Tabela dos libros. Decembro de 2019

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Erotismo contra a “soedade rotunda”

Desde Sermos Galiza:
“A poeta Medos Romero pola súa obra Peixes que esvaraban ao unísono é a gañadora da XIV edición do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, convocado pola
Así o ditaminou, entre as 33 obras presentadas, récord do certame, un xurado composto por Tamara Andrés, o propio Mario Regueira e Leticia Varela, concelleira de Cultura do Concello de Malpica.
O veredicto do xurado foi feito público na denominada Cea das Letras, e recoñece que quixo recompensar a proposta na obra de Medos Romero “dunha visión plural do amor, apoiada na ambigüidade dun eu poético que consegue sobordar o tópico da parella de namorados para ofrecer interpretacións poliédricas e desinhibidas da paixón”.
En declaracións a Nós Diario Medos Romero mostrouse “contenta”, tanto por gañar como por saber que o fixo “no ano en que máis obras se presentaron”.
Ademais, revelou que era a primeira vez que tocaba o tema do erotismo nun dos seus textos: “Teño escrito sobre a terra, sobre a muller, a paisaxe, o rural… cousas moi diferentes, incluso sobre a mina das Pontes e a explotación dos recursos naturais e a depredación que fai o capitalismo salvaxe, pero nunca sobre erotismo, así que cambiar e dar un paso adiante a unha temática tan diferente foi todo un reto para min”.
Romero tamén explica que o premio tamén supón para ela a “garantía” de poder publicar, “nun momento moi difícil para os escritores, nos que moitos traballos son rexeitados polas editoriais”.”

A picante Cea das Letras deu a coñecer a nova gañadora do Certame de Poesía Erótica, Medos Romero

Desde Que pasa na Costa:
“O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas é un certame único en España. De aí que a 14ª edición deste certame convocado pola A. C. Caldeirón, sexa todo evento, que merece unha emocional Cea das Letras para dar o veredito. O pasado venres tiña lugar esa simbólica cea, que ademais de presentar o libro editado da obra gañadora o ano pasado, serve para coñecer a nova gañadora.
A obra escollida foi Peixes que esvaraban ao unísono, de Remedios Fernández, que toma o relevo de Mario Regueira como gañador do certame. Así o ditaminou, entre as 33 obras presentadas, o xurado composto Tamara Andrés, Mario Regueira e Leticia Varela, concelleira de Cultura do Concello de Malpica.
Segundo este, “a proposta contén unha visión plural do amor, apoiada na ambigüidade dun eu poético que consegue sobordar o tópico da parella de namorados para ofrecer interpretacións poliédricas e deshinibidas da paixón”. (…)”

Mario Regueira: “É meritorio que en momentos adversos a literatura galega destaque máis aló das nosas fronteiras”

Entrevista a Mario Regueira en Diario de Ferrol:
“(…) – Diario de Ferrol (DF): Vén de gañar o premio Lueiro Rey de xornalismo e, hai un ano, o Illas Sisargas de poesía erótica. Está no seu mellor momento creativo?
– Mario Regueira (MR): Gañar premios sempre é unha satisfacción, pero hai que recoñecer que non sempre son un indicativo moi fiábel do nivel creativo dun autor. Pode ser tamén porque moitas veces pensamos na posibilidade de ter grandes momentos de inspiración e esquecemos todas as cousas cotiás nas que a creatividade está inserida. Neste caso concreto, máis que dun estado de graza, estes premios son a consecuencia do meu retorno á actividade da escrita creativa, despois duns anos afastado dela pola enfermidade dun familiar e pola intensidade que requiriu acabar os meus estudos de doutoramento. Diría máis ben que os textos destes anos son os produtos dun goce recobrado, se cadra encarado dunha forma moito máis lúdica e atrevida que antes e nos que non me sorprendería que se note esa alegría mesturada co alivio que supón o reencontro cunha paixón.
– DF: Desde hai anos compatibiliza a creación coa crítica. É doado de levar o de estar nas dúas beiras?
– MR: Doado ou non, sempre defendín que é inevitábel, para os autores, estar nas dúas beiras. Porque non toda a crítica se dedica a escribir, pero non hai dúbida de que toda a xente que escribe se dedica, en certa medida, á crítica. De forma pública ou privada, ou de xeito máis ou menos consciente, pero todos os escritores escollen as súas influencias, len os coetáneos, opinan sobre outras formas de escrita e toman posición nese campo de xogo. É algo inherente ao feito de escribir aínda que por suposto non é imprescindíbel facelo cunha dimensión profesional. De feito, son moitas as figuras autoriais que, ao longo da historia, asinaron tamén traballos de crítica que hoxe case ninguén lembra. No meu caso, si está relacionado coa tentativa de facer da literatura a miña actividade principal. A crítica é unha consecuencia dos meus estudos en teoría literaria e, nese sentido, sempre tratei de exercela cun gran sentido da responsabilidade e da obxectividade. Recoñezo tamén que durante moito tempo foi unha escusa para poder ler e obrigarme a analizar as cousas que lía.
– DF: Nas últimas semanas déronse a coñecer os gañadores dos premios estatais nos diferentes xéneros, e hai nomes galegos. Cre que a literatura galega está no seu mellor momento?
– MR: A situación da literatura escrita en galego é enormemente desigual, xa non coa do castelán, senón mesmo coa das outras linguas do Estado. Non sabería dicir se vivimos un momento moito mellor que outros anteriores, pois tampouco é a primeira vez que autores e autoras son premiadas a nivel estatal e internacional. O que si teño claro é que é moi meritorio que mesmo nos momentos máis adversos, o proxecto común ao que chamamos literatura galega conseguise destacar moitas veces máis aló das nosas fronteiras, influíndo e mesmo abríndolles camiños innovadores ás outras literaturas peninsulares. É meritorio porque é enormemente inesperado e demostra unha vitalidade e unha vontade de permanencia que son o mellor valor que temos. Naturalmente, isto non debe facernos perder a perspectiva de que son logros feitos con moitas cousas en contra, con escaso ou nulo apoio institucional e baseados moitas veces en entusiasmos e complicidades dun pequeno número de persoas. (…)”

Tabela dos libros. Novembro de 2019

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co primeiro luns do mes, chega a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Mario Regueira, gañador do III Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey

Desde Sermos Galiza:
“O escritor, crítico literario Mario Regueira, é o gañador da terceira edición do Premio de Xornalismo Lueiro Rey, convocado polo Concello de Fornelo de Montes. O artigo “Matar o recadeiro” foi o elixido polo xurado, que destaca como se aborda “con espíritu crítico unha realidade contemporánea laboral como é a das persoas que teñen que empregarse como ‘recadeiros’ – tamén chamados ‘riders’- baixo condicións absolutamente escravistas e vinculado coa aparición de novas formas de capitalismo”.
Eis o artigo:

Matar o recadeiro
Sería fermoso poder dicir que apareceron como unha bandada de paxaros amarelos. Pero non hai imaxe que os acolla con facilidade. Tampouco teñen un nome claro: algúns chámanlles riders, aínda que sempre lembro con ironía que a primeira que atopei na miña cidade non cabalgaba moto nin bicicleta nin cabalo. Subía pesadamente unha costa empinada cunha enorme mochila ás costas. Nela, estampado, o nome dun servizo de delivery, outro estranxeirismo que evidencia como a aparición desta nova forma de traballo colleunos, aparentemente, co pé cambiado, que nin nomes propios temos. Seguramente un acaido sexa recadeiros. No fondo, o que fan estes novos servizos é iso mesmo, facer recados que non teñen que limitarse, nin polo contido nin polo medio, a levar comida.
Os recadeiros están para calquera cousa, prestan un servizo que hai anos pensaríamos que é prohibitivo pero que agora mesmo parece ao alcance de calquera. Teño visto con moita sorpresa como, mesmo nunha pequena cidade galega, é cada vez máis frecuente cruzarse con eles e os seus logotipos. Ter unha hamburguesa do teu restaurante favorito, cervexa fría se chegan visitas, xeo para un combinado… é tan doado como chamar ou empregar a app e unha desas persoas con grandes mochilas aparecerá na nosa porta. E poderíamos pensar, como se repite moitas veces, que é a tecnoloxía a que permite isto, que antes de estar interconectados e ter aplicacións no móbil para todo isto non sería posíbel. Teño visto algún destes recadeiros sentado na rúa, tomando algo de comida rápida mentres mira ansiosamente o teléfono por se entra unha nova encomenda. Ser recadeiro implica tamén estar atento á demanda, sexa a hora que sexa e aínda que a túa propia hamburguesa quede a medio comer.
Hai anos unha amiga economista falábame dos indicios indirectos da situación económica. Seica en épocas de bonanza a xente é máis indulxente á hora de mercar doces e a moral admite prendas máis curtas que durante as crises. Os vellos economistas crían poder percibir a marcha das cousas cunha simple ollada superficial aos carros da compra ou ás saias das rapazas. Pregúntome que papel ten a irrupción dos recadeiros nas nosas vidas, que indicio económico espertan, e se son, como moita xente di, unha bandada de paxaros, un signo de bonanza económica.
A comezos da primavera deste ano, un deses riders (este si que levaba moto) morreu nun accidente de tráfico na cidade de Barcelona. Este feito trouxo á primeira plana varias cousas que sospeitabamos. Os recadeiros non son empregados de ningunha empresa, nin sequera a dese logotipo enorme que cargan ás costas, e que, en certo sentido, tamén os despersonaliza. A maior parte traballan baixo a figura de falso autónomo e a súa relación laboral coas plataformas de delivery segue a discutirse nos tribunais, con sentencias contraditorias. De ser recoñecida, aínda habería que repasar en que condicións desenvolven o seu traballo e se vulnera, por razón de salario ou horario, outros aspectos da lexislación laboral.
Pero non podemos enganarnos, non é a tecnoloxía e o mundo interconectado o que produce esa bandada polas rúas das nosas cidades. O que sostén o negocio dos recadeiros é a falta de regulación e a tolerancia a formas de negocio que hai anos entenderíamos que rozan o escravismo. Que algo sexa posíbel non quere dicir que sexa xusto, como non é xusto que a comodidade duns poucos e as miraxes de bonanza dos outros se baseen en matar o recadeiro.”