O escritor Rafael Fernández Lorenzo gaña o XVII Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil convocado pola Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
“O XVII Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil convocado pola Deputación da Coruña xa ten gañador: o escritor cangués Rafael Fernández Lorenzo coa obra As pedras verdes, unha novela que conta a conquista de América desde un punto de vista pouco habitual cun relato no que a violencia, a vulnerabilidade e o medo son tamén temas centrais.
O xurado, presidido pola deputada de Cultura, Natividade González, estivo composto por autoras e autores cunha recoñecida traxectoria na creación literaria en lingua galega como Tamara Andrés, Elvira Ribeiro, Miguel López (El Hematocrítico), Arancha Nogueira e o gañador da última edición, Lois Pérez, e, como secretaria, a xefa do servizo de Cultura, Mercedes Fernández-Albalat.
O xurado tamén salientou da obra premiada o tratamento da diversidade lingüística e a creación dun mundo fantástico propio para achegar ao lector unha cultura indíxena de ultramar a través dun exercicio literario moi evocador.
Rafael Fernández Lorenzo é escritor e colabora en diversos medios con artigos de creación e crítica literaria. A súa obra está traducida ao éuscaro, portugués, catalá e castelán. O premio que acaba de recibir está dotado con 6.500 euros e a publicación da obra. (…)”

Lois Pérez gaña o Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil da Deputación

Desde a Deputación da Coruña:
“O xurado do XVI Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil da Deputación da Coruña acordou conceder o galardón á obra A tribo do mar, que unha vez aberta a plica resultou ser da autoría de Lois Pérez.
O xurado desta edición estivo composto por cinco escritoras e escritores de diferentes xeracións e cuxas obras figuran entre as máis lidas polo público infantil e xuvenil en Galiza, como son Fina Casalderrey, Marcos Calveiro, Antía Yáñez, Érica Esmorís e a gañadora da última edición, Andrea Maceiras. A reunión estivo presidida polo deputado de Cultura, Xurxo Couto, e en calidade de secretaria actuou a xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes, Mercedes Fernández-Albalat Ruiz. Tamén estivo presente, sen voz e sen voto, a comisaria dos premios literarios da Deputación, Susana Pedreira.
No seu informe o xurado salientou que a obra gañadora está conformada “por diferentes voces que se enfían para amosar un relato que recolle a realidade actual da emigración”. Tamén anota que A tribo do mar está narrada “cun estilo áxil e atractivo para o público xuvenil ao que vai destinada”. (…)”

Nace o ‘Club da Raíña Lupa’, un club de lectura sen complexos nin etiquetas

Desde a Deputación da Coruña:
“O último venres do mes de abril terá lugar a primeira sesión do ‘Club da Raíña Lupa’, un club de lectura sen etiquetas e sen complexos que nace ao abeiro do Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil da Deputación da Coruña. Un club que parte da filosofía ‘non hai idade, hai literatura’, para estender e socializar a idea de que a LIX vai máis aló do público estritamente infantil e xuvenil.
Esta iniciativa está coordinada pola gañadora da última edición do Premio Raíña Lupa, Andrea Maceiras, e terá lugar na Sala Sala César Antonio Molina da Biblioteca provincial da Coruña, ás 18h do último venres dos meses de abril, maio, setembro, outubro e novembro. O venres 29 de abril, será o escritor Antonio Manuel Fraga o encargado de inaugurar esta rede de encontros co público lector. De feito, esta mañá a coordinadora, Andrea Maceiras, e o autor Antonio Manuel Fraga visitaron a Biblioteca provincial na que terán lugar as sesións. Nos seguintes encontros participaran Érica Esmorís, Berta Dávila, Ledicia Costas, Manuel Rivas e a propia Andrea Maceiras.
Para participar no ‘Club da Raíña Lupa’ será necesario inscribirse previamente a través de correo electrónico. O prazo de inscrición para formar parte deste Club abrirase o luns 18 de abril, día no que se fará público o enderezo electrónico de inscrición. O número de prazas estará limitado a 20 persoas e poderá participar tanto o público máis novo como calquera persoa adulta -nais, pais, irmáns, docentes, bibliotecarias- que desexe compartir experiencia lectora cos máis novos e novas.
Calendario de lecturas e encontros:
• 29 de abril: Antonio Manuel Fraga con santoamaro
• 27 de maio: Érica Esmorís con Patio de luces
• 30 de setembro: Berta Dávila con Un elefante no cuarto de estar
• 28 de outubro: Ledicia Costas con O neno de lume e Manuel Rivas con A nena lectora
• 25 de novembro: Andrea Maceiras con Que se me pare o corazón se te esquezo

A Deputación da Coruña homenaxea a Agustín Fernández Paz na XV edición do Premio Raíña Lupa (adiado)

Desde a Deputación da Coruña:
“En 1998 o escritor Agustín Fernández Paz resultaba gañador da primeira edición do Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil coa obra Cos pés no aire. Neste 2021, cando o Premio acada a súa XV edición, a área de Cultura da Deputación da Coruña homenaxeará a obra e a traxectoria de Agustín Fernández Paz nun acto aberto ao público que terá lugar na Sala Juanjo Gallo (6º andar da sede provincial) ás 19h do xoves 16 de decembro.
“Se ben é certo que non se pode falar de Agustín Fernández Paz sen facer mención á súa longa nómina de premios e ao importantísimo número de lectores e lectoras que achegou ao seu universo creativo, o que realmente queremos poñer en valor nesta modesta homenaxe é a súa capacidade para facer soñar a xeracións de rapaces e rapazas galegas” asegura o deputado de Cultura, Xurxo Couto. “Ademais é posible que entre estes rapaces e rapazas que medraron da man da súa obra se conten algunhas das escritoras e escritores que xa forman parte da listaxe de gañadoras e gañadores do Raíña Lupa“, engade Xurxo Couto.
No acto de homenaxe participarán destacadas representantes da literatura galega que tiveron estreira relación co autor e coa súa obra, como son a escritora e académica Fina Casalderrey, o editor Manuel Bragado, o escritor Paco Martín, a escritora Rosa Aneiros, e a tradutora Isabel Soto. A actuación musical correrá a cargo de Su Garrido. Ademais, o ilustrador Miguelanxo Prado é o encargado da imaxe que creou especificamente para esta homenaxe, partindo dos anos de amizade e de colaboración artística que compartiron ilustrador e autor.
No mesmo acto do xoves 16 de decembro presentarase un caderno-homenaxe que recolle relatos breves de algúns dos autores e autoras gañadores do Raíña Lupa e que foi coordinado pola comisaria do Premio, Helena Torres. As persoas asistentes á homenaxe serán agasalladas tanto co caderno de relatos como cun marcapáxinas coa imaxe creada por Miguelanxo Prado.”

A escritora Andrea Maceiras gaña o XV Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil da Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
“O xurado do XV Premio Raíña Lupa da área de Cultura da Deputación da Coruña decidiu conceder o galardón á obra Que se me pare o corazón se te esquezo, da escritora Andrea Maceiras. O xurado valorou, entre outras cousas, o tratamento literario dun tema tan actual como as redes sociais.
Un xurado composto polo escritor Antonio Manuel Fraga, o divulgador científico a través das contas “Moléculas en galego” e “Balea Vermella”, Francisco Javier Brea Balea, a libreira Luz Gallego, a escritora, actriz e contacontos Soledad Felloza, ademais do escritor Xosé Antón Neira Cruz, gañador da edición anterior, escolleu a obra de Andrea Maceiras entre as 43 presentadas a esta edición do certame de literatura infantil e xuvenil convocado pola Deputación da Coruña. O xurado estivo presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto coa xefa de Servizo de Cultura, Mercedes Fernández Albalat como secretaria e a xestora cultural, Helena Torres como comisaria do certame.
Segundo explica o xurado, a obra Que se me pare o corazón se te esquezo, presentada baixo o lema “Plenilunio” aborda “un tema de plena actualidade como é o uso das RRSS, especialmente dos vídeo-blogs, mais tratado dun xeito non moralizante”. A obra, como engaden, “expón situacións duras sempre fuxindo da forma panfletaria”.
Outro dos valores que destacan da novela de Andrea Maceiras é que a acción atrapa o lectorado desde a primeira secuencia e agarra ata o final cunha historia en que son de especial interese as distintas relacións expostas e os afectos vividos polas personaxes.
Ademais, destacan que presenta un bo manexo da linguaxe, que conecta co xeito de sentir e vivir de adolescentes cunha gama diversa de personaxes que facilita a identificación cos mesmos.
Considera tamén o xurado que se trata dunha obra que é necesario incorporar ao sistema literario, que normaliza o uso da lingua galega nas redes. (…)”