Laíño, Dodro: homenaxe a Eusebio Lorenzo Baleirón, o sábado 17 de novembro

O sábado 17 de novembro, ás 12:30 h., na casa natal na parroquia de Laíño, lugar de Tarrío, 26, do Concello de Dodro, terá lugar unha homenaxe a Eusebio Lorenzo Baleirón.

Ser unha foula en resurxir constante
ou un navío en colisión coa noite.
Iso é o que importa.
Eusebio Lorenzo Baleirón, Gramática do silencio.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega homenaxea ao poeta de Dodro, quen este ano faría os 50 anos, co seguinte programa:
• Intervención de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG.
Laudatio de Paulino Vázquez.
• Intervención dun membro da familia Lorenzo Baleirón.
• Descubrimento dunha placa conmemorativa.
• Lectura poética de poemas de Eusebio Baleirón a cargo de Carlos Negro.
• Remata o acto cunha interpretación musical.
O acto contará coa presenza dos alcaldes de Dodro e Padrón.

Eusebio Lorenzo Baleirón é un dos grandes poetas da segunda metade do século XX. En palabras de Román Raña no ano 1985: “Pertence á estirpe poética dos 80, percorre coa súa lira terreal os denodados camiños do verbo”. “O impeto naceu das entrañas acuciantes dun tempo enneboado. Na poesía de Eusebio achamos a esteira de Borges e a floración de Cunqueiro. Había tempo que o escritor bonaerense non deixara unha pegada tan patente nos versos dun poeta galego: del vén a memoria e os espellos, un inmpudor metafísico que pretende despir a esencialidade das cousas e as normas do cosmos; do escritor de Mondoñedo surxe a eclosión lírica, a demorada reconstrución de espacios estelares e de sombras interiores onde o amor palpita paralelamente á desazón, onde hai papoulas e a espiña intanxíbel que inexorabelmente lacera o poeta.”

Recensión en Sermos Galiza.

Isaac Xubín gaña o XXIV Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón

“Isaac Xubín gañou o XXIV Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, coa súa obra Con gume de folla húmida. O xurado escolleu esta obra o pasado sábado, 10 de decembro, entre as 35 que concorreron ao certame. Os responsables da selección salientaron a grande cantidade e a calidade xeral de todos os participantes. O gañador levou 2.800 euros e a obra será publicada pola editorial Sotelo Blanco.” Vía Cultura Galega. Reseñado tamén en Certo, e Poesía Galega, onde se recolle a composición do xurado: Valentín Alfonsín Somoza, Rosa Enríquez Noya, Carlos Negro, Román Raña, Luís Valle e Cristina Codesido, quen destacou a “tensión poética mantida ó longo do poemario, permite a fluidez dos versos de xeito natural, cunha mistura da lingua, do tempo e da terra”.

Celanova: I Encontros de poesía nova

En Celanova (Casa dos poetas, Celanova), entre o 18 e o 19 de xullo do 2008, terán lugar os primeiros ENCONTROS DE POESÍA NOVA, no contexto do centenario de Manuel Curros Enríquez.
Entre os participantes figuran César Antonio Molina, Luis Alberto de Cuenca, José Antonio de Ory, Miguel Anxo Fernán-Vello, Helena de Carlos, Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, Baldo Ramos, Paulino Vázquez, Cecilia Quílez, Berta Dávila, José Ramón Trujillo, Emilio Ruiz Barrachina, José Manuel Lucía Megías, Justo Bolekia, Javier Pérez Vazo, Basilio Rodrígez Cañada e Xosé Luis Méndez Ferrín. O encontro finalizará co espectáculo poético-musical QUEN PUDERA CONVOSCO VOAR, sobre a obra poética de M. Curros Enríquez, pola Compañía teatral Casahamlet e con dirección de Manuel Lourenzo e Santiago Fernández.