Entrevista a Paco Souto en Palavra Comum:
“- Palavra Comum (P): Como é, no teu caso, o processo de criação literária (e artística em geral)?
– Paco Souto (PS): É diverso. Ás veces parto dunha proposta concreta -“vou escribir sobre tal cousa…”-, ás veces mesmo escribo por encargo (as menos: he, he!), e outras achéganseche visións ineludíbeis ás que logo lles darás forma. Adoito partir do inconsciente, do xesto, para logo ir concretizando. Sempre digo que escribir é aprendermos a riscar e quen vexa os meus manuscritos (manuscribo, si!), acreditará no proceso. Sempre lembrarei aquel poema de “Veño da fin do mundo…” que memoricei mentres guiaba de volta para Muros. Ou os moitos versos que escribín en pleno agobio laboral os sábados á noite cando era taberneiro no Dado, por exemplo… (…)
– P: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (plásticas, música, visuais, etc.)? Que experiências tens nestes âmbitos?
– PS: Non se pode entender a literatura sen a presenza das outras artes, sexa como pretexto ou contexto. No meu caso, a experiencia plástica é moi importante, e non só como observador. Nestes anos tiven a fortuna de asistir a cursos como os de Ana María Vargas ou Afonso Costa e, por suposto, manter relación de camaradaxe e colaboración con moit@s pintores amig@s.
E levo moitos anos realizando recitais coa música de Serxio Moreira ao vivo. Ollo, non con música de fondo, senón como partes intrínsecas e coordinadas dun único acto creativo. Nese sentido LUGAR DE INCENDIOS, que xa pasou pola Palavra Comum, paréceme exemplificador. Pero non quero esquecer TEMPO ESCURO ou o recente PROXECTO BARRO, verdadeiros actos performáticos.
– P: Quais são os teus referentes (desde todo ponto de vista)?
– PS: A arte ou é incómoda ou non é. Quero unha literatura que me descoloque, que propoña. Unha música que subleve, que non me acougue. Un teatro que me devolva a máscara que levamos dentro e ilumine o camiño, os múltiplos camiños. A linguaxe da arte é múltipla. Eu son varios. Eu son tod@s e cada un.
Podería facer un catálogo de autor@s, de músic@s, de pintor@s, mais seria inútil ou parcial. A xente do común. O que está na tradición tamén é o meu referente. A miña nai non sabe ler pero sabe en carne propia todos e cada un dos traballos que fan da nosa terra un eido produtivo. Iso é CULTURA. Iso tamén é o MEU REFERENTE. (…)
Arquivos da etiqueta: Paco Souto
Betanzos: presentación de A outra voz, con Alberte Momán
Mário Herrero gaña o X Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas
Desde o Concello de Malpica:
“O coruñés Mário J. Herrero Valeiro, doutor en Filoloxía Hispánica, é o gañador do X Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas pola obra A razão do perverso. O fallo do premio convocado pola Asociación Cultural Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica fíxose público o sábado pola noite, no transcurso da Cea das Letras, na que tamén foi presentada A outra voz, a obra premiada o ano pasado e que xa forma parte da colección literaria Caldeirón.
Mário J. Herrero agradeceu o premio e comentou que é a primeira vez que escribe unha obra especificamente para un certame, aínda que unha segunda lectura das bases obrigouno a reducila practicamente á metade. “Optei por podar os poemas máis prosaicos, pensei que era mellor ficar no lírico, no máis formalmente poético. Sei que se perdeu algo polo camiño, pero aínda así o libro continúa a ser unha estrutura fechada que se entende perfectamente. O palimpsesto fica á interpretación de cada quen. Hai cousas evidentes, e cousas menos evidentes”, explicou o autor antes do recitado dalgúns deses poemas que veremos publicados o ano que vén.
Mário J. Herrero estivo acompañado durante o recital por Verónica Martínez, coautora de A outra voz xunto a Alberte Momán, que non puido estar este ano en Malpica. Foi un dos poucos galardoados nos dez anos de historia do Certame de Poesía Erótica que non asistiu á celebración do aniversario. Os actos desta edición tan especial comezaron pasadas as oito da tarde no Centro Cívico de Malpica cunha recepción á que asistiu o alcalde, Eduardo Parga, e na que Paco Souto, no nome da Asociación Cultural Caldeirón, agradeceu a imprescindible colaboración do Concello de Malpica e destacou a calidade dos autores que integran a colección Caldeirón. “Parece que os escolléramos”, sinalou.
Esa calidade quedou de manifesto no recital que ofreceron algúns dos premiados nestes dez anos, coma Eduardo Estévez, Mercedes Leobalde, María Lado e Verónica Martínez, que estiveron acompañados polo poeta do mar Xosé Iglesias. Entre o público do auditorio atopábase a escritora Teresa Moure, que tamén asistiu á cea. (…)”
Fisterra: recital poético e musical en homenaxe á Vaca de Fisterra
O Concello de Fisterra, en colaboración cos escritores Modesto Fraga, Xosé Iglesias e Francisco X. Fernández Naval, convoca para o día 19, sábado, ás 17:00 horas, unha marcha poética e musical que partindo da lonxa de Fisterra camiñará ata o faro.
O motivo desta marcha festiva é reivindicar o son do Nautófono, coñecido en toda a bisbarra como A Vaca de Fisterra, así como o mantenemento e conservación da maquinaria deste sinal marítimo sonoro. Ao longo dos anos, os navegantes do mundo e os habitantes da comarca, interiorizaron ese son poñéndolle un nome: a Vaca de Fisterra, por ser o seu berro un bramar semellante ao dunha vaca. O son pasou a formar parte da vida cotián da xente, integrouse nas conversas, fíxose música e os poetas tomárona ou tomáronas, que dúas era as vacas, como referencia nalgunhas das súas composicións.
A reivindicación parte da convicción de que a Vaca é patrimonio inmaterial de todos os habitantes do litoral, ao norte e ao sur de Fisterra, así como do interior, que durante máis de cen anos sentiron o seu bruar nos días e noites de borraxeira, pero tamén, convencidos de que altofalantes e mecanismo que os fai soar, o Nautófono, é patrimonio material, por tratarse dun sinal marítimo do que quedan escasas mostras en funcionamento no territorio peninsular.
Ás 17:00 horas, diante da lonxa de Fisterra, lerase o texto da convocatoria, dando paso a un primeiro recital poético. Ao remate, iniciarase a marcha, precedidos os participantes polo son da gaita e do acordeón de Moncho do Orzán, con dúas paradas para ler textos de adhesión, unha primeira no campo da igrexa de Santa María das Areas, e outra xa na estrada, xunto a escultura do peregrino. Durante o traxecto faranse soar as buguinas.
No faro lerase o texto que contén a reivindicación e que será enviado aos responsables da Actividade Portuaria da Provincia da Coruña, organismo a quen corresponde o funcionamento e conservación do faro. A continuación, e como peche, desenvolverase outro recital.
Exercerá como mantedor o actor César Cambeiro.
Amais dos citados, confirmaron a súa participación: Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de escritoras e escritores en lingua galega (AELG); Juan Alberte, Iolanda Aldrei, Marilar Aleixandre, Concha Blanco, Rocío Blanco Formoso, Fernando Cabeza Quiles, Anxo Cousillas, José Estévez, María José Fernández, Francisco X. Fernández Naval, Modesto Fraga, Mónica Góñez, Serxio Iglesias, Xosé Iglesias, Alex López, Miguel Mato Fondo, Alexandre Nerium, Olga Patiño, Fernando Patricio, Marité Prieto, Xesús Rábade Paredes, X. H. Rivadulla Corcón, Pilar Silva, Francisco Souto, Nolo Suárez, Roberto Traba Velay, Suso Bahamonde, Miguel Vázquez Freire e Helena Villar.”
Carballo: actividades do venres 21 na Praza dos Libros
Continúa esta nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que terá lugar no Xardín Municipal do 20 ao 23 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h. Dentro dos actos previstos para o venres 21, destacamos os seguintes:
– 18:30 h. Concerto-presentación de Brinca vai!, de Paco Nogueiras, publicado por Kalandraka.
– 19:45 h. Presentación e recital dos poemarios publicados por Caldeirón: Terra fría, de Miguel Mato, Ode à Madison Ivy e outras coisas de meter, de Verónica Martínez Delgado e Dominio Público, de Ramón Neto.
– 20:30 h. Presentación da obra colectiva Catálogo, de Rosalía Fernández Rial, Paco Souto, Mon Lendoiro e Chiña, publicada por Lumieira, Garabato e Caldeirón.
Buño, Malpica: presentación do Proxecto Barro, con Rosalía Fernández Rial e Paco Souto
O domingo
9 de agosto, ás 19:00 horas, na clausura da XXXII Mostra da Olería de Buño, preséntase o Proxecto Barro, coa participación de Paco Souto e Rosalía Fernández Rial.
Fisterra: recital poético na inauguración da exposición Nemancos, de Viki Rivadulla
A Coruña: presentación de Ode à Madison Ivy e outras coisas de meter, de Verónica Martínez Delgado
O venres 12 de xuño, ás 20:00 horas, na Librería Sisargas (Rúa San Roque, 7, baixo) da Coruña, preséntase Ode à Madison Ivy e outras coisas de meter, de Verónica Martínez Delgado, publicado pola Asociación Cultural Caldeirón. No acto participa, xunto á autora, Paco Souto.
Miguel Mato: “A miña xeración está formada por anxos da derrota”
Entrevista de Carme Vidal a Miguel Mato:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Por que demorou a súa volta á poesía?
– Miguel Mato (MM): Non tardei en volver á poesía, senón en publicar. Escribo continuamente, mais, para sacar un novo libro, tenme que gustar; ten que responder a algo que está dentro de ti. Por outra parte, gustaríame publicar ensaio e narrativa, mais non é doado. En especial para min, que escribo relato. A realidade é así: quixera publicar; porén, non existen moitas ocasións.
– SG: En cambio, cónstame que desde Caldeirón, insistiron para que publicase este novo libro de poesía [Terra fría].
– MM: Así foi. Paco Souto tiña desexos de publicar un libro meu, e eu tamén de o facer con Caldeirón, porque é un proxecto no que o amor ao libro se nota. Alén da amizade, e que é unha editora de Malpica, a miña terra, estou feliz e agradézolles moito que mo ofrecesen. Eu non me atrevía a pedirllo, porque sei que publicar un libro é un esforzo, e teño consideración con quen inviste e fai esforzos económicos para a creación de cultura. Ponme moito respecto.
– SG: Se cada libro responde a un momento, que explica o nacemento de Terra fría?
– MM: Considero que é unha continuación de O whiskey na barrica, mais trátase dun libro máis sombrizo. Non é xa esa visión case arcádica, nostálxica e luminosa, senón algo máis amargo e pesimista. Deixa ver a consciencia do paso do tempo; das mudanzas que traen horizontes máis escuros. É unha visión pesimista sobre o mundo, sobre desexos frustrados e soños colectivos que non se cumpriron. Tamén a preocupación polo estado da lingua, moito máis ca unha ferramenta de traballo, a memoria da historia colectiva do país. Manuel María dicía que cando se perde unha lingua o mundo empobrece. O libro expón unha visión dun mundo que se esnafra contra unha curva sen ver o sinal de stop.
– SG: Esa sensación de derrota e desastre é un signo xeracional?
– MM: Compartido con poetas como Ramiro Fonte, Forcadela, Miguel Anxo Fernán Vello ou o mesmo Manuel María, unha referencia ética na concepción de como debe estar o poeta no mundo, da percepción do país a través da lingua, de talante ecoloxista e conservacionista.
– SG: Cita nomes cos que compartiu hai trinta anos o grupo De amor e desamor. Mudou o entusiasmo de entón en pesimismo?
– MM: Convivimos con formas de cultura que a xeración anterior non coñecera, como o rock, unha poesía moi desenganada. Este libro, poño por caso, inspírase nun tema de Tom Waits. Somos, en certa medida, anxos da derrota. Antes saïamos dunha época hostil e abríase unha etapa de esperanza, e agora volvemos a un tempo duro. (…)”