Desde
Cultura Galega:
“(…) Se ben xa era recoñecida a importancia de Manuel María como un dos pioneiros da poesía e do teatro para os máis novos nas nosas letras, neste ano os espectáculos e propostas musicais para público familiar están a aparecer como as máis abondosas na oferta cultural relacionada coa súa figura. A nivel teatral, están en marcha ou a piques de se presentar as propostas de Lucecús Teatro, con A verdadeira historia do poeta Manuel de Paderna; Berenguela. Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo, con dúas versións a cargo de Dinamo Teatro e de Trinke Trinke; Os soños na gaiola, de novo por Trinke Trinke e con outra adaptación por Títeres Alakrán; Fantoches Baj con O asombro con Manuel María e a vertente escénica do espectáculo musical Canta o cuco; Títeres Viravolta e Títeres Cascanueces con cadanseu Barriga Verde e Fran Rei cun contacontos que mestura esta obra, a Berenguela e, de novo Os soños na gaiola. Se botamos a conta dos espectáculos escénicos que levan a Manuel María ás táboas, obsérvase como a inmensa maioría están dirixidas especificamente a cativos. De todas as propostas “é Edipo, de Espello Cóncavo a que máis escapa ao público infantil, e eu penso que Barriga Verde en grande medida tamén, pero depende como a collan as compañías”, explica Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María.
Tamén para este público están pensados libros recentes como a biografía e antoloxía poética Manuel María, vida, versos e rebelión, mentres o público xuvenil conta con Manuel María. Buscando un país de Manuel Veiga. A nivel sonoro atopamos un predominio de produtos orientados aos máis novos entre os lanzamentos. Así, a Berenguela de Galaxia, a reedición de Os soños na gaiola de Suso Vaamonde, as propostas de Pirilampo, e mais Uxía e Magín, A voz do vento de Fran Amil ou o espectáculo O bigote de Mimí de Luís Vallecillo apostan polos sons para o público máis cativo.
Cabe pensar que a actual aposta de moitas destas actividades polo público máis novo está relacionada coa explosión de propostas neste mercado dos últimos anos. Dalgún xeito, o desenvolvemento dun mercado de libros-CD, espectáculos e sons para os máis novos contribúe para que este ano músicos e profesionais da escena aposten tamén por potenciar esta visibilidade Manuel María como autor para este público. De feito, obsérvase como mesmo as obras poéticas para cativos do autor se presentan nesta ocasión integradas en espectáculos teatrais e musicais e non como obras puramente literarias. Encol do peso que este público está a ter nas producións deste ano encol do poeta, Ansede sinala que “supón algo moi positivo que é reinstalar a Manuel María nas novas xeracións, e isto é un elemento de futuro fundamental. Por outra banda, tamén fai pensar se non será un síntoma da debilidade do sistema literario, ou do aprezo pola literatura do país, no sentido en que se pode dar a entender que isto é materia de estudo orientada ao ensino”. Mercedes Queixas, investigadora e autora da biografía que acaba de publicar Galaxia sobre o autor, apunta que “está a se recoñecer o traballo de Manuel María como autor pioneiro no campo da literatura infantil e xuvenil. Como no conxunto da súa obra, paréceme que neste ámbito tamén é un autor moi popular e moi coñecido”. (…)”
Arquivos da etiqueta: Mercedes Queixas
Mercedes Queixas: “Manuel María foi sempre quen de vivir no amor á lingua sen ningún tipo de complexos”
Entrevista
a Mercedes Queixas en Radiofusión:
““Admiro á persoa, a firmeza, o amor sincero por todo o que significa o país”, explica Mercedes Queixas, autora de Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María, o volume da Editorial Galaxia que reconstrúe o “poliedro” do homenaxeado no Día das Letras Galegas. A escritora enxalza os valores que o chairego de Outeiro de Rei defendeu “con total firmeza e naturalidade, sen ningún tipo de complexos, primando sempre a autoestima e compartíndoa co pobo”. A admiración pola persoa non mingua a devoción de Queixas tamén polo Manuel María escritor: “Adoro o poeta, o escritor, ese camiñante que quixo coñecer ben a terra que o viu nacer”. Nestes días propicios para recuperar os seus versos, a biógrafa do muiñeiro de brétemas destaca que “ler a Manuel María é reconstruír todo ese amor que nos legou a través dun traballo incansábel”.”
A entrevista completa pode escoitarse aquí.
Lisboa: (Des)encontros galego/portugueses, conferencia de Mercedes Queixas sobre Manuel María: Voltar a Portugal, dourada luz que ilumina
“O Centro de Estudos Galegos da Faculdade de Ciências Sociais e Humanas da Universidade Nova Lisboa (FCSH/NOVA) organiza o ciclo de eventos (Des)Encontros Galego-Portugueses, que ten lugar en Lisboa durante os meses de marzo, abril e maio no local da Xuventude de Galicia – Centro Galego de Lisboa. Estruturado en seis sesións monográficas, abordará temas como a lingua, a historia e a cultura da fronteira, a emigración, as loitas pola democracia ou a relación de Manuel María con Portugal e a súa cultura.
Pechará o ciclo, o 20 de maio, unha conferencia de Mercedes Queixas Zas sobre a relación de Manuel María con Portugal e a súa cultura, nunha ponencia que leva por título Voltar a Portugal, dourada luz que ilumina.
O Ciclo (Des)Encontros Galego-Portugueses é organizado en parcería co Centro Galego de Lisboa e a Asociación de Escritores/as en Lingua Galega. Fai parte do programa de actividades culturais do Centro de Estudos Galegos da FCSH/NOVA, que integra a rede de Centros de Estudos Galegos no exterior da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.”
Coristanco: presentación de Labrego con algo de poeta, de Mercedes Queixas
O
mércores 18 de maio, ás 19:00 horas, na Biblioteca do CPI Xosé Pichel de Coristanco, Mercedes Queixas presenta Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María, publicado por Galaxia, dentro dos actos da Primavera Cultural do Concello de Coristanco, nunha conversa guiada por Xan Fernández Carrera.
Boiro: VI Romaría das Letras no Barbanza
Coñécese a gañadora do XV Certame Literario Relato de Aventuras
O venres 13 de maio, o xurado do XV Certame Literario Relato de Aventuras, organizado polo Concello de Noia e a revista de creación literaria e cultura do IES “Virxe do Mar” de Noia, fallou o premio do Certame.
O xurado estivo composto por:
– Don José Pérez Martínez, concelleiro de cultura, en calidade de presidente.
– Dona Mercedes Queixas Zas, profesora e escritora.
– Dona Oliva Fraga Lombardía, traballadora do Concello.
– Don Baldo Fernández Ramos, profesor e escritor.
– Don Antonio Piñeiro Fernández, profesor, editor e escritor.
– Don Xavier Castro Rodríguez, profesor e co-director da revista de Creación Literaria e Cultura “Casa da Gramática” do I.E.S. “Virxe do mar” de Noia.
Dos 10 traballos presentados resultou gañador o presentado co título Tom, Huck e o misterio da trabe de ouro, da autoría de Alexandra Martínez Martínez, coñecida polo nome de Alex Bayorti.
Entrevista a Mercedes Queixas sobre Manuel María
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Entrevista a Mercedes Queixas arredor da súa obra Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María. Pode escoitarse aquí.”
Ribadeo: presentación de Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María, de Mercedes Queixas
Pontedeume: presentación de Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María, de Mercedes Queixas
O
xoves 12 de maio, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Pontedeume, preséntase Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María, de Mercedes Queixas, publicado en Galaxia, nun acto organizado polo Ateneo Eumés.






