Entrevista a Cesáreo Sánchez Iglesias en Galicia por Diante

Desde Galicia por Diante, da Radio Galega (fotografía da Radio Galega):
“O presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias, amosou a súa satisfacción polo calado social das celebracións arredor de Rosalía de Castro, a vixencia da escritora entre as novas xeracións e o apoio de entidades e institucións para homenaxear a autora de Follas novas. Nos Almorzos do ‘Galicia por diante’, Cesáreo Sánchez asegurou que o Día de Rosalía xa está consolidado na sociedade.
“Case 60 concellos declararon hoxe o Día de Rosalía e están a celebrar actos. Os máis novos están a facer gravacións de poemas cos seus móbiles, facendo selfies coas novas tecnoloxías que incorporan. Celebramos a Rosalía e celebramos a enorme, inmensa cultura que temos a sorte de ter os galegos.”
Sánchez Iglesias reclamou ademais que o Parlamento declare de forma oficial o 24 de febreiro o Día Escolar dedicado a Rosalía. Entre outras razóns, dixo, porque Rosalía segue sendo unha escritora actual.
“Rosalía nunca estivo tan viva e sobre todo, para ledicia nosa, para as novas xeracións. A obra de Rosalía chega até hoxe intacta. É capaz de emocionarnos como se fose algo escrito para hoxe. Porque os seus libros van ao centro de gravidade do ser humano, dese anaco de humanidade que somos os galegos.”
Para o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores, a obra de Rosalía vai máis alá o estritamente literario.
“Rosalía foi capaz ela soa de escribir o relato fundador dos galegos. Deunos un nome e rescatounos do anonimato da historia. Deunos protagonismo a nós mesmos como parte desa historia que se está a contar. Hai moi poucos escritores capaces de transcender a propia literatura. Ela soa soporta o peso de toda unha cultura nacional.”
Cesáreo Sánchez reivindicou tamén máis presupostos para a cultura, unha consellería de Cultura segregada da de Educación e lamentou que o acceso ao Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, non sexa libre e haxa que pedir autorización ao Arcebispado para visitalo ou organizar algún acto de homenaxe.
“Rosalía está no Panteón de Galegos Ilustres nun exilio interior doloroso. Nós agardamos que o sentido común acabe con este problema.”
Con todo, Sánchez Iglesias cre que Rosalía é unha figura capaz de unir a todos os galegos.
“Rosalía ten a capacidade de unirnos a todos arredor de sermos galegos.”

Pode escoitarse a entrevista completa aquí.

Entrevista a Manuel Lourenzo no Diario Cultural

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
““Foron moitos esforzos para conseguir unha institución así, era unha maneira de instalar o teatro na sociedade e que as institucións non tivesen máis remedio que contar con el”. O dramaturgo e director Manuel Lourenzo Profesor Honoris Causa pola ESAD de Galicia. Pode accederse á entrevista aquí.”

Entrevista a Daniel Asorey no Diario Cultural

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
““Non quería facer un futuro idealizado, quería facer un futuro crítico, tomar unha clara posición polos dominados”. Daniel Asorey publica Nordeste, a novela coa que gañou o Premio de Narrativa Breve Repsol. Pode accederse á entrevista aquí.”

Entrevista a Carme Fernández Pérez-Sanjulián sobre As Irmandades da Fala, cen anos despois

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
Carme Fernández Pérez-Sanjulián, coordinadora do volume As Irmandades da Fala, cen anos despois do grupo ILLA de Investigación Lingüística e Literaria Galega. “Foise consolidando a idea clara de que as Irmandades non son só o momento fundacional, senón que funcionan como organizadoras da actividade cultural e ideolóxica, como magma de fondo, entre o 1916 e o 1931”. Pode escoitarse a entrevista aquí.”

Entrevista a Teresa Moure e Justo Beramendi no Diario Cultural

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
Teresa Moure: “Foi a revolución bolxevique a que conseguiu popularizar unha serie de símbolos que seguen funcionando, seguen estando na nosa linguaxe, como referentes”.
Justo Beramendi: “Estamos vivindo unha involución moi grave de todo o conquistado polas sociedades no último cuarto do século XX”.
Preséntase Bolcheviques/Bolxeviques, unha obra en dous volumes con traballos de 23 especialistas arredor dos 100 anos da Revolución. Poden escoitarse as entrevistas aquí.”