Reedición de Advento, de Manuel María

DesdeManuel María o Diario Cultural da Radio Galega:
Miguel Anxo Fernán-Vello, autor do estudo que abre a reedición de Advento, de Manuel María: “É un libro capital na poesía galega contemporánea”. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Oseiro, Arteixo: Rimando e Xogando con Manuel María na Biblioteca do Froxel, por Lisístrata

Rimando e xogando Lisístrata Manuel MaríaO martes 19 de abril, ás 18:50 horas, na Biblioteca Francisco Vidal do Froxel (Oseiro, Arteixo), terá lugar a actividade Rimando e Xogando con Manuel María, levada a cabo por Ana Hermida (Lisístrata Asociación). Unha maneira de achegar ao público infantil o traballo e a figura de Manuel María, nas voces de Ana Hermida e das nenas e nenos de entre 4 e 11 anos que por alí se acheguen. Haberá pequenos xoguetes poéticos cheos de entretemento, versos que ás veces son cantados, historias unhas, con actividades para a infancia e outras nas que interactúan coa contadora.

Dez obras significativas da LIX galega, segundo Helena Villar Janeiro

DesdeHelena Villar Lermos.gal:
“(…) A grande escritora Helena Villar Janeiro proponnos unha listaxe dos 10 títulos máis significativos da LIX galega de todos os tempos.

A galiña azul, Carlos Casares.
A Marela Taravela, Xosé Neira Vilas.
Os soños na gaiola, Manuel María.
A expedición do Pacífico, Marilar Aleixandre.
Abracadabras, Marica Campo.
Contos por palabras, Agustín Fernández Paz.
O misterio dos fillos de Lúa, Fina Casalderrey.
A nena de auga e o príncipe de lume, Xabier P. DoCampo.
O segredo de Marco Polo, Francisco Castro.
O meu pesadelo favorito, María Solar.”

A Real Academia Galega pon en marcha o proxecto web Primavera das Letras

DesdePrimavera das Letras RAG a Real Academia Galega:
“(…) A cerna de Primavera das Letras é a páxina web academia.gal/primaveradasletras, desde a que se achegarán distintos materiais, dirixidos sobre todo ao alumnado de infantil e primaria. O proxecto está aberto tamén ás familias e a calquera usuario, que poderán acceder aos materiais pendurados neste espazo virtual de acceso libre. (…)
Con estes recursos preténdese contribuír ademais estender a celebración e que “o Día das Letras Galegas sexa algo máis ca un día”. De feito, Primavera das Letras fornecerá de novos recursos a comunidade educativa ao longo de toda a primavera, ata mediados do mes de xuño, achegándolle desde fichas didácticas a actividades interactivas. Os contidos estarán ademais accesibles na web todo o ano co propósito de poderen ser empregados en calquera momento, xerando pouco a pouco un banco de recursos que pretende ser útil para toda a comunidade escolar.
As actividades das fichas didácticas están interrelacionadas con distintos contidos do currículo escolar para facilitaren un enfoque globalizador e interdisciplinar e a súa utilidade en calquera momento. Deste xeito, poderanse traballar na aula contidos de literatura galega, a expresión oral e escrita, aspectos relacionados co coñecemento do medio natural, as ciencias sociais ou a educación artística e a creatividade. Todo isto, a través do universo literario de Manuel María, “unha figura especialmente adecuada para iniciar este proxecto, pola importancia que ten a obra que dedicou de forma específica ao público infantil”, e na que abondan os versos referidos aos ríos, a paisaxe e outros elementos do medio natural, concluíu Henrique Monteagudo. (…)”