Eva Veiga obtén o Premio de Poesía Concello de Carral con Soño e vértice

Eva Veiga, Eva Veigacoa súa obra Soño e vértice resultou gañadora do Concurso de Poesía Concello de Carral do presente ano 2015.
O xurado escolleu esta obra pola intensidade simbólica da súa proposta poética, unida ao cultivo extremo dunha lírica que mantén en todo momento unha tensión entre o real e o onírico.
O xurado do concurso estivo formado por Oriana Méndez, Miguel Anxo Fernán Vello e Nacho Alonso, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Isabel López Pérez, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra.
O acto de entrega do premio terá lugar o 29 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2015. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, O que precede a caída é branco, de Oriana Méndez. Para a publicación do libro o Concello de Carral contou coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.”

Oriana Méndez: “Neste sistema económico non pode haber cidadanía porque só as persoas libres son cidadás”

Entrevista de Montse Dopico a Oriana Méndez en Magazine Cultural Galego:
“Oriana Méndez gañou o Premio de Poesía do Concello de Carral con O que precede a caída é branco, un poemario habitado por unha cidade sen cidadáns, por persoas expropiadas da súa liberdade. Mais tamén por traballadoras que se unen nun momento no que todo parece estar a piques de estourar. O libro amosa algunhas conexións coas obras anteriores da autora, Cero e Derradeiras conversas co Capitán Kraft. Como o ollar á opresión, ao poder e á súa violencia. Ou á memoria. Cero estaba escrito deste o estrañamento, o distanciamento respecto dunha realidade incomprensible. En O que precede a caída é branco hai unha urxencia de reaccionar ante o presente. Ante o que acabou perfilándose como unha guerra contra a clase obreira. Contra case todos e todas nós.
– Montse Dopico (MD): Salientara xa o xurado a unidade de contido e forma da obra. Que se cadra é a túa forma de escribir, non só neste libro.
– Oriana Méndez (OM): É verdade que concibo os libros como unha idea, unha proposta unitaria. Nos tres libros que teño publicados non fixen unha escolma de textos escritos en distintos momentos, senón unha proposta a partir dunha idea.
– MD: A idea é, se cadra, a da cidade sen cidadáns, senón unha “caterva humana/ que é/ expropiada de si mesma”, sometida ao “pensamento do servo”, na actual guerra contra a clase traballadora. O espazo urbano xa estaba, por outra banda, nos dous libros anteriores.
– OM: Comparto a lectura, si. É certo que falo do espazo urbano, e é normal porque é fundamentalmente o que coñezo. As referencias a Vigo son constantes, nese sentido. Pero podería ser calquera outra das cidades que coñezo. Si é unha cidade expropiada de cidadáns porque neste sistema económico non pode haber cidadanía porque só as persoas libres son cidadás. Hai unha guerra en curso na que unha parte pequena da poboación vai gañando e outra parte, a maioría, vamos perdendo. Falo disto nuns textos de forma máis explícita e noutros menos. (…)”

Propostas con premio: O que precede a caída é branco, de Oriana Méndez

Entrevista de Ramón Nicolás a Oriana Méndez, no seu blogue Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Tras Derradeiras conversas co capitán Kraft e Cero, agora chegará este O que precede a caída é branco. Que recrea basicamente este novo libro?
– Oriana Méndez (OM): Hai un intento de cristalizar o instante previo a que algo se precipite, ese intre que algunha vez vimos pasar axiña, a que se precipite unha folga xeral, o momento anterior a ser concibida pola comunidade e é entón cando non existe posibilidade de retorno.
– RN: Alberga talvez unha modulación distinta das anteriores entregas?
– OM: Non hai unha narrativa, como quizais en Kraft, nin tampouco unha procura, como podería ser en Cero; hai este producirse o capitalismo que nos atravesa e atravesa a miña cidade, Vigo, e provoca poemas como provoca as Marchas da Dignidade. (…)”

Oriana Méndez gaña o XVII Certame de Poesía Concello de Carral

“Oriana Méndez, coa súa obra O que precede a caída é branco resultou gañadora do XVII Certame de Poesía Concello de Carral.
O xurado escolleu esta obra pola unidade de contido e forma, na qua se detecta que foi concibida como un todo, tendendo fíos entre a macroestrutura e os versos. O libro conta cunha linguaxe moi coidada e suxestiva prestando especial atención ao feche dos poemas. A autora crea un espazo lírico cheo de luz e establece numerosos xogos metaliterarios con diferentes escollas plásticas e artísticas. Así mesmo debemos destacar o traballo de tensión-distensión poética e o ritmo.
O xurado estivo formado por Dores Tembrás, Olga Patiño Nogueira e Eli Ríos, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Isabel López Pérez, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 36 libros. O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra.
O acto de entrega do premio terá lugar o 30 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2014. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Cronoloxía da urxencia, de Dores Tembrás. Para a publicación do libro o Concello de Carral contou coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.”