“Onte 1825: Aforismos do riso futurista presentado en Moito Conto”, por Manuel Bragado

Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“Case un cento de persoas participaron o martes 7 na presentación de Aforismos do riso futurista na libraría Moito Conto da Coruña. Antes que dezaoito dos autores e autoras da obra lesen os seus aforismos, interviron Francisco Pillado e Xavier Seoane, os coordinadores dun proxecto que pretende promover o xénero do aforismo na literatura galega. Pillado lembrou a presenza de aforismo nas obras de clásicos como Shakespeare, Valle Inclán ou Oscar Wilde e a escasa presenza na literatura galega de libros de aforismos coas honrosas excepcións dos de Xavier Seoane, Arca cotidiana. Irispaxaros (1984) e A rocha imantada (2009).
Pola súa banda, Seoane explicou que o libro naceu do chamamento que se fixo aos membros da AELG de promover o xénero do aforismo en galego: “pedimos que se escribisen até un máximo de trinta aforismos que non pasasen das tres liñas, sen ningunha outra limitación temática nin formal”. “Ao noso chamamento responderon 48 autores e autoras. O resultado é un libro moi ameno e variado a nivel estético, conceptual e formal. Hai algúns textos máis achegados ao xénero poético e outros ao narrativo. Sobrancea a temática política, social e histórica, expresión da preocupación polo momento de perplexidade e de gran perigo histórico que vivimos”. “O aforismo é un xénero aditivo, que vai moito co espírito do noso tempo. Nunha frase pode condensarse toda unha visión do mundo. Vivimos un gran momento aforístico, aínda que hai un risco de que caiamos na banalidade. O libro que hoxe presentamos é unha colección aberta que abre un camiño para a publicación doutras na nosa lingua”.”

A Coruña: presentación de Os aforismos do riso futurista

Nesta festa do aforismo participarán Francisco Pillado, Xavier Seoane, Manuel Bragado e unha representación dos autores e autoras: Lino Braxe, Tucho Calvo, Lois Diéguez, Estíbaliz Espinosa, Francisco X. Fernández Naval, Alfredo Ferreiro, Rafael Lema, Siro López, Olga Patiño, Ánxeles PenasFrancisco Pillado, Gustavo Pernas, Henrique Rabuñal, Claudio Rodríguez Fer, Xavier Seoane, Dores Tembrás, Ramiro Torres e Fidel Vidal.