Francisco Castro: “A miña cabeza xa traballa noutra aventura do inspector Hermida”

Entrevista a Francisco Castro en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): O formato novela por entregas tamén foi unha tortura para o autor [O corazón da Branca de Neve].
– Francisco Castro (FC): Si, inicialmente. Son autor de novela de largo alento. Pero cambiei o chip para escribila. E convertinme nun talibán do xénero. Non me deitei hasta que conseguín que cadrara. Cada capítulo ten 3.500 caracteres, non 3.499, nin 3.501. Pero tratei de que isto estivese acompañado dunha escrita de calidade e dunha historia complexa, de certa coralidade. (…)
– LVG: ¿Perde ao vela como libro, cando naceu para o diario?
– FC: Non. Vela de forma íntegra lle da un aspecto como de historia redonda. Hai uns días que saíu, e xa hai moita xente que me di a través das redes sociais que a leu dunha sentada, que non foron capaces de deixala. Estou moi satisfeito.
– LVG: Iso que vostede non era moito de novela negra…
– FC: In vino veritas xa era unha especie de novela negra deconstruída. E a verdade é que nas outras novelas sempre fun pegado á realidade, interesado en retratar a sociedade, a súa parte máis fea.

Entrevistas e reportaxes destacadas do Diario Cultural da Radio Galega, do 14 ao 18 de outubro

Deixamos aquí as ligazóns ás máis destacadas entrevistas e reportaxes da semana do 14 ao 18 de outubro no Diario Cultural da Radio Galega relacionadas coa literatura. Agradecemos a Ana Romaní a información:

– Obradoiro de tradución poética Con barqueira e remador.
– Publícase o primeiro tomo da Historia da literatura galega.
– Crítica literaria de Chus Nogueira / Ningún precipicio, de Olalla Cociña.
– Páxina de narrativa desta semana: O corazón da Branca de neve, de Francisco Castro.
María Reimóndez presenta tres novos poemarios.
– Páxina de poesía desta semana: A guerra, de María do Cebreiro e Daniel Salgado.
– De Cantares hoxe. Susana Sánchez Arins.
– De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI.

Francisco Castro gaña cunha historia de intriga o Premio de Novelas por Entregas de La Voz

Desde La Voz de Galicia:
“Unha historia de intriga de ritmo trepidante que arranca co roubo do bebé que unha inmigrante vén de dar a luz en Vigo é a gañadora do Premio de Novela por Entregas de La Voz, fallado onte. A obra presentouse baixo o título O corazón da Branca de neve e o seu autor resultou ser Francisco Castro e os finalistas foron os escritores Ana María Galego e Xesús Constela. O fallo do galardón, patrocinado por Ámbito Cultural de El Corte Inglés, deuse a coñecer no transcurso dunha cea literaria que se celebrou no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre.
O corazón da Branca de neve é unha historia que manexa perfectamente os recursos máis clásicos do suspense. A novela ábrese cunha enigmática escena, na que un personaxe de nome Alberto vive unha tensa espera nun bar de Vigo. De súpeto recibe unha chamada ao móbil, cominándoo a saír á rúa. Aos poucos minutos aparecerá un coche e un descoñecido entregaralle un bebé. Nos seguintes capítulos o lector saberá a procedencia do meniño, cuxa nai é unha inmigrante da que coidan os membros dunha banda criminal que aparentan ser empregados dunha organización humanitaria.
A trama desenvolverase a través das vivencias dos personaxes implicados, dende a parella que acolle o bebé, a súa nai biolóxica, os criminais implicados e os policías que deben resolver o caso. Cada capítulo está inserido nesta trama pero ao mesmo tempo presenta unha acción propia, que sustenta a tensión da novela e a fai avanzar, conseguindo deixar o interrogante da intriga para o capítulo seguinte.
Nada máis recoller o premio, Francisco Castro destacou a dificultade que impuña unha estrutura así -«pechar cada capítulo con 3.500 caracteres converteuse nun pesadelo», dixo-, pero ao mesmo tempo a satisfacción de saber que ese suspense tirará do lector: «Esta é unha historia que a xente empezará o 1 de agosto, e que espero que volva a ela o día 2, e o día 3, e así ata chegar ao día 31». Non obstante ser a intriga o motor interno da novela, os personaxes principais da historia son de carne e óso e teñen unha complexa personalidade de seu, que Francisco Castro capta na narración, e que comparte co resto da súa obra «unha carga de reivindicación».
A novela publicarase no xornal e na súa edición dixital, a razón dun capítulo por día, ata sumar 31. Como nas edicións anteriores, a historia contará coas ilustracións de Juan Carlos Abraldes. Ademais da publicación da obra nas Páxinas Literarias, o premio ten unha dotación económica de 6.000 euros.”