Arquivos da etiqueta: Premio Nacional de Poesía do Ministerio de Educación e Cultura de España
Yolanda Castaño: “Gañar o Nacional de Poesía é a segunda cousa máis difícil da miña vida”
Entrevista a Yolanda Castaño no Faro de Vigo:
“(…) Eran as seis da mañá en Chiapas; ás 14.45 aquí, cando polo teléfono a autora coruñesa daba as grazas polos parabéns e sinalaba a este diario: “Gañar o Premio Nacional de Poesía é a segunda cousa máis difícil da miña vida. A primeira, dedicarme á poesía”.
Materia saíra publicado por primeira vez en galego en xuño de 2022 con Xerais. Pronto chamou a atención pola súa “achega diferente” á maternidade “dende unha óptica máis cuestionadora e desde a perspectiva crítica”, sinalaba a propia poeta a FARO meses atrás.
Castaño certificou a súa renuncia á maternidade en versos como A xente devece por multiplicarse/Eu,/ dividiríame ou na homenaxe a Idea Vilariño “Non chegarei a” dirixido á filla ou fillo que non terá e onde atopamos Non te verei facer/ o que amas tan profundo/ Non coñecerei os teus fillos/ bañados polo sol/ un mes de agosto./ Non sosterás o meu pescozo./ Non me apagarás a luz.
Na tarde de onte, a escritora galega explicaba que “eu só quería visibilizar unha opción que teñen todas as mulleres, se é que son verdadeiramente libres, e que é a opción de non ser nai. A auténtica liberdade é aquela na que calquera das opcións estea igual de lexitimada, visibilizada e co mesmo prestixio social. Non debemos aplaudir unha soa das opcións”.
Porén aclarou que ela non defende que “unha das opcións sexa mellor ca aoutra; nin sequera que unha reciba apoio en certo espazo e non noutro”.
Para cuestionar a maternidade, Yolanda Castaño debullou os poemas tirando dun fío metafórico que repasa os tres estados da materia como se fosen capítulos con nome propio. No comezo do poemario con “Un río subterráneo” (líquido) lembrou os seus avós; para pasar ao sólido con “Iceberg” –onde fala de seus pais e irmán, o núcleo familiar máis próximo– e rematar co gaseoso, o futuro de Yolanda, en “Nube ou o peso da ingrávida”.
Aí, en poemas como “Suspendida”, escribe: Filla, filla miña: non podo cargarte no meu colo./ Fica onde estás, queda tranquila./ Baixando polos chanzos das liñas deste poema/ apenas na voz ganduxada neste verso,/ falareille aínda morta a unha ti non nacida.
Preguntada pola vangarda na súa creación, respondía que “hai que intentar sempre dar un pasiño máis adiante como poñerte ao límite e ser esixente contigo mesma como creadora. Tes que intentar ser a mellor poeta que poidas ser e non repetir fórmulas xa feitas incluídas as que nos funcionaron no pasado porque iso nos fai mortas como creadoras”.
Yolanda Castaño explicou que se atopaba en Chiapas, en San Cristóbal de las Casas, con motivo dun festival de poesía alí no que é a única representante do Estado español xunto ao asturiano Miguel Rodríguez Monteavaro. “Estou lonxe da miña familia pero foron os primeiros en chamar e estaban moi emocionados. Dalgún xeito, inda que sexa cómico si que é un premio para a familia. Contar as familias a través da literatura sempre se fixo e esta é unha maneira de que unha historia familiar quede na memoria. Todos temos vínculos familiares cara o pasado e cara o futuro. O que quería era unir esa liña desde as miñas devanceiras a esas proxeccións de futuro familiares”, reflexionou. (…)”
A compostelá Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía
Desde Nós Diario:
“A poeta compostelá Yolanda Castaño foi galardoada co Premio Nacional de Poesía do ano 2023 pola súa obra Materia (Xerais, 2022), a proposta do xurado reunido esta cuarta feira. O premio, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, está dotado con 30.000 euros. O xurado destacou a súa obra “pola poderosa proposta poética na que cada estado da materia se expresa nun ton propio, con poemas dunha metafísica que causa dor e orixinal, que apunta tanto á vangarda como á orixe cunha extraordinaria forza evocativa e sensorial”.
Tamén destacaron que “en Materia, Yolanda Castaño móstranos unha poesía metafórica que dialoga coa memoria persoal e colectiva e, á vez, directa, radical e feminista” e que explora, “de forma non compracente, temas como a maternidade, a familia e os costumes e logra sacar a realidade da súa nebulosa habitual para concretala en materia lingüística, destacando o xogo verbal e rítmico que cuestiona o estabelecido”.
O xurado estivo presidido pola directora xeral do Libro, do Cómic e da Lectura do Ministerio de Cultura e Deporte, María José Gálvez Salvador, e como vicepresidente actuou o subdirector xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas, Jesús González González. As vogais foron Ana Romaní Blanco, proposta pola Real Academia Galega; José Manuel López Gaseni, pola Euskaltzaindia; Víctor Obiols Llandric, polo Institut d’Estudis Catalans, e Àngel Vicent Calpe Climent, pola Acadèmia Valenciana de la Llengua.
Tamén figuran José Francisco Agarrades Montero Reguera, pola Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE); Rosa Romojaro Montero, pola Asociación Española de Críticos Literarios; Cristina de Alzaga Fraguas, pola Federación de Asociacións de Xornalistas de España (FAPE); Alicia Aza Campos, pola Asociación Colexial de Escritores de España (ACE); Rosa María García Rayego, polo Instituto de Investigacións Feministas da Universidade Complutense de Madrid; Ernesto Pérez Zúñiga, polo Ministerio de Cultura, e Aurora Luque Ortiz, galardoada na convocatoria de 2022. (…)”
Feliz Idade, de Olga Novo, Premio Nacional de Poesía 2020
Desde Kalandraka:
“Feliz Idade, de Olga Novo, publicado na colección Tambo de Kalandraka, vén de recibir o Premio Nacional de Poesía 2020. Esta distinción súmase ao recente Premio Nacional da Crítica Española no apartado de Poesía Galega e ao Premio Gala do Libro Galego 2020. O xurado destacou que se trata dun “relato vitalista que celebra o amor e a existencia máis aló do tempo”, relacionando “a maternidade e a morte cunha fonda presenza crítica da memoria histórica”.
Así, o eixe de Feliz Idade é o ciclo vital que abrangue o tempo dende o nacemento e a nenez da filla da autora ata o declive físico e o pasamento do pai desta, polo que se trata dun poemario cunha intensa implicación sentimental e emocional. Comeza cunha carta-limiar dirixida á nena sobre a importancia das raíces familiares e da terra de Vilarmao, na localidade lucense da Pobra do Brollón, onde habitaron os seus ancestros, polo que nestes versos tamén teñen moito protagonismo o mundo rural e o seu progresivo abandono. (…)
“A voz poética de Olga Novo, inconfundible e de gran potencia”, afirma o xurado do Premio Nacional de Poesía 2020, “conxuga autenticidade e verdade, e distínguese pola súa linguaxe visionaria que trae á contemporaneidade o eco ancestral de toda unha tradición literaria”. Precisamente, en Feliz Idade xúntase a pegada de voces literarias diversas, dende Rosalía de Castro ou Luís Pimentel, a John Berger, Walt Whitman ou Dylan Thomas.
Vidas, persoas e historias son a materia prima deste libro que enlaza pasado, presente e futuro a través das distintas xeracións dunha familia. Trátase dunha poesía sinestésica, elaborada dende a madurez biográfica e literaria dunha escritora que reflicte -con autenticidade e paixón- a evolución da vida. (…)”
Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2019
Desde Fervenzas Literarias:
“Tras case un mes de votacións, o 15 de xaneiro pechou o prazo para votar na enquisa anual para escoller Os mellores libros do ano.
Como cada ano, queremos darvos as grazas a todas e a todos os lectores que cos vosos votos axudades, dende hai xa trece anos, a facer posible esta proposta. Moitas grazas!
E agora so resultados… Moitos parabéns aos libros premiados! Velaquí están os mellores libros do 2019!
– Mellor libro de narrativa para Carrusel, de Berta Dávila.
– Mellor libro de poesía para Feliz Idade, de Olga Novo.
– Mellor libro de ensaio/investigación para Vigo, puro milagre, de Manuel Bragado.
– Mellor libro de teatro para Na miña alma ouvea un lobo, de Xavier Lama.
– Mellor álbum de banda deseñada para O bichero IX, de Luís Davila.
– Mellor libro traducido para público adulto para Os homes explícanme cousas, de Rebecca Solnit, traducido por María Fe González Fernández.
– Mellor libro de literatura xuvenil para Os corpos invisibles, de Emma Pedreira.
– Mellor libro de literatura infantil para Xelís, o guieiro das botellas de mar, de Rosa Aneiros.
– Mellor libro traducido de literatura infantil e xuvenil para Astérix: A filla de Vercinxetórix, de René Goscinny, Albert Uderzo, Jean-Yves Ferri e Didier Conrad, traducido por Isabel Soto, Xavier Senín e Alejandro Tobar.
– Autor/a do ano para Ledicia Costas.
– Ilustrador/a do ano para Andrés Meixide.
– Mellor capa de libro para adultos para Infamia, de Ledicia Costas.
– Mellor capa de libro de literatura infantil e xuvenil para Amani, de Miguelanxo Prado, publicada por Retranca Editora.
– Mellor editorial do ano para Xerais.
– Mellor crítico/a literario/a para Armando Requeixo.
– O mellor acontecido para o Premio Estatal de Poesía para Pilar Pallarés.
– O peor acontecido para a política cultural e lingüística da Xunta de Galicia.
– Mellor Libraría para a Libraría Cartabón.
– Mellor medio de comunicación para Praza.
– Mellor blog/web literaria para BiosBardia.”
Tempo fósil de Pilar Pallarés, obtén o Premio Nacional de Poesía do Ministerio de Cultura
Desde Sermos Galiza:
“Tempo fósil (Chan da Pólvora, 2018) supuxo a clausura dun silencio: o dos sete anos que a poeta Pilar Pallarés pasou sen dar libro ao prelo. Testemuño dunha destrución, talvez a máis directamente política das súas obras, acaba de valerlle o Premio Nacional de Poesía do Ministerio de Cultura 2019.
Pilar Pallarés (Culleredo, 1957) xa fora unha das voces máis singulares das emerxidas na poesía galega dos anos oitenta. O seu alento fráxil e ao tempo rexo, cultista na expresión pero desolado e en carne viva, erótico tamén en sentido etimolóxico, informou títulos determinantes: Sétima soidade (1984) e, sobre todo, o Livro das devoracións (1996). Este último marcou a fogo non poucas das propostas máis novas do xénero na Galiza.
Con Leopardo son (2011) rachara outro deses longos períodos en que fica afastada dos territorios editoriais. Mais foi Tempo fósil a que a reconectou a autoras e autores máis mozos. Detectaron neste reconto adusto da aniquilación da casa, neste cemiterio de ósos non unicamente imaxinarios, partículas dunha verdade que os interpela directamente.
O xurado do galardón -dotado con 20.000 euros- entendeu que os seus poemas “transmiten con profunda sabedoría e emoción, a un tempo lúcida e esgazada, a experiencia da perda do vivido”. (…)”
Yolanda Castaño, a un paso do Premio Nacional de Poesía, desde Canadá
“Finalista do Premio Nacional de Poesía, A Segunda Lingua (Premio Fundación Novacaixagalicia, 2014), a última entrega poética da compostelano-coruñesa Yolanda Castaño, quedaba recentemente ás portas do máis alto galardón do Estado. Logo de pasar oito de nove roldas de votación, na última delas o xurado decantábase por Luis Alberto de Cuenca, deixando a Castaño sen acrecentar o único nome galego que conta a historia deste recoñecemento poetico: Manuel Álvarez Torneiro no ano 2013.
A escritora estivo estes días no Canadá, facendo parte do XXXI Festival Internacional de Poesía de Trois-Rivières. A pesar de ser o máis lonxevo de Norteamérica e terceiro do mundo, este encontro mundial de autores nunca contara cun/a poeta de Galicia nas súas trinta anteriores edicións. Entre outros e outras participantes dos catro continentes, Castaño ofreceu máis de vinte recitais en galego e en tradución ao francés neste festival francófono que se celebra durante dez días de outubro cada ano no Quebec.”
Manuel Álvarez Torneiro suma o Premio Nacional de Poesía ao ronsel de Os ángulos da brasa
Desde Sermos Galiza:
“O poeta Manuel Álvarez Torneiro vén de ser recoñecido co Premio Nacional de Poesía 2013 pola súa obra Os ángulos da brasa. O libro leva camiño de se converter no máis premiado da nosa historia literaria, co Premio da Crítica Española, o da AELG e o Ánxel Casal da Asociación de Editores.
O premio concedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte está dotado con 20.000 euros e recoñece a calquera poeta dunha das linguas oficiais no Estado. O xurado estivo presidido por María Teresa Lizaranzu como directora xeral de Política e Industrias Culturais e do Libro e tiña como vocais a Inés Fernández-Ordóñez, Basilio Losada Castro, Amaia Jauregizar, Susanna Rafart i Corominas, María Isabel López Martínes, Juan Ángel Juristo González, Juan José Lanz, Ramón Sánchez-Ocaña Serrano, María Ángeles Egido León e Jaime Siles Ruiz.
Creados no 1999 é a primeira vez que o premio do Ministerio de Cultura se concede por unha obra escrita en galego, malia haber entre os seus gañadores un autor nado en Ourense, José Ángel Valente. (…)