Ramón Villares e Paco Martín, Premio ex aequo Otero Pedrayo 2019

Desde a Real Academia Galega:
“O xurado do Premio Otero Pedrayo 2019 acordou por unanimidade na xuntanza mantida a semana pasada conceder o galardón ex aequo a Ramón Villares e a Paco Martín. O académico e o escritor recibirán o galardón nun acto que se celebrará na Deputación de Lugo.
O Premio Otero Pedrayo foi instaurado no ano 1977 e na actualidade é promovido polas catro deputacións provinciais galegas e a Xunta de Galicia. A Deputación de Lugo encárgase este ano da organización do galardón, que recoñece a dúas figuras da cultura galega con raíces nesta provincia. (…)”

María Xosé Queizán e Antía Cal gañan o Premio Otero Pedrayo

Desde Sermos Galiza:
“A pedagoga e ensinante Antía Cal e a escritora María Xosé Queizán son as gañadoras do Premio Otero Pedrayo, convocado polas catro deputacións e a Xunta e organizado nesta edición pola Deputación da Coruña. O premio está dotado con 16.000 euros.
O Premio Otero Pedrayo recae por primeira vez en dúas mulleres, pioneiras no mundo do ensino e do uso do galego na escola no caso de Antía Cal e na defensa dos dereitos das mulleres desde todos os ámbitos, de maneira especial desde o literario, ensaístico e activista, María Xosé Queizán. Desde a súa creación hai xa máis de corenta anos, a pasada edición foi a primeira vez que unha muller, Margarita Ledo.
A mestra e pedagoga Antía Cal (La Habana, 1923) foi durante o seu tempo como ensinante un referente da nova pedagoxía que busca en modelos anovadores que daquela nacían en Europa, nunha época na que a escola estaba dominada polo franquismo. Ademais de ensinar, trata de completar a educación creando materiais didácticos dos que nace a enciclopedia O libro dos nenos e o volume A arte e a súa historia, escritos en galego nos anos cincuenta. Do encontro cos novos movementos pedagóxicos nace a Escola Rosalía de Castro que ela crea en Vigo, un centro laico, plural, diverso, democrática e conectada co mundo que a rodeaba. Antía Cal deixou a súa traxectoria escrita na súa autobiografía Este camiño que fixemos xuntos, un volume que mostra unha muller emprendedora, de grande amor ao país, a súa lingua e a súa cultura e exemplo de mestra que cre no poder e na necesidade dunha escola participativa e galega.
A escritora María Xosé Queizán (Vigo, 1939) conta cunha intensa traxectoria na literatura e tamén no activismo centrado, de maneira especial, na defensa dos dereitos das mulleres. Queizán é pioneira na teorización do movemento feminista desde a situación que vivían e viven as mulleres galegas que se reflicte nun amplo corpus ensaístico mais tamén nos outros xéneros literarios que a autora visitou.
O obxectivo do premio é, ademais de perpetuar e honrar a memoria de Otero Pedrayo no campo das letras e o coñecemento, premiar un labor que constitúa unha contribución eminente á cultura galega e promocionar os valores propios de Galiza. (…)”

Margarita Ledo recibe o Otero Pedrayo: “A lingua sálvanos”

Desde Sermos Galiza:
“A cineasta, escritora, académica e catedrática Margarita Ledo Andión (Castro de Rei, 1951) converteuse na primeira muller en obter o Premio Otero Pedrayo outorgado polas deputacións galegas. “A lingua salva a Otero e sálvanos a nós. Por iso estamos acó hoxe”, rematou Ledo Andión o seu discurso de agradecemento no pazo provincial pontevedrés.
A autora da novela Trasalba ou Violeta e o militar morto (1985) repasou a súa estreita relación coa figura e as ideas de Otero Pedrayo. Que comezou nunha familia republicana, a súa, e a memoria de como o intelectual galeguista “con Castelao, dixo si ao dereito das mulleres a votar, a seren cidadás plenas”. Foi nas Cortes en que ambos os dous eran deputados do Partido Galeguista.
“Hoxe entrecrúzanse sinais múltiplas”, engadiu, “os 130 anos do nacemento de don Ramón e, singularmente, os 60 anos da ‘derradeira lección de Otero”. Esta foi a primeira aula en galego impartida na universidade galega despois da Guerra Civil. E, na semana en que sucederá a histórica folga feminista do 8M, Ledo non esqueceu amosar o seu compromiso coa mesma: “Terán lugar unha restra de accións para chamarmos a atención sobre un devalo -termo tan oteriano- que intensifica os mecanismos, visíbeis e latentes de control, submisión e desprezo de nós”.
A glosa sobre a vida e a obra da galardoada correspondeu á súa colega escritora e académica Fina Casalderrey. A muller dos zapatos andantes, titulouna. De “fervenza de militancia e inconformismo, de entusiasmo resistente”, cualificouna, “unha insubmisa, comprometida co país dende moi nova”. A transgresión e o seu carácter pioneiro en non poucos ámbitos da cultura tamén foron sinalados por Casalderrey.
A presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o responsábel da área de cultura da institución, Xosé Leal, salientaron Ledo Andión como “un expoñente de cultura de excelencia do país” e o seu papel “na defensa do galego e da cultura galega”.”

Margarita Ledo Andión: “Galiza é un país subexposto, moi censurado”

Entrevista de Daniel Salgado a Margarita Ledo Andión en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): O premio Otero Pedrayo é oficialista…
– Margarita Ledo (ML): Si, moi oficialista.
– SG: …como se evita que este tipo de recoñecementos domestiquen a cultura?
– ML: Esta é unha cultura tan anómala que está ateigada de premios. En troques de haber eses premios nacionais a algo que en determinado momento che fai avanzar, hai toda esta sucesión de recoñecementos. Eu fiquei sorprendida. Porque non é un mapa que teña na cabeza. Cando me chama Carmela Silva, a presidenta da Deputación que convocaba este ano, sorprendeume. Despois o nome, Otero Pedrayo, fíxome sentir a gusto. Logo dígome que son a primeira muller e obrígome a saber por que. Ten a ver co rol da muller no terreo da proxección cultural. Logo descubro que, para alén das entidades convocantes, hai un xurado máis amplo, de 20 persoas. Pero podemos darlle a volta e, en honor a Junqueras, dicir “hai que recuperar as institucións”. Calquera sociedade se dota de instrumentos institucionais, que son xusto ese mundo de relación entre o diferente: diferentes intereses, diferentes tácticas, diferentes prioridades. Aquilo que é urxente para que unha sociedade non desapareza, que é o noso risco: que desapareza aquilo que Otero representa para converternos en reclamo turístico. Esa función como única posíbel. Nunha situación normal, nas institucións entrarían os recoñecementos. Na nosa, creo que hai unha sobreexposición dos premios.
– SG: Esa é a sensación.
– ML: E ao tempo hai aspectos da cultura absolutamente abandonados. Agora traballamos nun programa europeo de subtitulado en linguas non hexemónicas. Traballamos con diferentes países europeos e con Catalunya e Euskadi. Galiza é o único país que non ten política de subtitulado. Hai áreas absolutamente abandonadas e outras sobreexpostas. Galiza é un país subexposto, moi censurado. Para a visibilización da cultura galega é necesaria unha institución como o Ramón Llull catalán ou como o Etxepare vasco. Hai subexposición nalgun Hai subexposición nalgunhas cousas e sobreexposición noutras. E seguramente o mundo dos premios está sobreexposto.”

Margarita Ledo, primeira muller premiada co Otero Pedrayo nos seus 40 anos de historia

Desde Sermos Galiza:
Margarita Ledo Andión é a primeira muller que recibe o premio Otero Pedrayo nos 40 anos de historia deste prestixioso galardón. A proposta, que saíu da Deputación de Pontevedra, de que a catedrática, académica e cineasta fose galardoada con este recoñecemento foi aprobada por unanimidade. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o responsábel de Cultura, da entidade provincial Xosé Leal, foron os encargados de transmitirlle telefonicamente á propia Margarita Ledo ao remate da xuntanza do xurado reunido en Pontevedra baixo a presidencia do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
Poeta, narradora, xornalista, investigadora, directora de cine, feminista, galega,… Margarita Ledo Andión (Castro de Rei, 1951) recibe así máis unha merecida homenaxe como recoñecemento da súa obra, froito dunha traxectoria que vai da literatura ao audiovisual, da docencia á implicación co noso país.
No informe da súa proposta, a Deputación de Pontevedra destacou especialmente de Margarita Ledo “a súa traxectoria vital, profesional e intelectual marcada pola súa temperá militancia política, o exilio e o lectorado de galego na Facultade de Letras da Universidade de Porto, o xornalismo comprometido e as primeiras investigacións sobre as relacións dos intelectuais republicanos portugueses e galegos”.
Tamén salientou que foi “pioneira en centrarse en investigacións e xéneros audiovisuais que non estaban desenvolvidos na Galiza e sempre tendo presente a perspectiva de xénero en todos os seus traballos, investigacións e intervencións públicas”.
Ademais, destácase que foi unha defensora, “a través de toda a súa traxectoria, do idioma galego con valor identitario e cultural de seu, e en pé de igualdade cos demais idiomas da península Ibérica e do mundo”.”

Arcadio López Casanova é recoñecido co Premio Otero Pedrayo

DesdeArcadio López Casanova Cultura Galega:
“O escritor lucense Arcadio López Casanova foi galardoado co Premio Otero Pedrayo en recoñecemento á súa carreira literaria. O galardón que entregan anualmente a Xunta, a Real Academia, as catro deputacións, as universidades e mais o Instituto Padre Sarmiento está dotado con 30.000 euros e quere recoñecer a persoas e institucións que fan unha contribución eminente á cultura do país e aos seus valores. A Deputación de Lugo, que corría este ano coa organización do galardón, foi quen fixo público o acordo do xurado.”

Xosé Neira Vilas é homenaxeado co Premio Otero Pedrayo

Desde Cultura Galega:
“O xurado do Premio Otero Pedrayo, que convocan anualmente as catro deputacións galegas, acordaba onte outorgallo nesta edición a Xosé Neira Vilas. O galardón, que recoñece contribucións destacadas á cultura galega, valorou o autor de Memorias dun neno labrego como “unha das figuras máis representativa das letras galegas actuais, polo seu inxente labor a prol da cultura galega; por ter contribuído ó longo de toda a súa vida a difundir a cultura e tradición de Galicia e por unir a xeracións durante anos entorno á nosa historia, á nosa lingua e á identidade e características propias”.
O presidente da Real Academia Galega e membro do xurado, Xesús Alonso Montero, definiu o homenaxeado como “o candidato de todos os cidadáns da cultura galega”. Canda a el, facían parte do xurado representantes das deputacións, das secretarías xerais de Cultura e Política Lingüística, da Universidade de Vigo e do CSIC entre outros.”

A traxectorial vital e literaria de Ferrín, premiada co Otero Pedrayo

Desde Sermos Galiza:
“O xuri do Premio Otero Pedrayo recoñece co galardón a traxectoria de Xosé Luís Méndez Ferrín como poeta, ensaísta e narrador, mais tamén, a proposta de Manuel Baltar, destaca a súa biografía “chea de renuncias persoais” en que se valoran con especial relevancia as “decisións tomadas mesmo contra a propia estabilidade do seu entorno emocional máis cercano”. A candidatura de Xosé Luís Méndez Ferrín foi apresentada na propia xuntanza polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e contou co apoio dos representantes da Xunta, en concreto o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo e o director xeral de Política Lingüística, Valentín García. A candidatura do ex presidente da RAG obtivo tamén os votos dos representantes das Deputacións de Ourense e Pontevedra, do escritor Darío Xohán Cabana, en representación da Academia, e con algún dos representantes das Universidades. O premio está dotado con 30.000 euros. (…)”.

Basilio Losada leva o XXXV Premio Otero Pedrayo

“O tradutor e primeiro catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universitat de Barcelona, Basilio Losada, é o galardoado co Premio Otero Pedrayo na súa XXXV edición. O premio, que entrega a Xunta de Galicia e mais as catro deputacións, pretende perpetuar a memoria de Ramón Otero Pedrayo e está dotado con 30.050,60 euros. O xurado, composto por representantes das entidades convocantes, as Universidades da Coruña, Santiago e Vigo, a Real Academia Galega e o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, emitiu onte o seu fallo.” Desde Cultura Galega.