Gonzalo Hermo gaña o XXII Premio Miguel González Garcés de poesía da Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
“O poeta Gonzalo Hermo resultou gañador do XXII Premio Miguel González Garcés de poesía, organizado pola área de cultura da Deputación da Coruña. O xurado decidiu premiar a súa obra Un xesto de tenrura entre as 129 propostas presentadas, das que destacaron a súa “elevadísima calidade”.
A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu o xurado que integraron Yolanda Castaño Pereira; Pablo Otero Rodríguez; Míriam Ferradáns Ferradás; Samuel Merino Gómez e Oriana Méndez Fuentes. Como secretaria actuou Manuela Muñiz, xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes.
O xurado destacou que a obra gañadora “propón unha poesía introspectiva e depurada, onde a linguaxe rica e evocadora se achega á súa forma máis pura, eliminando excesos e retóricas para lograr unha obra de precisión sensorial”. Ademais, salientaron que “ofrece unha experiencia poética completa, cunha estrutura ben meditada, que conxuga a beleza da palabra coa profundidade do pensamento”.
Concluíron que “marca unha achega significativa á poesía contemporánea en galego, e amosa o xeito en que encarar a idade adulta comporta adoito o desvencello, pero que a luz da soidade pode ser unha forma de liberdade tamén”.”

A falsa autónoma, de Yolanda Castaño, gañadora do Premio González Garcés

Desde a Deputación da Coruña:
“(…) A obra presentada baixo o título A falsa autónoma, que unha vez aberta a plica resultou ser da autoría de Yolanda Castaño, é a gañadora do XXI Premio González Garcés de Poesía da Deputación da Coruña.
O xurado, que se reuniu na mañá do 28 de setembro, estivo formado polas poetas Pilar Pallarés, Alba Cid, Susana Sanches Arins, Ismael Ramos e Daniel Asorey –este último gañador da anterior edición do premio xunto a Lupe Gómez-, e presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto. Como secretaria actuou a xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes, Mercedes Fernández-Albalat Ruiz.
No seu informe, o xurado valorou “o tratamento temático das vidas precarizadas, facendo fincapé no eido laboral e cultural desde unha marcada perspectiva de xénero”.
Indica, ademais, que considera “positiva a orixinalidade do tema, escasamente abordado na poseía galega.” No plano formal, salienta “a ironía no discurso, as referencias meta-literarias e a pericia na construción do poema” (…)”

Carral: A cultura é un dereito. Xornada XII: “Certames de poesía como motores dunha literatura propia”, o 9 de xuño

Lupe Gómez e Daniel Asorey gañan o XX Premio González Garcés de poesía da Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
Silabario da peste de Lupe Gómez e Contra natura de Daniel Asorey son as obras gañadoras do Premio González Garcés de poesía da Deputación da Coruña que chega este ano a súa vixésima edición. O premio, que se concede ex aequo, está dotado con 6.500 € máis a publicación das obras.
Un xurado composto polas poetas Lorena Conde, María Lado, Ánxela Lema, Eli Ríos e Antón Lopo co deputado de Cultura, Xurxo Couto como presidente e a xefa de sección de Cultura, Manuela Muñiz como secretaria, decidiu conceder a XX edición o Premio González Garcés ex aequo a Lupe Gómez e Daniel Asorey polas súas obras Silabario da Peste e Contra natura.
Da obra de Lupe Gómez o xurado destaca que é un “libro cruzado polas atmosferas do confinamento no que a voz da súa autora mantén o pulso poderoso da poesía como instrumento de supervivencia. A palabra rompe o silencio e convértese a través dunha escrita convulsa nunha explosión vital e escintilante”.
En canto ao poemario de Daniel Asorey o xurado puxo fincapé na interesante “incidencia da voz poética na necesidade de irmandade sobre a non normatividade e aposta polo colectivo, o cal converte este libro nunha insólita proposta de amores, alianzas e rebeldía”.
O xurado destaca tamén o alto nivel dos máis de sesenta libros presentados a esta convocatoria, o que “demostra a boa saúde da literatura galega e, en concreto, da poesía”. Precisamente, a altura das obras presentadas motivou un gran debate e propiciou que, ante unha decisión especialmente difícil, o xurado decidise declarar ex aequo o premio e reflectir neste fallo a riquísima variedade das liñas creativas presentadas ao concurso.”

A escritora Eli Ríos gaña o Premio González Garcés de poesía con Ningunha tortilla é mala

Desde a Deputación da Coruña:
“A escritora Eli Ríos é a gañadora da 29ª edición do Premio Miguel González Garcés da Deputación da Coruña coa súa obra Ningunha tortilla é mala. Silvia Penas, con Subministro, é a finalista do certame.
O xurado composto por Vicente Araguas, Emma Pedreira, Xosé María Álvarez Cáccamo, Rafa Vilar e Lorena Conde como gañadora da edición anterior, presidido pola vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei coa xefa de sección, Mercedes Fernández Albalat como secretaria, optou por Ningunha tortilla é mala, de Eli Ríos, como gañadora do Premio González Garcés de poesía entre os 92 orixinais presentados ao concurso. Como finalista, o xurado escolleu o libro Subministro da poeta Silvia Penas.
O xurado destaca que na obra de Eli Ríos, “hai unha poesía pictórica e secuencial, case minimalista que xoga coa metalingüística” e nela atopan tamén “humor e a retranca que, sen romper a profundidade do texto, o alixeira”. “O texto ten a capacidade de conectar un mundo que vai do detalle ao universal, mediante un xogo lingüístico no que se vale dunha estética do silencio”, apunta o fallo do xurado que fala dunha obra “moi sensorial que podería resumirse como o relato da elaboración dunha tortilla sinestésica como metáfora do desexo.
En canto á obra de Silvia Penas, o xurado apunta que “reflexa a poesía do cotián, co pano de fondo do mundo do traballo das mulleres; o texto utiliza o humor, atemperado pola boa linguaxe poética e pode considerarse unha actualización do mito da torre de marfil na que vivían os poetas”. (…)
O premio consiste en 6.500 € máis a publicación da obra premiada por parte da Deputación da Coruña dentro da colección do Premio González Garcés.”