Ana Cabaleiro gaña o Premio García Barros 2018

Desde Galaxia:
“Reunido o 18 de xullo no concello da Estrada, o xurado do XXX Premio de Novela Manuel García Barros decidiu declarar gañadora a novela As Ramonas que, aberta a plica, resutou ser da autoría de Ana Cabaleiro.
O xurado, composto por Eulalia Agrelo Costas, Carlos Lema, Armando Requeixo, Olalla Cociña e Carlos Loureiro, actuando como secretario, sinalou que a novela está “Narrada cunha prosa de extraordinario labrado, salienta polo fino trazado das personaxes e a nidia aposta pola forza dos vínculos que veñen da infancia e da adolescencia e tamén da familia e a tribo, especialmente aqueles que a unen ás súas devanceiras e compañeiras”.
As Ramonas é unha historia de protagonismo feminino onde unha fotógrafa experimentada se atopa nunha encrucillada vital e profesional que lle fai cuestionarse todo. Como unha antiheroína do século XXI, a protagonista simboliza no seu camiñar a vitoria da arte sobre as continxencias cotiás. (…)
O premio ten unha dotación económica de 9.000 euros e As Ramonas será publicada o vindeiro outono na colección Literaria da Editorial Galaxia. (…)”

Marcos Calveiro gaña o García Barros con O xardineiro dos ingleses

Desde Galaxia:
Marcos Calveiro gaña o XXIX Premio García Barros coa obra O xardineiro dos ingleses, que para finais de ano verá a luz na Editorial Galaxia. O xurado composto por Carlos Lema, Armando Requeixo, Mario Regueira, Inma Otero e Carlos Loureiro destacou esta novela entre todas as que se presentaron. (…)”

Entrega do Premio García Barros a Miguel Sande e cea literaria

Desde Galaxia:
“O venres, día 16 de decembro, entregouse na Estrada o Premio García Barros ao escritor Miguel Sande pola súa novela A candidata, publicada por Editorial Galaxia. Posteriormente, celebrouse unha Cea Literaria cun coloquio na sobremesa no que se debateu arredor do tema “Crise do modelo narrativo e heterodoxia na concepción dos xéneros literarios. ¿Aínda é posible a antinovela?”. Este é o décimo ano consecutivo que se celebra tanto a Cea Literaria coma o coloquio, que escolle como punto de partida un asunto relacionado coa obra gañadora.
Participaron, ademais de Miguel Sande, outros gañadores do premio en edicións anteriores (Xosé Monteagudo, Manuel Portas, Xesús Constela e Antón Riveiro Coello), críticos literarios (Xosé Manuel Eyré, Armando Requeixo e Inma Otero Varela) e escritores (Berta Dávila, Anxos Sumai, María López Sández e Adolfo Caamaño), xunto co director de edicións de Galaxia, Carlos Lema. Na cea tamén estiveron presentes, entre outros, Juan Constenla, concelleiro de cultura da Estrada e Valentín García Gómez, secretario xeral de política lingüística.
Unha crónica do acto tamén se pode ler aquí.”