Carlos da Aira, gañador da VIII edición do Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey

“Na tarde do 28 de novembro tivo lugar na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela a xuntanza do xurado que decidiu o VIII Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía, constituído por Luís Cochón, en calidade de presidente (que participou da deliberación vía telefónica), e mais os vogais Antón Lopo, Ismael Ramos, Mercedes Queixas e Armando Requeixo, amais de por Carmen Carreiro, presidenta da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe, que actuou como secretaria con voz e sen voto.
Logo dunha longa e intensa deliberación, o xurado decidiu outorgar por maioría de votos o premio ao poemario presentado baixo o título A guerra era contra nós, texto que se impuxo aos outros trinta e nove traballos presentados e que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Carlos Da Aira Fernández.
O xurado resaltou o bo nivel dos orixinais recibidos, así como a súa diversidade tanto estilística coma temática. O certame, que chega agora á súa oitava convocatoria, consolida así a súa andaina coa colaboración tanto do Concello de Fornelos de Montes, lugar natal do escritor que dá nome ao premio, coma da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe da mesma localidade e mais a Edicións Xerais de Galicia, responsable da publicación do volume gañador, que será presentado publicamente a comezos do vindeiro mes de abril, en data coincidente co natalicio de Lueiro Rey, nun acto de entrega do premio en Fornelos de Montes.
O xurado estimou en A guerra era contra nós o admirable dominio do poema en prosa, a forza das imaxes e o tempero na dicción, que conforman un discurso harmónico e de forte equilibrio interno. Tamén salientou a coherencia na ollada da voz poética, que reflexiona crítica e reveladoramente sobre a condición humana e a súa circunstancia.”

(Foto do autor: Demian Ortiz).

Xerardo Quintiá gaña o VII Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey

Desde Sermos Galiza:
“O poemario presentado baixo o título Fornelos & Fornelos: terceira fundación, de Xerardo Quintiá, é o gañador da VII edición do premio de poesía Manuel Lueiro Rey, promovido polo Concello de Fornelos de Montes, lugar natal do escritor que dá nome ao premio, coa colaboración da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe e Edicións Xerais.
Un total de 41 traballos presentáronse a esta sétima edición. O xurado resaltou o bo nivel dos orixinais recibidos, así como a súa diversidade tanto estilística coma temática.
O xurado estimou que o poemario gañador constrúe un “universo lírico enraizado na mellor tradición literaria occidental sen allearse das vizosas raíces do noso herdo poético”. Destacou tamén “a súa sólida arquitectura, a forza das imaxes e o celmoso do seu léxico”. (…)”

Fallado o VI Premio Manuel Lueiro Rey de poesía

Desde Tempos Dixital:
“O xurado do VI Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía, reunido na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela e formado por Luís Cochón, en calidade de presidente, e por Silvia Penas, Mercedes Queixas, Armando Requeixo e Ramón Rozas como vogais, ademais de por Carmen Carreiro, presidenta da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe, que actuou como secretaria con voz e sen voto, decidiu outorgar por unanimidade o premio ao poemario presentado baixo o título Corpo, de Antón Lopo. O texto impúxose aos outros trinta e un traballos presentados.
O xurado resaltou o bo nivel dos orixinais recibidos, así como a súa diversidade tanto estilística coma temática. O certame, que chega agora á súa sexta convocatoria, consolida a súa andaina coa colaboración do Concello de Fornelos de Montes, lugar natal do escritor que dá nome ao premio, da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe da mesma localidade e de Edicións Xerais de Galicia, responsable da publicación do volume gañador, que será presentado publicamente a comezos do vindeiro mes de abril, en data coincidente co natalicio de Lueiro Rey. O acto de entrega terá lugar en Fornelos de Montes.
O xurado estimou que Corpo é un excelente poemario, denso por variado ―tocata e fuga―, que se compón de diversas suites que se completan ou se enfrontan ou se escisionan (eses parénteses e claudátores). O autor constrúe este Corpo medrado con poder de convicción tanto que convenceu, unánime, os cinco membros do xurado. Ponderado, pousado, serán versos para quedar, no tempo que nos acolla, cando menos neste libro admirable.”