Desde Sermos Galiza:
“O 6 de marzo de 2004 Luísa Villalta morría por sorpresa, coa conmoción non só do seu entorno próximo senón do mundo literario e tamén do centro no que impartía clases. O IES Isaac Díaz Pardo de Sada, no que era profesora, apresurouse a dedicarlle un número da súa revista e poñerlle o seu nome á biblioteca. Nove anos despois da súa morte, un documental do alumnado lembra á que foi profesora do centro e, alén da súa traxectoria biográfica e literaria, repara na intensa pegada que deixou no lugar no que impartía aulas de lingua e literatura galegas.
Voces como as de Fernán-Vello, Francisco Pillado, Pilar Pallarés, César Morán ou Maribel Longueira -todas próximas ao transcorrer vital de Luísa– rememoran a relación coa escritora e a súa traxectoria literaria. O documental fita en tres aspectos vitais de Villalta, o seu perfil cultural, en especial a súa faceta de escritora e música -moito máis descoñecida e da que se dan importantes datos-, o seu compromiso coa lingua e o país e a súa particular personalidade que deixou lembranza en quen a coñeceu.
“Unha figura desta calidade, comprometida no plano político,social, que soubo ler o seu tempo e estar á altura do compromiso que esixe formar parte dunha sociedade, dun país, dun tempo histórico” di o poeta e editor Miguel Anxo Fernán-Vello para definir á autora de Música reservada, Ruído ou En concreto. A tamén poeta Pilar Pallarés destaca que “como escritora Luísa é unha figura excepcional porque é moi pouco parecida a outros, cun mundo propio e unha grande conexión e coherencia na súa obra, independente do seu xénero”. Pallarés lembra esa harmonía que Luísa sostiña entre a súa paixón vital e o pensamento lóxico que se evidenciaba nunha “enorme preocupación e era moi lúcida á hora de analizar o país”.
O editor Francisco Pillado e a fotógrafa Maribel Longueira -que asinou coa poeta o libro Papagaio– lembran episodios compartidos coa escritora nun documental de case media hora de duración no que tamén se recollen testemuñas do seu paso polo centro.
O audiovisual, realizado pola produtora Gallaecia Films do IES Isaac Díaz Pardo, recorre a vida da escritora desde o seu nacemento até a morte prematura en 2004, días despois do que sería a súa última intervención pública, unha homenaxe a Palestina o 26 de febreiro. Remata con imaxes do seu enterro un poema de César Morán dedicado á escritora da que o 6 de marzo do próximo ano se fará unha década da súa morte, o que a fai candidata a ser homenaxeada no Día das Letras Galegas.”
Arquivos da etiqueta: Maribel Longueira
Betanzos: recital de poesía, audiovisual e música no Día de Rosalía
A Coruña: IX Encontros Milpedras, recital conxunto de poesía, música e fotografía
O venres 28 de outubro, ás 21:00 horas, no Taller de Litografía Milpedras (Rúa Brasil, nº 3, baixo) da Coruña, terá lugar a IX edición dos Encontros Milpedras, coa participación poética de Eva Veiga, Francisco X. Fernández Naval e Ramiro Vidal Alvarinho, en paralelo á intervención musical de Mou e a proxección da obra fotográfica de Maribel Longueira.
Vigo: lectura pública da obra de Lois Pereiro, e recital poético-visual con poemas seus
O luns 16 de maio, ás 19:00 horas, na Biblioteca Xosé Neira Vilas (Rúa Martínez Garrido, 21) de Vigo, terá lugar unha lectura pública da biografía de Lois Pereiro, en véspera da celebración do Día das Letras Galegas, na que participarán tanto autoridades, como o concelleiro de cultura, Xesús López Carreira, como todas aquelas persoas que queiran acercarse á biblioteca. Tras este achegamento á vida do autor a poeta Olga Patiño levará a cabo un recital poético-visual no que presentará algúns dos poemas máis relevantes de Lois Pereiro, acompañada polo escritor Francisco Fernández Naval e a fotógrafa Maribel Longueira.
Maribel Longueira: “Non podo apoiar os que postergan o noso idioma”
Maribel Longueira colabora con Eva Veiga e con Elena Poniatowska
«A fotógrafa Maribel Longueira, que colabora habitualmente con poetas, prepara con Eva Veiga un libro de próxima aparición e ten un proxecto coa escritora mexicana Elena Poniatowska» (GaliciaHoxe.com)
Santiago: presentación de Entremiradas, de Maribel Longueira
Mañá xoves 18 ás 12:00 horas no Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela, serán presentados os libros Entremiradas I Galicia-Bos Aires e Entremiradas II Galicia-Cuba, da fotógrafa Maribel Longueira. No acto, que estará presidido polo Presidente do Consello da Cultura Galega Ramón Villares, participarán os escritores Salvador García-Bodaño, Xosé Luis Axeitos, Manuel Álvarez Torneiro, Luz Pozo, Francisco X. Fernández Naval, Marga do Val, Tucho Calvo, Yolanda Castaño, Emma Pedreira, Olga Patiño, Eva Veiga, Anxos Sumai, Xosé Fernández Ferreiro, María do Cebreiro e Estíbaliz… Espinosa.
Conforman ambos os dous volumes fotos de Galicia, Cuba e Bos Aires, tomadas pola artista galega Maribel Longueira, xunto a textos de escritores e escritoras galegos, cubanos e arxentinos. Nos libros, os escritores/as describen as fotos, establecendo un diálogo entre Galicia,
Cuba e Bos Aires, unidas por lazos moi fortes. Ambas as dúas publicacións foron editadas pola Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Emigración.
A Coruña: presentación de libros da fotógrafa Maribel Longueira
O mércores día 20 de maio ás 20.00 horas na Fundación Caixa Galicia na Coruña presentaranse os libros Entremiradas I Galicia-Bos Aires e Entremiradas II Galicia-Cuba da fotógrafa Maribel Longueira, editadas pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Emigración. No acto participarán os escritores Salvador García-Bodaño, Xosé Luis Axeitos, Manuel Álvarez Torneiro, Francisco X. Fernández Naval, Marga do Val, Tucho Calvo, Yolanda Castaño, Emma Pedreira, Olga Patiño, Eva Veiga, Anxos Sumai, Xosé Fernández Ferreiro e Estíbaliz Espinosa.