Hoxe, 22 de novembro, celébrase o centenario do nacemento de Mariví Villaverde

Hoxe, 22 de novembro, celébrase o centenario do nacemento de Mariví Villaverde, autora que foi homenaxeada co Premio Boa e Xenerosa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) en 2009, e que representa desde o anonimato o colectivo exiliado e represaliado, cuxa memoria cómpre restaurar.

Reproducimos a continuación parte do texto co que a AELG homenaxeou a súa figura:

MARIVÍ VILLAVERDE OTERO NO RONSEL DAS BOAS E XENEROSAS

“Ela é escritora, tradutora dunha realidade que lle tocou vivir e que converte en maxia literaria. A maxia de legarnos o pasado que non vivimos, un presente no que segue firme e combativa á beira do pobo creativo e honrado e un futuro que se pousará en todo o que dela aprendemos. Mariví Villaverde, lectora adolescente que acompañou as horas no cárcere da súa tía Arxentia, mestra galeguista e republicana, con obras de teatro que foron menciña e alimento. Teatro que vai encher a súa vida no exilio co seu compañeiro Ramón de Valenzuela, con Roberto Villanueva ou Eduardo Blanco Amor. Escriben, adaptan, traducen, representan. Ela é actriz, colaboradora do xornal Galicia, nai e legadora da verdade lexítima republicana, a verdade que herdara do seu pai Elpidio Villaverde, alcalde de Vilagarcía e deputado a Cortes en 1936 e das súas tías rapadas. Ela decide levar a súa memoria a un libro e escribe en 1962 Tres tiempos y la esperanza publicado na Editorial Alborada, reeditado por Edicións do Castro (1987) e nunha versión en galego en A Nosa Terra (2002), ao que a autora lle engade un epílogo e lle devolve ás personaxes os seus verdadeiros nomes. Mariví ábrenos a cancela para entrar na historia da nosas maiores, nesa urdime dun vivir privado e silencioso e na alegría do progreso e da liberdade espallada na area da praia de Compostela. Fainos tremer co terror vivido atrás das portas onde petan tantas veces, coas fuxidas e coas mortes. Entendemos o amor, a lealdade á casa común e o desexo de construír un mundo mellor. Historias de cicatrices que atravesan todas as alfándegas. Hoxe Mariví Villaverde forma parte do Consello pola Memoria, participa en todos os actos políticos aos que é convidada, en congresos e homenaxes como nas dedicadas a Alexandre Bóveda ou a Lois Tobío. Hai tempo que Ramón faleceu mais ela segue comprometida cos tempos que lle tocou vivir, empeñada en lembrar a dignidade coa que Galiza loitou e defendeu a lexitimidade da República; le, escribe e vai ao teatro. O tempo na súa compaña non transcorre: amiga, boa e xenerosa, ofrécenos a memoria e o seu traballo diario.”

Faleceu Mariví Villaverde, nomeada Boa e Xenerosa pola AELG en 2009

A AELG lamenta a perda dunha outra voz da memoria á que sempre debemos volver: Mariví Villaverde.

O 28 de marzo de 2009 vivimos canda ela unha xornada nunca esquecida ao lle entregar a AELG o premio Boa e Xenerosa.

Recoñecíase en Mariví Villaverde un referente dinamizador da cultura galega no exilio arxentino a través da tradución e representación de obras en lingua galega, xunto ao seu compañeiro e escritor Ramón de Valenzuela, recoñecida hoxe tamén como escritora, como directora, noutrora, do xornal Galicia xunto a Arturo Cuadrado, mais sobre todo como muller-testemuña consciente das cicatrices dun tempo privativo e coutador.

Unha vida solidaria, xenerosa, coherente e entregada aos valores sólidos que chantan en nós a grandeza da liberdade.

Hoxe, 24 de abril, será incinerada e en xuño farase o funeral.

Madrid: crónica do Día de Rosalía 2013

Desde o blogue Galego en Madrid, do Espazo de Linguas Ibéricas:
“Onte, 23 de febreiro, con alumnas e alumnos dos cursos de galego participabamos na homenaxe a Rosalía de Castro en Madrid. Convidados por Luz Pichel e Vicente Araguas, que atendían á convocatoria da AELG, saímos do Café Comercial -onde cada último sábado de mes se celebra o Faladoiro- cara á praza San Ildefonso á beira da igrexa na que casou Rosalía con Manuel Murguía.
Na praza, unha emocionada Mariví Villaverde líanos o Manifesto que enviara a AELG.
O acto continuaba coa lectura, recital e canto de poemas de Rosalía. Velaí unha pequena mostra da homenaxe na que participa tamén o noso alumnado:

Encamiñámonos despois cara á rúa Ballesta onde tamén viviu a poeta:

Madrid: actos das Letras Galegas con motivo dos 15 anos do Grupo Poético Bilbao

A Coruña: charla-coloquio sobre Mariví Villaverde, con Marga do Val e Francisco Pillado

O xoves 12 de marzo, ás 20:00 horas, na Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) da Coruña, terá lugar unha charla-coloquio sobre Mariví Villaverde, homenaxeada pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, coa participación de Marga do Val e Francisco Pillado.