Arquivos da etiqueta: Pilar Sampedro
Xerardo Quintiá Pérez gaña o II Premio Fina Casalderrey, convocado por Baía Edicións, co conto O País do Gran Furado
“O Xurado, formado por Ana Luísa Bouza Santiago, socióloga, colaboradora de medios de comunicación, membro do consello de redacción da revista Andaina e administradora da revista Luzes, Montse Pena Presas, profesora da USC, escritora, colaboradora de medios de comunicación e crítica literaria, Patricia Porto Paderne, xerente da libraría compostelá especializada en temática feminista Libraría de Mulleres Lila de Lilith, Pilar Sampedro Martínez, especialista en xestión de bibliotecas escolares / literatura infantil e vicepresidenta de Gálix, e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, como secretaria, resolveu conceder por unanimidade o II Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade á obra presentada baixo o lema O País do Gran Furado.
Aberta a plica correspondente, a mesma resultou corresponder á presentada polo escritor friolés Xerardo Quintiá Pérez, que leva como título definitivo O País do Gran Furado.
O Xurado manifestou, entre outros aspectos, o seguinte:
«O País do Gran Furado é unha obra que resalta polo seu humor irreverente, pola súa transgresión dos contos populares e por reivindicar a poesía, a alegría e a revolución como camiños para procurar a igualdade.
Ademais, a resolución de conflitos desde unha perspectiva pacifista e a través da palabra, nunha historia na que Toribia e a súa banda de punk son quen de axudar a outras mulleres, é outro dos grandes acertos deste texto paródico, distópico e humorístico».
O conto emprega a poesía narrativa como recurso moi apropiado para que o público lector ao que vai dirixido (nenas e nenos de 3 a 8 anos) interiorice máis facilmente a mensaxe da súa historia.
A obra será publicada por Baía Edicións en álbum ilustrado a toda cor na colección Contoxconto antes do mes de outubro e o autor recibirá 5.000 € cos que está dotado este premio. (…)”
Compostela: programación da Semana da novela negra
Ferrol: presentación de No perfil das verbas, de Baldomero Iglesias, “Mero”
A Pobra do Caramiñal: presentación de Loanzas sentidas e outros poemas, de Xoán Xosé Fernández Abella
Compostela: presentación de No perfil das verbas, de Baldomero Iglesias, Mero
Compostela: presentación de Loanzas sentidas e outros poemas, de Xoán Xosé Fernández Abella
O 19 de setembro, ás 19:30 horas, no Salón de Actos da Facultade de Filosofía de Santiago de Compostela (Praza de Mazarelos), Xoán Xosé Fernández Abella presenta Loanzas sentidas e outros poemas, publicado por Follas Novas. No acto participan, xunto ao autor, Benita Silva Hermo, Xesús Alonso Montero, Sabela Arias Castro, Pilar Sampedro, Luís Alonso Girgado e Rafael Silva Costoyas. Miro Casabella e Manoele de Felisa, pola súa vez, participarán musicalmente cantando textos do autor.
Antía Yáñez e Sabela Losada gañan o I Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade
“Reunido o Xurado do I Premio Fina Casalderey de Literatura Infantil pola Igualdade resolveu, despois de moitas deliberacións, conceder por unanimidade e ex aequo o premio ás obras presentadas baixo os lemas “Gerbillo” e “Vermello”.
Abertas as plicas, as mesmas resultaron ser da autoría das escritoras Antía Yáñez Rodríguez e Sabela Losada Cortizas, baixo os títulos A reconquista e Vermella!.
O Xurado considera as dúas obras merecedoras do Premio en igualdade de condicións, manifestando que atenden a ámbitos moi distintos e complementarios e defendendo o especial interese de cada unha delas polos seguintes motivos:
«A reconquista, por un acaído tratamento da ocupación do espazo central, o liderado feminino e a solidariedade.
Ademais, a combinación de dúas voces narrativas diferentes, que aluden ao humano e animal, e ao ámbito da ficción e do libro divulgativo, fan da obra unha proposta literaria moi atractiva e interesante para as nenas e para os nenos, ao resaltar tamén por ser un exemplo de resolución positiva dos conflitos que xorden no propio contorno».
«Vermella! por ser quen de sacar á luz un tema tabú e pouco tratado na literatura infantil, como é o da menstruación desde unha perspectiva de indagación case que policial e de divertimento por parte da rapazada protagonista.
Igualmente, a historia consegue manter a súa intriga, mesmo coa axuda de trazos do humor natural característico do mundo infantil, na procura da descuberta, que lle dá sentido á trama e que ten que ver coa propia e progresiva descuberta do corpo da nena».
O Xurado estivo formado por Ana Luísa Bouza Santiago, socióloga, Montse Pena Presas, profesora da USC e crítica literaria, Patricia Porto Paderne, xerente da libraría compostelá especializada en temática feminista Libraría de Mulleres Lila de Lilith, Pilar Sampedro Martínez, mestra e vicepresidenta de Gálix, e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, que actuou ademais como secretaria do mesmo.
As obras serán publicadas por Baía Edicións en álbums ilustrados a toda cor na colección Contoxconto antes de finalizar o ano e o Premio de 5.000 € repartirase a partes iguais entre as dúas escritoras merecedoras do galardón.”
Compostela: presentación de Dorna saudal. Poemas do mar e léxico mariñeiro de Antón Zapata García, edición de Miro Villar
Marilar Aleixandre gaña o XI Premio Raíña Lupa coa novela A filla do Minotauro
Desde a Deputación da Coruña:
“A novela A filla do Minotauro da escritora Marilar Aleixandre é a gañadora do XI Premio Raíña Lupa da área de Cultura da Deputación da Coruña. A escritora é a primeira muller que gaña o certame de literatura infantil e xuvenil.
Un xurado composto por Héctor Cajaraville –gañador da edición anterior–, Charo Pita, Antonio Reigosa, Pilar Sampedro e María Solar, coa vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei como presidenta do xurado e a xefa de sección da área, Manuela Muñiz, como secretaria decidiron, por unanimidade, premiar a novela de Marilar Alexandre como gañadora do XI Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil.
A obra, titulada A filla do Minotauro e presentada co lema Siracusa, relata unha historia de aventuras sobre unha organización clandestina creada para salvar obras de arte. O xurado destaca “a mestura de tempos históricos” da novela e a súa “relectura moi actual da mitoloxía grega cunha gran sensibilidade co patrimonio cultural”. A través da aventura que protagoniza a obra pódense facer, segundo o xurado, “moitos niveis de lectura”. Ademais, destacan a “calidade literaria da obra” nunha convocatoria cun “alto nivel das obras publicadas”.
O xurado decide seleccionar como finalista a obra Como bágoas de dragón da escritora Andrea Maceiras e recomenda a súa publicación. A novela xira arredor do acoso escolar. Nesta edición presentáronse ao concurso un total de 48 obras, case o dobre do pasado ano que foron 27 as que concorrían ao galardón. A gañadora recibirá 6.500 € do premio máis a publicación da obra. (…)”