Ernesto Suárez Is e Xandra Táboas Martínez gañan ex aequo o 11º Premio Abrente de Textos Teatrais

Desde13729169_10153632491211857_8866966479130160817_n a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia:
“Acta do Xurado do 11º Premio Abrente de Textos Teatrais da MIT Ribadavia.
19 de xullo de 2016
Reunidas:
-Marta Pérez, actriz. (Vogal).
-Iria Sobrado, actiz (Vogal).
-Esther Carrodeguas, dramaturga premiada co 10º Abrente.
-María López, Concelleira de Cultura (Presidenta).
Roberto Pascual, Director da MIT (Secretario).

Acordan:

Conceder ex aequo o Premio aos textos presentados co título Fendas presentado co lema de “Lugasi Karloff” e o titulado Todo sobre Eva, co lema “Todas somos Eva”.

Todo sobre Eva é unha obra con temática urxente, necesaria e que arroxa luz sobre unha problemática global, a violencia simbólica sobre a condición de ser muller e a violencia de xénero.

É un texto poético, con posibilidades moi abertas na súa escenificación. Un berro poético, social e escénico, que bebe da dramaturxia de Heiner Müller e da salmodia dos textos bíblicos.

Fendas é un texto que fala sobre a memoria histórica contrapoñendo o máis escuro do noso pasado co que está sucedendo no noso presente. Amósase quizais con este texto que non están resoltas moitas das cuestións do pasado, que é preciso e oportuno traer aos nosos días. A peza podería trasladarse a calquera tipo de poder social e político que impón a súa maneira de estruturar unha determinada sociedade sen ter en conta todo o legado anterior. Por todo iso, porque está pasando hoxe no mundo, o texto ten unha grande actualidade. Remite ao concepto da banalidade do mal formulado por Hannah Arendt, que expresa a xustificación dos feitos tráxicos sen querer asumir responsabilidades persoais e respondendo con exclusiva complicidade á autoridade.

Abertas as plicas, o autor e a autora premiados son:
Ernesto Suárez Is e Xandra Táboas Martínez.”

Convocado o 11º Premio Abrente para Textos Teatrais

“CoaCartaz 11 Premio ABRENTE intención de incentivar e apoiar a creación dramática en lingua galega e por ser o teatro a actividade que maior incidencia e proxección histórica lle outorgou á ribadaviense Agrupación Cultural Abrente (1969-1983), o Concello de Ribadavia a través da Mostra Internacional de Teatro (MIT) convoca, en lembranza daqueles Concursos de Textos Teatrais, a 11ª edición do Premio Abrente para Textos Teatrais 2016, de acordo coas seguintes bases:

1ª REQUISITOS
Poderán optar ao premio todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten obra dramática inédita e nunca antes premiada ata a data de resolución desta convocatoria, sempre que estea escrita na normativa oficial da lingua galega.
2ª PREMIOS
Establécese un premio único, dotado con 3.000 euros, unha estatuíña do artista Manuel Rodríguez Alonso (Sampedro) e a edición da obra gañadora.
O Concello reservará por un prazo de doce meses os dereitos de edición e representación da obra e entregará ao gañador/a un total de vinte exemplares. Igualmente, o Concello poderá promover, a través da Mostra Internacional de Teatro, a produción para a escenificación das obras premiadas, sen que isto supoña unha compensación complementaria para o autor/a.
En calquera montaxe que se faga da obra gañadora farase constar, obrigatoriamente, tanto no programa, cartel, publicidade, etc., a mención expresa PREMIO ABRENTE DE TEATRO. MIT RIBADAVIA 2016.
3ª PRESENTACIÓN DOS ORIXINAIS
As obras serán de tema e extensión libre e presentaranse por triplicado, mecanografadas a dobre espazo, en tamaño DIN A4, fonte de letra Times New Roman, por unha soa cara e coas follas numeradas, grampadas ou encadernadas.
Os orixinais presentaranse baixo o título e un lema ou pseudónimo, acompañados dunha plica onde figure, no exterior, o título e o lema ou pseudónimo e que conteña, no interior, os datos persoais da autora ou autor: nome, apelidos, DNI, enderezo postal, número de teléfono e correo electrónico.
4ª PRAZO E LUGAR DE ADMISIÓN
O prazo de admisión de orixinais remata o día 20 de xuño de 2016 e deberán enviarse ao seguinte enderezo:
Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Praza Maior s/n, C.P. 32400, Ribadavia, Ourense
Deberase indicar no exterior do sobre 11º Premio Abrente para Textos Teatrais, 2016.
5ª XURADO
O xurado presidirao o alcalde de Ribadavia ou persoa en quen delegue e formarán parte del: a concelleira de Cultura ou persoa en quen delegue, o director da Mostra Internacional de Teatro e tres persoas de recoñecido prestixio no eido da arte teatral. O nomeamento do xurado farao o alcalde e actuará como secretario/a a persoa elixida por maioría entre os membros integrantes.
A composición do xurado farase pública con anterioridade á súa reunión, coa intención de que se poidan interpor, se fose o caso, as alegacións pertinentes.
6ª COMUNICACIÓN DO DITAME
O xurado actuará en sesión única, sendo precisa a asistencia de dous terzos dos seus membros.
As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente. A obra gañadora será escolleita entre dúas obras finalistas, sendo a gañadora a que obteña un mínimo de catro votos. A plica correspondente á obra finalista poderá ser aberta polo secretario do xurado se se considera oportuno para que, se o autor/a o permite, se dea a coñecer de maneira pública. O veredito do xurado será inapelable.
O xurado poderá declarar deserto o premio e a súa proposta será obxecto de resolución da Alcaldía-Presidencia do Concello de Ribadavia, que é o órgano competente para resolver o premio.
A decisión do xurado darase a coñecer publicamente en xullo de 2016, no contexto da XXXII edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.
7ª RETIRADA DE ORIXINAIS NON PREMIADOS
Os orixinais non premiados poderán ser retirados das dependencias do Concello de Ribadavia no prazo de 30 días naturais a partir do seguinte da decisión do xurado. Aqueles orixinais que non sexan retirados nun prazo de dous anos pasarán a formar parte dos fondos do Concello, previa destrución das plicas que conteñan os datos persoais dos concursantes.
8ª ACEPTACIÓN DAS BASES
A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases. A entidade organizadora queda facultada para resolver calquera cuestión non prevista nas presentes bases.

Ribadavia, xaneiro de 2016
Máis información aquí.”

Esther Carrodeguas gaña o Abrente de Textos Teatrais con Voaxa e Carmín

DesdePREMIO ABRENTE 2015 La Voz de Galicia:
“O xurado encargado de fallar a décima edición do Premio Abrente de Textos Teatrais anunciou onte a concesión do galardón da MIT de Ribadavia á obra Voaxa e Carmín, que foi remitida á convocatoria baixo o pseudónimo Noite estrelada. Unha vez aberta a plica a autora premiada resulto ser Esther F. Carrodeguas.
O xurado baseou a súa decisión, segundo consta na acta, na gran capacidade «de escenificación do texto, a súa teatralidade, o seu carácter poético, actual, composto por voces de dúas personaxes femininas locais e ao mesmo tempo universais, cunha caracterización moi esencialista e ao mesmo tempo expansiva, na liña dos personaxes de Samuel Beckett».
O xurado estivo presidido pola concelleira de Cultura de Ribadavia, María López Touza, e como secretario actuou o director da Mostra, Roberto Pascual. Fabrice Corrons, profesor da Universidade de Toulouse, a actriz Belén Constenla e o actor e pedagogo Alfredo Rodríguez exerceron como vogais.
Á hora de referise a Voaxa e Carmín, o xurado fixo referencia a «unha obra minimalista, cun ritmo pendular, coma o fluxo e o refluxo, as ondas ou a respiración. Salientar, así mesmo, a compoñente ritual da peza, que se manifesta no carácter simbólico das figuras dramáticas, coma un facho de liberdade, dignidade, resistencia e solidariedade».
Esther F. Carrodeguas amosábase onte feliz polo premio: «Era a primeira vez que me presentaba e foi un texto moi pensado e moi traballado, con referencias ás coñecidas popularmente como as dúas Marías de Compostela, as irmás que lembra a escultura da Alameda de Santiago». Carrodeguas ten acadado outros premios, como o Modesto R. Figueiredo de relato curto, e xeralmente os seus textos represéntaos a compañía Airiños.”

Fernando Epelde gaña o Premio Abrente de Textos Teatrais

DesdeMIT Ribadavia Sermos Galiza:
“Con Street Art Symphony, Fernando Epelde converteuse en gañador da nova edición do Premio Abrente de Textos Teatrais da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Non é a primeira vez que o nome do ourensán aparece no programa da MIT xa que como actor formou parte do elenco de A Tempestade, a coprodución coa compañía Voadora baseada na obra de Shakespeare no 450 aniversario do seu nacemento.
Un xurado composto pola directora e profesora da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia Cristina Domínguez, o actor ourensán Toni Salgado, o escritor e crítico Camilo Franco e o director da MIT, Roberto Pascual, optaron pola obra de Epelde por unanimidade para concederlle o galardón de Ribadavia por tratar, segundo fixeron constar, dunha historia arredor de situacións conflitivas da nosa contemporaneidade como o illamento ou os desencontros xeracionais. As novas formas de relación entre as persoas e a transformación de personaxes son tamén outros dos valores destacados polo xurado do Abrente. (…)”

Fran Godón gaña o premio Abrente de textos teatrais

Desde La Región:
Diante do espello, do actor e director teatral coruñés Fran Godón (Ut-Tópico Teatro), resultou galardoado co oitavo premio Abrente de textos teatrais organizado no marco da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia e dotado con 3.000 euros.
O xurado, conformado por Anxo Abuín, María Armesto, Fran Peleteiro e Roberto Pascual, destacou a variedade, calidade e elevado número de textos de altísimo interese presentados na edición deste ano, ‘síntoma do bo momento, sen dúbida, do teatro escrito en galego’.
A obra gañadora, presentada baixo o lema Sarah Hauser, foi seleccionada pola ‘construción coherente dun mundo escénico de carácter metateatral, baseado nunha afinada elaboración de elementos sensoriais e unha linguaxe orixinal que busca novos rexistros no emprego do diálogo’.
O xurado destacou, á súa vez, o ritmo fluído da proposta escénica, ‘con parénteses de forte carga poética e na configuración de personaxes que reflexionan sobre a complexidade da identidade humana, nos límites entre dous mundos: o das actrices e os dos seus personaxes’. (…)”

Declarado deserto o premio Abrente

“(…) No marco da Mostra Internacional de Ribadavia, o xurado do 7º Premio Abrente para Textos Teatrais deu a coñecer que “ao non haber un texto que contase coa dimensión dramática suficiente a nivel formal e de contidos e non lobre seducir unánimemente ao xurado para obter ese recoñecemento” queda deserto. Con todo, o xurado destacou “a variedade, a riqueza temática das obras presentadas ao concurso de textos teatrais Abrente, en especial as presentadas baixo o lema Bielmeier e o lema MAD e o potencial cinematográfico do texto presentado co lema Flanagan.” Vía Cultura Galega.