O martes 8 de novembro, en Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña, terá lugar, dentro das IV Xornadas sobre Normalización da Lingua e a Cultura no Ámbito da Educación, o Tour de Lecturas do Oeste, con entrada libre até completar capacidade. O programa é o seguinte:
– 16:30 h. Mesa redonda Xestionando a lectura pública [BoasPrácticas], con Catuxa Seoane, Marcos Lorenzo, Cristina Novoa e Albino Alonso, moderados por Héctor Pose.
– 18:15 h. Mesa redonda Iniciativas empresariais ao redor do libro, con Iria Sobrino (Estaleiro editora), Begoña Varela (Libraría Nova Colón), Manel Cráneo (Demo Editorial) e Antón Lado (2.0 Editora), moderados por Héctor Pose.
– 19:30 h. Lois Pereiro segundo Marcos Calveiro. Presenta: Neves Arza.
– 20:30 h. Espectáculo poético-musical con María Lado e Lucía Aldao, presentadas por Eva Espido.
Arquivos da etiqueta: Normal
A Coruña: rolda de prensa de presentación do VI Encontro de Escritoras/es Novas/os
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) convoca para mañá, 15 de setembro, ás 12:00 horas, na libraría Nova Colón da Coruña (Rúa Olmos, 9) unha rolda de prensa na que o seu presidente, Cesáreo Sánchez, e a súa vicepresidenta, Antía Otero, presentarán o programa do VI Encontro de Escritores e Escritoras Novos/as, baixo o lema Da tinta á pegada dixital, que se celebrará nesta cidade o vindeiro sábado 17 de setembro na Sala Normal (Paseo de Ronda, 47) a partir das 10:30 h. Será unha intensa xornada que rematará ás 20:00 h. tras unha conferencia, dúas mesas redondas e un recital poético.
A Coruña: VI Encontro de Escritoras/es Novas/os: Da tinta á pegada dixital, o 17 de setembro
Chega a VI edición do Encontro de Escritoras/es Novas/os, o sábado 17 de setembro, na Sala Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña, organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, onde nos situaremos ao redor da palabra á escoita das ideas e proxectos dos nosos autores e autoras máis nov@s. Unha oportunidade de achegarnos ás novas linguaxes, tecnoloxías e pegadas dixitais que os tempos nos presentan, abríndonos outras posibilidades na comunicación e no diálogo necesario:
A Coruña: Cita a dous, encontro de música e poesía con Manu Clavijo e Estíbaliz Espinosa
O mércores 29 de xuño, ás 20:00 h., en Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña, terá lugar unha nova edición de Cita a dous, encontro entre dous creadores chegados de diferentes disciplinas artísticas que pretende buscar un verdadeiro diálogo a partir do coñecemento artístico e persoal. Para iso, a parella convidada (en que unha das partes pertencerá sempre ao mundo da literatura) contará cun tempo previo á data sinalada para se mergullar na obra do outro, para entrar nela e facela súa… permitindo que, unha vez chegado o día da cita, non só xurda o encontro senón tamén o diálogo, a retroalimentación e a experiencia compartida. Nesta segunda cita a parella está formada por música e poesía: Manu Clavijo e Estíbaliz Espinosa porán voz, diálogo, proceso compartido, vivencias e experiencias a este encontro íntimo que busca falar non só das obras finais que se mostran, senón tamén da relación que estas teñen con outras artes e daqueles diálogos e procesos compartidos que, a maior parte das veces, quedan ocultos. O acto está coordinado por Antía Otero.
A Coruña: Cita a dous, encontro de danza e poesía con Rut Balbís e Dores Tembrás
O mércores 4 de maio, ás 20:00 h., en Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, terá lugar o encontro entre dous creadores chegados de diferentes disciplinas artísticas, Cita a dous, a partir dun pequeno manual de instrucións, que pretende buscar un verdadeiro diálogo a partir do coñecemento artístico e persoal. Para iso a parella convidada, na que unha das partes convidadas pertencerá sempre ao mundo da literatura, contará cun tempo previo á data sinalada para bucear na obra do outro, para entrar nela e facela súa… permitindo que unha vez chegado o día da cita, non só xurda o encontro senón tamén o diálogo, o feedback e a experiencia compartida. Por iso as posibilidades son infinitas e cada proposta é un mundo. Esta primeira cita contará cunha parella formada pola danza e a poesía: Rut Balbís e Dores Tembrás porán voz, diálogo, proceso compartido, vivencias e experiencias a este encontro íntimo que busca, non só falar da obras finais que se mostran, senón da relación que estas teñen con outras artes e daqueles diálogos e procesos compartidos que, a maior parte das veces, quedan ocultos. Cita a dous está coordinado por Antía Otero.
A Coruña: obradoiro Percorrer o ollo da arte, por Antía Otero
Os martes desde o 15 de marzo, de 19:00 a 21:00 h., en Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña, terá lugar o obradoiro Percorrer o ollo da arte, que camiña polos diferentes estamentos que a ollada debe transitar para coñecer, descubrir e valorar o feito e a creación artística contemporánea a través da multidisciplinariedade. Está impartido por Antía Otero, licenciada en Historia da Arte, creadora, actriz, escritora e docente na Escola de Teatro e Danza Espazo Aberto. Iníciase o martes 15 de marzo ás 19:00 h., cun total de 30 horas e un máximo de 20 persoas. Están solicitados 2 créditos de libre elección á Universidade da Coruña. A inscrición é de 55 euros para o público xeral e 35 euros para os membros da Universidade da Coruña (neste caso a segunda matrícula é de 30 euros). A matrícula farase na oficina da Área de Cultura da Coruña. Casa do Lagar s/n. planta baixa. Campus de Elviña. O teléfono de información é o 981-167000, nas extensións 1975, 1954, e 1962. Prazo de matrícula até o luns 14 de marzo.
A Coruña: Operatorio, performance de Antía Otero e Carlos Neira
O venres 4 de marzo, a partir das 21:00 h., en Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, estréase a performance Operatorio, de Carlos Neira e Antía Otero, no espazo trans entre teatro e cinema.