Arquivos da etiqueta: Non te amola!
“Xeliña fala galego”: as raíces do compromiso de Xela Arias
Artigo de Manuel Xestoso en Nós Diario:
“Grazas aos contactos cos núcleos galeguistas dos seus pais, Valentín Arias e Amparo Castaño, Xela Arias medrou inmersa nun ambiente no que o galego era unha lingua de cultura e de oposición á ditadura. Amais de ser a lingua materna, o galego constituíase nun humus no que medraban manifestacións literarias, artísticas e políticas e, talvez por iso, a poeta foi especialmente precoz no cultivo da literatura e no insubornábel compromiso lingüístico.
Unha das cousas que está desvelando o Día das Letras Galegas deste ano é o gran peso da infancia e a mocidade de Xela Arias no desenvolvemento posterior da súa obra e a significación que o contacto co galeguismo e o nacionalismo tivo na súa personalidade.
En 1968, o pai, Valentín Arias, escribía un texto para o libro das festas de San Xoán de Sarria titulado “Xeliña fala galego” no que deixa orgullosa constancia das vantaxes de educar en galego.
Xa aos once anos, a pequena Xela gañaba o VI Concurso de Contos Infantís, promovido pola Asociación Cultural O Facho, co conto “A fraga dos paxaros faladores e a fraga leopardicia”, publicado polo Boletín da Asociación Cultural de Vigo en 1973.
Mais xa antes, aos nove, Arias escribira Non te amola!, unha novela -agora duplamente rescatada, por Galaxia e por unha edición facsimilar do Consello da Cultura Galega- que, vista cos ollos actuais, constitúe unha conmovedora crónica do nacemento dunha sensibilidade e dunha particular mirada que tería unha enorme importancia no posterior desenvolvemento da autora.
O mestre e editor Manuel Bragado, que vén de reunir nunha ‘chiografía’ todos os chíos que foi publicando na súa conta de Twitter sobre a vida e obra de Xela Arias, destaca algunhas experiencias como as excursións organizadas pola Asociación Cultural de Vigo ou, na adolescencia, o traslado dos libros da biblioteca persoal de Otero Pedrayo desde Ourense até o local da Fundación Penzol en Vigo.
“Na nosa xeración era moi raro que alguén fose educado como o foi ela”, explica Bragado. “Xela educouse cun pai e unha nai galegófonos e, ao tempo, na casa dun mestre. Pasa da Granxa de Barreiros, en Sarria, ao colexio Fingoi de Lugo, que son dous centros moi singulares, moi abertos ao galego e cunha actitude pedagóxica moi moderna, o cal era moi raro naquela altura”.
“Xa en Vigo, Xela Arias está moi influenciada polo contacto coa Asociación Cultural de Vigo”, continúa Bragado, “que presidiron Camilo Nogueira ou Afonso Álvarez Cáccamo e na que ocupaba un lugar moi destacado Méndez Ferrín. Esas figuras xa son declaradamente nacionalistas. De feito, Ferrín escribe un artigo saudando a publicación de Denuncia do equilibrio no que fala das actividades da asociación como dun labor de construción da nación”.
Mais si houbo unha figura do galeguismo histórico que seguiu sendo fundamental para Xela Arias: Francisco Fernández del Riego. “Xela é a única muller que participa na homenaxe a Del Riego en 2002”, recorda Bragado, “e nela le un poema que lle dedica e no que lembra que, desde nena, don Paco foi sempre a figura venerábel que admiraba. Mais o certo é que Del Riego era unha figura algo á parte dentro do galeguismo. Era un home moi de esquerdas”.
A Granxa de Barreiros -onde Xela Arias pasou a súa primeira infancia- é un proxecto pedagóxico creado en 1948 por Antonio Fernández López -fundador tamén do Colexio Fingoi de Lugo, intimamente vencellado ao anterior homenaxeado no Día das letras, Ricardo Carvalho Calero– que pretendía integrar a cultura galega e os ciclos da natureza no ensino. O seu primeiro director foi Avelino Pousa Antelo. “
Moaña: presentación de Non te amola!, de Xela Arias
“O mundo da Xela Arias nena, a ollos de Luz Beloso”
Desde Nós Diario:
“A novela, co título Non te amola!, é unha “biografía emocional dunha infancia que se proxecta, vizosa, cara aos nosos días e que descobre unha ollada descoñecida da autora e unha narrativa impoñente”, sinalan desde a editorial.
Este libro de Xela Arias está ilustrado por Luz Beloso (Monforte de Lemos, 1968), que co seu traballo “axuda a entender como foi a infancia da autora e os marabillosos acontecementos que, desde a súa ollada infantil, sucederon e como ela os conta”, engaden.
Beloso é licenciada en Belas Artes, na especialidade de pintura, pola Universidade de Salamanca. Exerceu de profesora de Educación Plástica e Audiovisual na Galiza desde 1993 no IES As Barxas de Moaña e, desde 2019, como profesora de Artes no IES María Soliña de Cangas. (…)
A nova de facer a ilustración do libro inédito de Xela Arias chega á ilustradora Luz Beloso “da man de Francisco Castro, director da Editorial Galaxia, cunha chamada repleta de ilusión e que para min foi un auténtico agasallo”, relata a ilustradora en conversa con Nós Diario.
Non te amola! é unha obra narrativa que a escritora viguesa realiza con 30 anos, baseada en relatos inspirados na súa infancia e que conta desde a perspectiva dunha nena de nove anos. Esta lembra a súa infancia en Sarria e o seu traslado a Lugo cuns relatos dirixidos a un público infantil, “mais dos que tamén fan gozar os maiores de calquera idade”.
Á hora de realizar a investigación para o traballo, a inspiración da ilustradora “foi particularmente emocionante, xa que a miña infancia tamén transcorreu en Sarria e desde o punto de vista visual hai detalles dalgúns lugares como o da capa, cuxo fondo é “Chanto”, un espazo de lecer que todo cativo e cativa do lugar coñece; ou as gardas, que son os arredores da escola da Granxa de Barreiros, en Ortoá”.
Alén disto, como traballo de documentación sobre a poeta, Luz Beloso encontrou moita información gráfica na rede. “Fun atopando desde fotos familiares de Xela Arias na granxa cos seus pais e mesmo espazos que a propia escritora habitou na infancia do libro”, indica a ilustradora.
Con esta información e “desde o meu propio estilo e coherencia co meu traballo”, Beloso ilustra de modo “colorista, agarimoso e divertido” o libro Non te amola!” .
As súas técnicas para esta publicación levan a que “o trazo do lapis de cor sexa o protagonista, intentando que non se perda o xesto nin a frescura no traballo”.
Para a escolla destas técnicas, Beloso baseouse nos “referentes que me marcaron ao longo da miña vida, tanto en pintura como en ilustración”. As ilustracións de Rébecca Dautremer, Ana Juan ou a pintura de Odilon Redon son exemplos “dun sen fin de artistas contemporáneas que grazas ás redes podemos gozar da súa obra”.
“O marabilloso de ilustrar é que nunca deixas de aprender, cada novo libro é un novo reto”, apunta a ilustradora.
Para Beloso o libro Non te amola! “é unha obra persoal e divertida, chea de aventuras, entrelazada por varios relatos dunha infancia próxima e familiar que mostran unha Xela Arias nena, onde a escritura e os libros teñen un papel protagonista na súa vida. Unha escritora feminista que apunta xa intencións e que está decidida a escribir un libro fresco, divertido e emocionante”, valora.
A ilustradora considera que a escritora de Tigres coma cabalos é “un referente no mundo editorial e da poesía, unha voz única, valente, comprometida, conmovedora, renovadora, feminista e transformadora neste mundo que tanto precisa da súa voz e da súa poesía”.
Por iso, Luz Beloso anima o público para “afondar no traballo de Xela Arias”.”
Darío Gil Arias: “O libro unha palabra: tenrura”
Entrevista a Darío Gil Arias en Nós Diario:
“- Nós Diario (ND): Que lembra da súa nai [Xela Arias]?
– Darío Gil Arias (DGA): Xórdenme sempre moitos recordos de moi diferentes ámbitos cando penso na miña nai. A meirande parte deles teñen que ver coa vida cotiá, coa convivencia. Porén, tamén teño recordos das viaxes que facíamos a Formentera ou a Portugal con meu pai ou das actividades que levaba a cabo miña nai na Fundación Nautilus, relacionadas cos movementos Nunca Máis e Non á Guerra.
As lembranzas do seu labor literario son algo máis borrosas para min, aínda que si lembro vela traballar en varias traducións e incluso unha vez levoume a ver como dobraban ao galego un capítulo de Shin-Chan nun estudo en Vigo.
– ND: Como influíu o legado literario da súa nai na súa vida?
– DGA: Pese a que non sinto ningunha inquedanza por comezar unha produción literaria propia, as particularidades da miña nai, así como as do meu pai, leváronme a ter un profundo respecto por todas aquelas persoas que crean ou promoven cultura, e singularmente cando falamos da galega.
Tamén as numerosas visitas a museos e galerías, que tiven a sorte de facer cando viaxabamos fóra da Galiza fixo que tivera inquedanzas culturais diversas, non enfocadas cara a unha única disciplina, polo que o seu legado en min é un pouco o reflexo da súa obra, a mestura de múltiples disciplinas culturais nun diálogo entre iguais.
– ND: Que sentiu cando soubo que lle ían dedicar o Día das Letras Galegas 2021?
– DGA: Foi un orgullo tremendo. Aínda que esta época está irremediabelmente marcada pola pandemia e podíase pensar que iso desluciría o seu ano, o gran traballo das institucións e editoriais en tan pouco tempo, e cos condicionantes sanitarios tan restritivos, está facendo que todos os proxectos saian cara a adiante e se lembre e celebre o ano da miña nai o mellor posíbel. Toda a familia está encantada.
– ND: Que podemos agardar deste novo libro de Xela Arias [Non te amola!]?
– DGA: É algo especial publicar un inédito de modo póstumo, mais decidimos dar o paso porque ela xa o quixera publicar no seu tempo e por circunstancias externas non se deu.
Ela estaba orgullosa do seu traballo e consideraba que estaba á altura precisa para ser publicado, polo que nos permitimos de boa gana que vise a luz. É algo moi distinto aos seus outros traballos, xa non só por ser prosa, senón porque se trata de contos infantís, que pouco ten que ver coa súa temática habitual. Se houbese que resumir nunha palabra o libro, eu quedaríame con tenrura.
– ND: Como animaría o público a que afonde no traballo de Xela Arias?
– DGA: Por sorte, e grazas ao traballo de moitas persoas e editoriais, hai moita obra da miña nai dispoñíbel. Quizais a poesía non é o estilo máis popular á hora de escoller lectura, pero para todo aquel que lle queira dar unha oportunidade recomendaríalle que comezase con Darío a diario, xa que é un poemario curto, sinxelo, cunha visión diferente da maternidade e que pode servir de primeiro chanzo para familiarizarse coa obra de miña nai, e posteriormente seguir avanzando nela.
Con todo, para todas aquelas persoas afeitas a ler poesía, coido que Tigres coma cabalos é unha obra moi valiosa xa que pon en diálogo os poemas coas fotografías, sendo toda unha pioneira no seu momento.”