Vigo: actividades do martes 5 na Feira do Libro

Continúa a XXXVII Feira do Libro de Vigo (nos Xardíns da Praza de Compostela), aberta até o domingo 10 de xullo, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas.

As actividades máis destacadas do martes 5 son as seguintes:
19:30 h. O escritor Manuel Portas fará a presentación do seu libro Un dedo manchado de tinta, publicado por Edicións Xerais de Galicia. Xunto co autor, participarán no acto Manuel Bragado e o Grupo Loaira.
20:00 h. O escritor Miguel Anxo Fernández asinará exemplares do seu libro Lume de cobiza, publicado por Editorial Galaxia.
20:30 h. O escritor Francisco Castro presentará o seu libro In vino veritas, publicado por Editorial Galaxia. Xunto co autor, participan no acto Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia e o músico Anxo Pintos.

Manuel Portas: ‘O extraordinario do cotián’

Entrevista a Manuel Portas en Galicia Hoxe:
‘En canto ó estilo, respecto á lingua, [Un dedo manchado de tinta] non é moi diferente de Denso recendo a salgado. “É unha lingua moderna, urbana, desruralizada. Temos que ter un estándar de lingua urbana. E creo que este é un esforzo que se está levar á práctica na literatura actual”, indicou. Acompaña ó libro un CD do grupo Loaira, cun tema composto para cada un dos personaxes principais da novela.
“Creo que o futuro pasa pola multidisciplinariedade. Xuntar distintas expresións artísticas: literatura, danza, música… Clara Pino fixo as letras a partir da novela, e compuxo tamén a música con Rubén Abel”, comentou, por último. (…)
“Creo que a xente non é consciente do mal que se lle está a facer á lingua, indo contra elementos do pacto social básico sobre a lingua, como a lei de normalización ou a toponimia. É lamentable o que está a pasar, e non só pola repercusión directa das medidas que están a supor un retroceso, senón por como van afectar ó prestixio social da lingua”, opina.
O actual alcalde da Coruña desafía a lei de toponimia, a Xunta aplica un decreto sobre o uso do galego no ensino “feito en alianza coa ultradereita….”.
“A lingua é de todos, e é de todos a obriga de defendela. E mentres no se decaten disto, non imos avanzar. Non vale nin atacala, nin apropiarse dela”, reflexionou Portas.’

Xulia Alonso gaña o Premio San Clemente en lingua galega, por Futuro imperfecto

“O primeiro libro de Xulia Alonso Díaz, Futuro imperfecto, resultou gañador da XVII edición do Premio Arcebispo Juan de San Clemente en lingua galega. Os outros finalistas foran Denso recendo a salgado, de Manuel Portas, e Cabalo de ouros, de Víctor F. Freixanes. En castelán a novela gañadora foi Riña de gatos, de Eduardo Mendoza, e en lingua estranxeira Brooklin, de Colm Tóibin. Organizado polo Instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, o Premio está dotado con 9.000 euros e recoñece a mellor novela do ano en cada modalidade, elixida por alumnos de Bacharelato deste e doutos catro institutos galegos. A edición deste ano contou ademais cun instituto portugués e outro de Madrid.” Vía Galaxia.

Manuel Portas: “Apaixóname crearlle vidas e mundos a rostros do común”

Entrevista a Manuel Portas en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): ¿Ten que ver coa busca de aire fresco na literatura galega?
– Manuel Portas (MP): Estase facendo unha narrativa moi boa no país, moi boa, e estase recoñecendo internacionalmente. Creo que a narrativa ten que ensaiar novas fórmulas, arriscar. Necesita a conivencia co lector, e paréceme imprescindible o hibridismo. A narrativa tense que mesturar con outras expresións artísticas como en orixe o fai a poesía.
– LVG: De aí o disco que inclúe a novela [Un dedo manchado de tinta]. ¿Como naceu a idea?
– MP: É casual, aínda que hai tamén algo causal. Deuse a coincidencia de ter á vocalista de Loaira, Clara Pino, traballando no mesmo centro. Leu o orixinal do libro e acabou convertendo en texto poético, que logo musicou, seis temas creados a partires doutros tantos personaxes que aparecen na novela. É un produto diferente a partir da mesma materia artística. Hai que ir por aí.”

Santiago: presentación de Un dedo manchado de tinta, de Manuel Portas

O xoves 26 de maio, ás 21:00 horas, no Café Airas Nunes (Rúa do Vilar, 17) de Santiago de Compostela, terá lugar a presentacion de Un dedo manchado de tinta, de Manuel Portas, publicado en Xerais. No acto participan, co autor, Gracia Santorum e Manuel Bragado, e o Grupo Loaira (Clara, Roi e Rubén) interpretarán as pezas do disco que acompaña á novela.

Santiago: presentación de Orixe, peripecia e pertinencia do topónimo San Cibrao (Cervo), de Emílio Xosé Ínsua

O xoves 5 de maio, ás 20:00 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Orixe, peripecia e pertinencia do topónimo San Cibrao (Cervo), de Emílio Xosé Ínsua, publicado polo Seminario de Estudos Terra de Viveiro. No acto o autor estará acompañado por Francisco Fernández Rei, Luís Rei e Manuel Portas.

Ourense: presentación de Denso recendo a salgado, de Manuel Portas

O venres 29 de outubro, ás 20:00 h., na Livraria Torga (rúa da Paz, 16) de Ourense, preséntase o libro Denso recendo a salgado, de Manuel Portas, publicado por Xerais. No acto participan, acompañando ao autor, Marta Arribas, Sechu Sende e Manuel Bragado.

Lugo: presentación de Denso recendo a salgado, de Manuel Portas

O venres 15 de outubro, ás 20:00 h., na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, preséntase Denso recendo a salgado, primeira novela de Manuel Portas. Acompañarán ao autor Xosé Chorén, Xosé Miranda e Fran Alonso.

Vigo: presentación de Denso recendo a salgado, de Manuel Portas

O xoves 24 de xuño, ás 20:00 horas, preséntase Denso recendo a salgado, de Manuel Portas. O acto celebrarase na Libraría Librouro (R/ Eduardo Iglesias, 12, Vigo), e contará coa participación do autor e de Manuel Bragado. Ao remate, Clara Pino (integrante de Covalblú), tocará coa Arpa Celta o tema “Alalá do Viquingo”.