manuel María lévanos pola evolución colectiva de Galicia durante a segunda metade do século XX. (…)
– LVG: O Día do Libro as librerías están a tope. O Día das Letras Galegas, ao ser festivo, están pechadas.
– MQ: Para min, que teño memoria de cando non era festivo, a repercusión social, que creo que ten que ser o gran obxectivo da xornada, é incomparable. O Día das Letras Galegas era máis viable e eficaz cando non era festivo. A min, se me desen a escoller, escollería un día laborable e lectivo que se vivise na rúa con intensidade. Temos que axudar a este país a que se coñeza a si mesmo e profundice na súa cultura que para moitos é invisible.
– LVG. E máis invisibles son as mulleres nas letras galegas, ¿non?
– MQ: Si. Segue sendo un reto pendente porque a partir da metade do século XIX a muller foise incorporando a escrita e á vida social. Esa escusa xa non serve. A Real Academia Galega como moitas outras institucións, seguen tendo unha débeda coas mulleres. (…)”




